Óscar Crespo Pinillos, bolseiro de Obra Social La Caixa: "Desexo que Campus Terra poda chegar a ser un modelo de integración dunha institución universitaria no medio rural"
Acaba de obter unha das bolsas máis prestixiosas das outorgadas no conxunto do Estado español, a que Obra Social La Caixa concede, cada ano, a 120 dos nosos mellores cerebros. Grazas a ela, Óscar Crespo Pinillos, un rioxano que se decantou polo Campus de Lugo da USC para converterse en enxeñeiro de Montes, poderá estudar un máster na Universidade de Yale. Antes de facer as maletas, cóntanos cales son as súas aspiracións de futuro e por que se decantou pola Universidade de Santiago de Compostela para formarse.
Campus Terra (C.T.): Óscar, ¿por qué decidiches estudar Enxeñaría de Montes?
Óscar Crespo (O.C.): Tomei esta decisión na infancia, con nove ou dez anos a xente quere ser astronauta ou futbolista, pero eu quería ser enxeñeiro de Montes. Obviamente isto ten un compoñente familiar: meu avó foi garda forestal durante máis de corenta años, igual que meu bisavó. Meus pais sempre traballaron duro así que pasei moito tempo da miña infancia con meus avós no pobo, onde meu avó me explicaba como tiña repoboado hai anos aquelas ladeiras ou como se tiña enfrontado a algún alcalde en numerosas ocasións na defensa de faias centenarias, as cales debían ser respectadas nos aproveitamentos. Meu pai pertence, á súa vez, á xeración de naturistas herdeiros de Felix Rodríguez de la Fuente, polo que hei de admitir, que máis dunha vez cambiáronme os debuxos animados por un dos seus marabillosos documentais. Tampouco é que fose algo ao que me opuxera, nin moito menos. Dado que esta afección pola natureza mantívose, a miña elección de estudos permaneceu inalterada. Con todo, a miña afección a viaxar levoume a estudar os cinco anos de carreira en catro campus diferentes: Palencia, Joensuu (Finlandia), Lugo e Maine (EEUU).
C.T.: ¿Esperabas obter unha bolsa tan prestixiosa como a de Obra Social La Caixa?
O.C.: En absoluto, cando coñeces ao resto de bolseiros... Os seus currículos e expedientes son tan impresionantes que te preguntas como puideches ser tan afortunado. Hai enxeñeiros aeronáuticos que queren especializarse na investigación en cohetes, neurocirurxiáns que buscan investigar contra o cancro nalgúns dos mellores centros do mundo, cineastas con destino a Hollywood... Creo que esta bolsa é un soño para cada un de nós, do cal imos espertar en canto nos toque pórnos a traballar.
C.T.: ¿Como modificou a súa obtención os teus plans de futuro?
O.C.: Os meus plans de futuro non cambiaron demasiado, con todo, esta é unha oportunidade fantástica para ampliar coñecementos, redes de contactos a nivel internacional e absorber tanto como sexa posible. Unha oportunidade así dálle a un un valor engadido, tanto aquí como en EEUU, onde Yale conta cun gran prestixio histórico.
C.T.: Una vez que finalices o teu máster en Yale, ¿que horizonte profesional te imaxinas, a que pensas adicarte?
O.C.: Sinceramente, gustaríame obtener algo de experiencia en EEUU, tanto a nivel académico, como profesional, e sempre no campo ambiental, en aspectos relacionados co conservacionismo visto dende o punto de vista da xestión sostible dos nosos recursos naturais. Sempre enfoco a miña carreira dende unha perspectiva internacional, ben a nivel empresarial, ou institucional. A maior parte da financiación rural e medioambiental en España provén de Europa e esas decisións tómanse en Bruselas. Os prezos das materias primas do campo regúlanse en Chicago. Hai fondos de inversión estranxeiros con apostas multimillonarias por proxectos agrícolas e forestais en practicamente calquera punto do mundo. Meu curmán é agricultor e sabe máis de física e mecánica que os meus amigos que estudaron Enxeñaría Industrial. A madeira cúrtase aquí, procésase na China e véndecha unha empresa sueca. O mundo e o rural mudaron, eu son un gran defensor do produto de proximidade, de calidade, o que ten mimo, cariño, o cal ten de contar con un valor engadido que por desgraza poucas veces se acada ao non chegar ao produtor. Con todo, debemos ter en conta, coñecer e ser conscientes do que acontece na nosa contorna, a nivel local, rexional, europeo e mundial para poder tomar decisións ao respecto, influir, cambiar cousas.
C.T.: ¿Tes pensado emprender algún proxecto en concreto?
O.C.: Gustaríame continuar e ampliar a miña implicación nalgunhas asociacións coas cales colaboro actualmente en temas ambientais e do propio sector forestal, así como vincular certas ideas con proxectos existentes en Estados Unidos. A principal razón que me motivou a elixir Yale é a posibilidade de estudar con xente de máis de vinte nacionalidades e poder asistir a relatorios de representantes políticos, administrativos, investigadores e empresarios, procedentes de todo o mundo. Recoller ideas, escoitar, estudar, traballar ben a terra, previamente á elección da colleita e a venda do froito.
C.T.: ¿Por que escolliches o Campus de Lugo para formarte?
O.C.: Naquel momento, permitíame continuar co meu plano de estudos ao pertencer á derradeira promoción anterior a Bolonia. En Finlandia, coñecera a ex-alumnos do campus que me axudaron a tomar esta decisión. Ademais, os excelentes convenios bilaterais da USC foron o detonante xa que eu tiña o obxectivo claro de acabar os meus estudos cun intercambio académico en Canadá ou EEUU, coa Universidade de Maine como destino finalmente. Unha vez en Lugo, atopeime cunha cidade cómoda, económica, acolledora, que desprende historia polos catro costados e rodeada por marabillas naturais como as montañas dos Ancares, O Courel, os Cañóns do Sil, A Mariña... Teño unha moi boa lembranza do meu periodo en Lugo e tamén do Campus, dos meus compañeiros e profesorado. Lembro saír a correr unha tarde de outono en Lugo, nada máis volver dunha bolsa en Canadá. Que bonitos estaban os carballos xunto ao río Rato e aos poucos minutos continuar a miña carreira sobre a muralla romana. Unha auténtica marabilla, una sorte, un privilexio.
C.T.: ¿Qué opinión che merece que exista un Campus como o de Lugo, Campus Terra, especializado na sostibilidade económica, social e medioambiental do uso da terra?
O.C.: A idea paréceme fantástica xa que Lugo está encravado nunha zona perfecta para iso. Considero que o obxectivo é, á súa vez, moi ambicioso e para que isto funcione é necesaria unha implicación e interrelación entre a universidade, a cidade, a contorna e o mundo empresarial. En España existe unha gran desvinculación entre a universidade e o mundo empresarial. Espero e desexo que o Campus Terra de Lugo poda chegar a ser un modelo de integración dunha institución universitaria no medio rural galego, que non se limite a formar titulados senón a ser eixo investigador e ferramenta de emprendemento nunha situación tan complicada como a actual.