Ir o contido principal
STG

Química en galego, o acompañamento perfecto para este Nadal

Química en galego, o acompañamento perfecto para este Nadal
Química en galego, o acompañamento perfecto para este Nadal
O grupo CienciaNOSA da USC difunde un curso aberto e en liña de química en galego baseado en prácticas de laboratorio
Lugo

As luces do Nadal iluminan as rúas das nosas vilas, as panxoliñas fan de banda sonora deste mes de decembro e os agasallos desta tempada festiva atópanse á volta da esquina, aínda que ao Campus Terra xa chegou un deles por adiantado.

 

O grupo CienciaNOSA da USC, coordinado polo profesor Marcelino Maneiro Maneiro da Facultade de Ciencias de Lugo, vén de lanzar en aberto o curso en galego “Química, unha ciencia experimental”. Este programa en liña é unha nova ferramenta educativa froito da I Convocatoria de Proxectos de Innovación Educativa en MOOC da USC.

 

A súa estruturación en seis diferentes temas e mais a incorporación de material audiovisual fan que a proposta educativa sexa ben interesante e atractiva. Neste senso, para a elaboración das 24 pezas audiovisuais que integran o curso e que foron gravadas nos distintos laboratorios da Facultade de Ciencias do Campus Terra, o grupo de investigación CienciaNOSA contou coa colaboración do persoal desta sede universitaria.

 

Deste xeito, os recursos en vídeo, que inclúen experimentos en vivo, complementan o contido de cada un dos apartados desta formación, que tamén achega ao alumnado un resumo cos principais conceptos de cada módulo e un cuestionario para comprobar o seu progreso individual.

 

Non hai dúbidas de que esta iniciativa, presentada con éxito ao XXXIV Congreso de Ensinantes de Ciencias de Galicia, vai resultar ben valiosa para as persoas estudantes de Bacharelato e tamén de primeiro curso dos graos experimentais. Unha mostra disto é a introdución visual das distintas nocións de estequiometría, redox ou ácido/base co cambio químico que provocan.

 

Igualmente, este programa tamén lle dá continuidade á oferta de ferramentas didácticas de CienciaNOSA sobre prácticas de química, dispoñibles na súa canle de YouTube “Proxecto funil”, que suma xa unhas 320.000 visualizacións contabilizadas.

 

Se queres gozar deste agasallo de Nadal que é “Química, unha ciencia experimental” de xeito gratuíto ao longo dos meses de xaneiro e febreiro e obter o recoñecemento de aproveitamento desta actividade, realiza a túa inscrición na mesma antes do 20 de decembro na páxina web www.funil.gal.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 25.02.2022.