Ir o contido principal
STG

Museo Galego de Psicoloxía

O Museo Galego de Psicoloxía nace coa aspiración de compilar, salvagardar e amosar os instrumentos que no seu momento se utilizaron na docencia, investigación e práctica psicolóxicas na comunidade galega.

Agradecemos o seu apoio a todas as institucións e particulares que nos cederon e seguen contribuíndo cos seus materiais a esta iniciativa.

Director do Museo

Fotografía de Alfredo Campos García

Instrumentos en exposición

Preséntase a continuación, unha relación dos instrumentos que na actualidade se exhiben nas instalacións da Facultade de Psicoloxía.

Aparato de medición de tempos de reacción con chave vocal
Aparato de medición de tempos de reacción con chave vocal

Foi adquirido nos anos 80 do século XX

A unidade consta dun presentador de estímulos que permite a presentación de estímulos visuais (catro luces de cores diferentes), e catro chaves de resposta. Ademais, é un medidor de tempo, que permite medir os tempos de reacción simple e tempos de reacción de elección.

Tamén ten unha chave vocal que consiste nunha unidade que está conectada a un cronómetro para medir os tempos de reacción fónica. Consta dun corpo principal e un micrófono que serve como chave de resposta para o suxeito.

Aparato de medición de tempos de reacción de elección con sinal de preparado
Aparato de medición de tempos de reacción de elección con sinal de preparado

Foi adquirido nos anos 80 do século XX

O aparello serve para medir o tempo de resposta ante estímulos visuais (cores). O aparello consta de dúas unidades: unha unidade de control e outra unidade de estímulos/resposta. Os tempos de reacción aparecen nun cronómetro de 1/1000 segundos situado na unidade de control.

Pódese controlar a intensidade da luz (de cores azul, vermella e verde) e tamén a chave de resposta na que se vai apagar cada cor. Antes de que apareza a luz de cor, acéndese outra luz branca durante un breve período de tempo, que anticipa a presentación da cor.

Aparato de medición do reflexo rotuliano
Aparato de medición do reflexo rotuliano

Foi adquirido nos anos 80 do século XX

O aparello non só mide o reflexo rotuliano, senón tamén a resposta condicionada á presentación dun sinal, por exemplo, un son.

O aparello mide automaticamente o desprazamento do pé entre 0 e 10.5 cm. O brazo do martelo e o martelo son axustables. Inclue un indicador para medir con precisión o grao de desprazamento do martelo.

Aparato para a demostración dos fenómenos phi e punto crítico de fusión  LA-58017
Aparato para a demostración dos fenómenos phi e punto crítico de fusión  LA-58017

Foi adquirido nos anos 80 do século XX

O aparello serve para provocar un movemento aparente. Pódese percibir un movemento das luces cando en realidade non hai movemento (fenómeno PHI). Tamén se pode ver unha luz estática, cando en realidade existe un pestanexo (punto crítico de fusión).

Aparato para rexistro acumulativo
Aparato para rexistro acumulativo

Foi adquirido nos anos 80 do século XX

O aparello serve para medir o rexistro acumulativo das respostas. Normalmente utilízase unido á Caixa de Skinner.

O rexistro posúe dúas plumas: unha marca o tempo e outra marca a información. A escritura efectúase cun rotulador fino. Marca cada vez que o animal preme a panca e cada vez que recibe un reforzo. O papel está saíndo continuamente.

Aparato para tratamento da enurese (pipi-stop)
Aparato para tratamento da enurese (pipi-stop)

Foi adquirido nos anos 80 do século XX

O aparato para o tratamento da enurese está baseado nos principios do condicionamento clásico. Consta de 2 reixas (os modernos utilizan unha compresa) que se colocan na cama, separadas por unha tea para que non fagan contacto. Cando ao neno ou á nena se lle escapa a urina, as dúas reixas fan contacto e soa unha alarma, o que fai que esperte a persoa e se lle corte o fluxo dos ouriños. Despois de varias veces, a persoa esperta antes de que soe a alarma ao sentir a necesidade de mexar.

 

Aparato para tratamento da tartamudez (MEPSA / FA - AM-1)
Aparato para tratamento da tartamudez (MEPSA / FA - AM-1)

Foi adquirido nos anos 80 do século XX

É un enmascarador auditivo baseado nos principios da terapia de conduta e do feedback. Adecuase tanto para uso clínico como privado.

Está baseado nos estudos que indican que o enmascarador do feedback auditivo produce, en varios tipos de tartamudez, unha considerable melloría na fluidez do seu fala.

Grazas ao micrófono, o aparato produce un son variable por vontade. No momento no que o suxeito fala, eliminase o circuíto aéreo de escoita. O ton escóitase cun auricular.

Audiómetro portátil (Beltone model 109 audiometer)
Audiómetro portátil (Beltone model 109 audiometer)

Foi adquirido nos anos 80 do século XX

Un audiómetro é un aparato deseñado para producir sons de frecuencias únicas, chamadas “tons puros”, que o suxeito ha de escoitar por medio duns auriculares.

O aparato ten dous auriculares que funcionan independentemente: o vermello é para o oído dereito, e o azul é para o oído esquerdo.

Para detectar o limiar empézase por un ton alto, como por exemplo, 70 dB (decibelios), e vaise baixando o nivel do son (de 5 en 5) ata que o individuo diga que non oe nada. Posteriormente, vaise subindo (de 5 en 5) ata que o suxeito diga que percibe o son.

Caixa de Decroly
Caixa de Decroly

Probablemente foi adquirida nos anos 30 ou 40 do século XX

É una caixa crebacabezas que está pechada por diferentes mecanismos (fechos), todos enlazados entre si. Para abrir a caixa hai que ir ao primeiro mecanismo, e levalos todos seguidos hasta o final. Se se salta algún paso, ou a orde, non se abre a caixa.

Avalía aspectos relacionados coa aptitude manual e coa intelixencia espacial, facendo intervir o razoamento e a comprensión.

Caixa de lanzadeira
Caixa de lanzadeira

Foi adquirida nos anos 80 do século XX

A caixa de lanzadeira emprégase en traballos de investigación sobre comportamento animal. Resulta particularmente útil para o condicionamento operante de escape ou evitación, xa que estes tipos de aprendizaxe requiren da administración de estímulos negativos.

Esta caixa conta con dous compartimentos separados por unha barreira baixa que o animal debe saltar para evitar as descargas eléctricas.

Ademais, ten acoplado un xerador de electrochoques para a administración de estímulos aversivos.

Caixa de lanzadeira (LA- 8600/85152/82401)
Caixa de lanzadeira (LA- 8600/85152/82401)

Foi adquirida nos anos 80 do século XX

Esta caixa de lanzadeira consta de unidades modulares que se poden montar para facer programas de evitación e escape en ratas e ratos. Estas caixas teñen dúas luces en cada unha das partes, así como reixas de 18 barras electrificadas no chan. Entre a unión dos dous módulos hai unha trapela para que a rata salte dunó outro. Posúe dous sensores de localización e dous altofalantes.

Caixa de Skinner
Caixa de Skinner

Foi adquirida nos anos 80 do século XX

A cámara de condicionamento operante ou caixa de Skinner, recibe esta denominación en honra ao seu creador, Burrhus F. Skinner. Trátase dun instrumento co que se poden realizar investigacións sobre aprendizaxe animal; en concreto, sobre condicionamento operante. O seu antecedente son as caixas-problema de Edward L. Thorndike.

A caixa de Skinner, na súa versión máis sinxela, dispón dunha panca que o animal pode apertar e dun  dispositivo para administrar o reforzo cando se preme a panca. Este modelo conta con mecanismos que lle sinalan ao animal a dispoñibilidade do reforzo -unha luz ou un son. Tamén está equipado con dispositivos adicionais como un módulo de control ou un rexistro acumulativo.

Conxunto de instrumentos para explorar a sensibilidade cutánea
Conxunto de instrumentos para explorar a sensibilidade cutánea

Foi adquirido nos anos 90 do século XX

Iste xogo de instrumentos serve para os estudos de sensibilidade ao tacto, á presión, ao frío e á calor.

  1. A sensibilidade ao tacto mídese cun estesiómetro de pelos tipo von Frey. Váiselle tocando á persoa (suxeito experimental) nunha parte do corpo con cada un dos pelos (sedas), comezando pola seda mais sinxela e proseguindo ata a de maior grosor. Finalízase cando a persoa sinta que se lle está a tocar.
  2. A sensibilidade á presión faise co estesiómetro de dúas puntas. Vanse separando as puntas (e tocándolle con elas á persoa, en cada separación) ata que distinga que se lle está a tocar con dúas puntas, e non cunha.
  3. A sensibilidade ao frío e á calor efectúase premendo nunha parte do corpo coa punta do cilindro, e a persoa ten que dicir si sente frío ou calor. Uns cilindros están fríos (arrefríanse con xeo) e outros están quentes (quéntanse con auga quente). As pinzas son para que o experimentador colla o cilindro sen queimarse.
Debuxo en espello (TKK – 141)
Debuxo en espello (TKK – 141)

Foi adquirido nos anos 80 do século XX

Este debuxo en espello ten un controlador electrónico. A tarefa consiste en percorrer por enriba da estrela cun estilete, mirando a estrela no espello. Cada vez que un sae da estrela, o contador conta un erro. Tamén se pode contar o tempo que se tarda en percorrer a estrela tanto coa man dereita como coa esquerda.

Dinamómetro de man
Dinamómetro de man

Foi adquirido nos anos 80 do século XX

O dinamómetro de man mide a forza muscular da man ao intentar pechala. O aparato ten una agarradoira que se pode graduar adaptándoa a forma da man.

O modelo habitual ten un rango de medida que está nunha escala graduada de 0 a 100 kg/forza.

Equipo de discriminación de pesos
Equipo de discriminación de pesos

Foi adquirido nos anos 80 do século XX

A unidade está formada por 24 pesos. A serie lixeira ten unha amplitude entre 75 e 125 g., con diferenzas de 5 g., agás dous pesos que pesan cada un 100 g. A serie pesada ten unha amplitude comprendida entre 175 e 225 g., con intervalos de 5 g., e dous pesos de 200 g. cada un. Cada peso ten escrito no fondo o que pesa.

Os pesos son idénticos en canto a cor, tamaño e material. A unidade serve para estudos de discriminación de pesos.

Equipo de discriminación luminosa LA-14011
Equipo de discriminación luminosa LA-14011

Foi adquirido nos anos 80 do século XX

O aparello para probas de discriminación luminosa foi deseñado para presentar dous estímulos luminosos a partir dunha fonte común.

Cada estímulo pode ser independente un doutro mediante unha apertura graduada e con escalas situadas a cada lado da unidade.

O aparello é útil para estudos psicofísicos ou perceptivos de discriminación visual luminosa. O estímulo pode ser axustado polo experimentador ou polo suxeito.

Equipo para condicionamento humano
Equipo para condicionamento humano

Foi adquirido nos anos 80 do século XX

O sistema consiste nunha serie de cubos para a programación, respostas e reforzos para laboratorios de aprendizaxe humana.

O aparello de reforzos dá caramelos ou diñeiro. A chave de resposta é manual e os programadores son catro cubos que poden programar tempo, intervalos e repeticións de estímulos.

Os principais programas de reforzo son: intervalo fixo, intervalo variable, razón fixa e razón variable.

O aparello consta de 4 cubos, unha chave de respostas, e un dispensador (este falta no aparello depositado no museo).

Estereotáxico
Estereotáxico

Foi adquirido nos anos 90 do século XX

A cirurxía estereotáxica utilízase en investigación con animais. Con este aparello pódense introducir fármacos en puntos específicos do cerebro (mediante cirurxía) para ver o comportamento das ratas.

Estesiómetro
Estesiómetro

Foi adquirido nos anos 80 do século XX

Utilízase para o estudo da sensibilidade cutánea. O aparato, de tres puntas,  permite establecer dous albores discriminatorios táctiles entre dous puntos.

O feito de ter tres puntas dá ao instrumento unha maior flexibilidade. O individuo ten que distinguir cando se lle preme, por exemplo, nun dedo,  con unha ou con dúas puntas.

Estimulador auditivo (LE 150)
Estimulador auditivo (LE 150)

Foi adquirido nos anos 80 do século XX

O estimulador auditivo é de grande utilidade na experimentación en psicoloxía básica xeral, tanto no eido da percepción auditiva, como nos da emoción, linguaxe, aprendizaxe ou memoria.

O Letica Audio Stimulator, LE 150, permite presentar estímulos auditivos de entre 1 e 1000 Hz, 0 e 120 dB cunha duración regulable. Para o correcto funcionamento deste aparello é necesario calibralo mediante un oído artificial e un sonómetro. O son chega ós participantes dos experimentos a través duns auriculares. Na actualidade, segue a empregarse este audio estimulador, pero a activación dos sons faise automáticamente dende un ordenador, a través dunha interface deseñada a propósito a partir dunha tarxeta de adquisición de datos.

Estimulador visual (LE 306)
Estimulador visual (LE 306)

Foi adquirido nos anos 90 do século XX

Instrumento deseñado expresamente por Letica para a presentación de estímulos visuais. Permite controlar o tempo de exposición dos estímulos, a intensidade alumínica, a frecuencia de aparición, o intervalo entre estímulos ou a secuencia de presentación dos mesmos. Adoita acoplarse a outros aparellos de rexistro, como cronómetros, que miden o tempo de reacción dos participantes nos experimentos, ou de presentación, como televisores.

A presentación de estímulos visuais é moi frecuente en experimentos de psicoloxía básica e fisioloxía que implican procesos como o da percepción visual, atención, memoria ou aprendizaxe.

Estimulador visual  (PS33-Plus Photic Flash)
Estimulador visual  (PS33-Plus Photic Flash)

Foi adquirido nos anos 90 do século XX

O estimulador visual Modelo PS33-Plus Photic Flash está deseñado para a activación fótica do electroencefalograma. Utilízase nos procedementos de investigación con potenciais evocados visuais, electrorretinograma, e neuro-oftalmoloxía.

Ten distintas intensidades de flash. A duración do flash é de 10 microsegundos. Os flashes poden ser simples ou repetitivos.

Gorros de electrodos para rexistros de electroencefalografía (modelo electrocap)
Gorros de electrodos para rexistros de electroencefalografía (modelo electrocap)

Foron adquiridos nos primeiros anos do século XXI

A encefalografía é unha proba non invasiva que permite estudar a actividade eléctrica cerebral. Utilízase no estudo do funcionamento do S.N.C, e mais concretamente, da actividade do córtex cerebral.

Consiste en rexistrar, mediante eléctrodos colocados na superficie da cabeza, os potenciais postsinápticos que producen as neuronas cerebrais, que son a base do funcionamento do S.N.

Os cables que parten do gorro conéctanse a un amplificador, e este a un ordenador. Mediante a sincronización do rexistro de EEG coa presentación de estímulos e a emisión de respostas é posible obter os Potenciais Evocados, actividade eléctrica asociada ás diferentes fases do procesamento da información, cunha excelente resolución temporal.

Instrumento de xeración de electrochoques (Shocker LE 110)
Instrumento de xeración de electrochoques (Shocker LE 110)

Foi adquirido nos anos 80 do século XX

Emprégase en experimentos ou en terapias de condicionamento clásico con humanos. Permite manipular a intensidade da descarga, que oscila entre os 100 µA (microamperes, 10-6 A) e 1 mA (miliampere, 10-3 A) e maila duración da mesma, que oscila entre os 100 ms. e 1 s. Así mesmo, permite deseñar un programa no que as descargas se administren de acordo a un patrón temporal de razón fixa. Dispón dun brazalete bipolar que se adoita colocar na parte interior do brazo do participante, a través do cal se administran os choques eléctricos. Este aparello acostuma a ir conectado a un polígrafo para medir a actividade electrodérmica do participante durante a sesión.

A utilidade deste instrumento está vinculada a experimentos ou terapias condutistas, que implican a administración de estimulación avesía, como nos casos de adiccións de diferentes tipos, nos que a administración de choques eléctricos é concomitante á exposición ao estímulo que provoca a adicción.

Labirinto de Foster
Labirinto de Foster

Foi adquirido nos anos 80 do século XX

O labirinto de Foster ten como finalidade o estudo dos procesos de aprendizaxe en humanos. A persoa, cos ollos vendados, ten que aprender o labirinto, percorréndoo cun punzón, dende a saída ata a meta, sen cometer erros. Os erros acontecen cada vez que a persoa vai co punzón por un camiño sen saída. Pódese contabilizar o número de erros (ou ensaios) ata que aprendeu o percorrido, ou o tempo que tardou en aprendelo sen cometer ningún erro.

Labirinto reversible
Labirinto reversible

Foi adquirido nos anos 80 do século XX

O aparello consta dunha placa de aluminio na cal se perforou un labirinto. A posibilidade de inverter o labirinto e de facelo xirar en todas as direccións permite obter o efecto espello. A tarefa de percorrer o labirinto debe facerse cun punzón e cos ollos vendados.

O aparello ten a posibilidade de colocar un papel debaixo do labirinto, o que posibilita que se dispoña dun rexistro permanente da tarefa realizada polo suxeito.

Pódese estudar a rapidez ou a precisión na realización da tarefa.

Lector óptico de marcas
Lector óptico de marcas

Foi adquirido no ano 1997

É unha máquina de recoñecemento óptico de marcas (OMR). Trátase dun dispositivo que se basea no uso dun escáner fixo que detecta as marcas de espazos preestablecidos nun formulario, que se codifica por medio dun software específico. Antes da súa aparición utilizábanse dispositivos baseados no uso de cintas de papel ou tarxetas perforadas, nos que se usaban buracos na superficie, no canto de marcas de tinta.

No OMR moderno utilízase un escáner óptico para a detección dunha pequena marca de tinta. Os primeiros modelos exitosos aparecen a principios dos anos 60 (Everett Franklin Lindquist, IBM). O modelo que se expón foi elaborado por Scantron Corporation (empresa fundada en 1972) que popularizou estas máquinas comercializando modelos accesibles a pequenas institucións. Este modelo concreto foi adquirido pola Unidade de Investigación en Prevención e Tratamento de Problemas de Conduta (UDIPRE) da USC en 1997, sendo directora do grupo a profesora Mª Angeles Luengo Martín, dentro dun proxecto financiado polo Ministerio de Educación e centrado na avaliación a gran escala do programa de prevención  “Construíndo Saúde”.

Perímetro de man tipo Schweigger (MEPSA)
Perímetro de man tipo Schweigger (MEPSA)

Foi adquirido nos anos 80 do século XX

A unidade consta dun soporte para o ollo, dun punto de fixación, e dun arco graduado de 180º que pode xirar completamente en torno a un punto de fixación. A unidade consta tamén de cinco tarxetas (azul, verde, amarela, vermella e branca).

Pódese utilizar para realizar os mapas de cor da zona sensitiva da retina.

Polígrafo (Lafayette Modelo 76102-B)
Polígrafo (Lafayette Modelo 76102-B)

Foi adquirido nos anos 90 do século XX

Este aparello, popularmente coñecido como detector de mentiras, serve para rexistrar a actividade fisiolóxica dos participantes en experimentos psicolóxicos, aínda que tamén interesa o seu uso noutros eidos como a investigación policial. Permítenos medir a flutuación de certas variables fisiolóxicas do participante (taxa respiratoria, presión arterial, ritmo cardíaco e resistencia galvánica da pel), mentres é sometido a unha serie de preguntas para estimular as respostas fisiolóxicas. Ditas respostas son rexistradas polos sensores e plasmadas sobre un papel continuo que os experimentadores analizan e interpretan.

O uso deste aparello susténtase na teoría de que as respostas fisiolóxicas dunha persoa cambian de xeito medible cando mente. A este respecto, cabe sinalar que o polígrafo non detecta mentiras xa que non está deseñado para iso: tan só mide as respostas fisiolóxicas do organismo.

Psicogalvanómetro (LA-58018)
Psicogalvanómetro (LA-58018)

Foi adquirido nos anos 80 do século XX

Esta unidade rexistra as respostas psicogalvánicas da pel (RPG) a través de dous eléctrodos situados nos dedos índice e anular. A condutividade ou resistencia eléctrica da pel debida a determinados estímulos sensoriais ou procesos psíquicos mídese a través da oscilación da agulla.

O aparato utilízase para ver os cambios que se producen na resistencia eléctrica da pel debido a alteracións psicosomáticas (emoción, ansiedade…).

Relaxómetro. Modelo Q
Relaxómetro. Modelo Q

Foi adquirido nos anos 80 do século XX

O relaxómetro é un aparello que produce un sinal auditivo cuxo nivel varía cos cambios da actividade do sistema nervioso autónomo do participante. Conta con dous eléctrodos de superficie que miden a resistencia eléctrica da pel do suxeito. Esta medida tradúcese nun ton continuo facilitado a través dun amplificador de son. A excitación do suxeito produce unha caída na resistencia da pel e unha elevación no nivel do ton. Pola contra, cando o suxeito se relaxa, descende o nivel do ton, proporcionándolle información de que se está a relaxar axeitadamente.

Dende a súa introdución en 1971, o relaxómetro foi empregado tanto por psicólogos clínicos como por investigadores interesados en problemas como a hipnose, o tratamento da xaqueca ou da hipertensión.

O modelo Q é o máis sofisticado de toda a serie xa que dispón dun contador e dunha saída para facer conexión cun rexistro acumulativo, que é capaz de recoller toda a actividade fisiolóxica da sesión.

Roda de actividade
Roda de actividade

Foi adquirida nos anos 80 do século XX

A roda de actividade consta de dúas partes: unha gaiola para ratas, e unha roda para correr.

Unha vez que se deixa pasar unha rata para a roda, esta encomeza a correr nela, mentres un marcador vai contando as voltas que dá.

Utilízase para o estudo da influencia da motivación (horas de privación de comida) na actividade das ratas. Tamén se utiliza, por exemplo, para provocarlles anorexia. Se estes roedores son sometidos a dieta, seguen correndo igual, chegando un momento no que deixan de comer.

Tambor de memoria
Tambor de memoria

Foi adquirido nos anos 80 do século XX

Este aparello permite a presentación de palabras para memorizalas.

Mediante un rolo de papel de 28 liñas, van aparecendo, a saltos, as palabras dunha nunha, que se poden ver mediante unha rañura.

Permite tres tempos de presentación: 1, 2, e 4 segundos. Nun principio creouse para a aprendizaxe serial en humanos mediante o método de anticipación.

Tanque para aprendizaxe discriminatoria para peixes
Tanque para aprendizaxe discriminatoria para peixes

Foi adquirido nos anos 80 do século XX

É un tanque especialmente ideado para realizar a aprendizaxe discriminatoria en peixes de tamaño pequeno ou mediano.

Cólganse dous comedeiros, de diferente cor, que están separados dos peixes por unha comporta. Tras retirar a comporta, os peixes deben saber en que cor está o alimento para poder comelo.

Taquistoscopio (LA 40020)
Taquistoscopio (LA 40020)

Foi adquirido nos anos 80 do século XX

Aparello dun único canal axeitado para presentar estímulos cunha duración controlada e precisa. Permite empregar tempos de exposición dos estímulos de: 1/100, 1/50, 1/25, 1/10 e 1 s. Esta particularidade fixo que fora moi atractivo para a presentación de imaxes subliminares na década dos 60 con fins publicitarios, aínda que o seu uso estaba vencellado, fundamentalmente, á experimentación en psicoloxía básica, sobre todo no eido da percepción visual, da atención e da memoria.

A súa manipulación é moi sinxela xa que a presentación das tarxetas estímulo pode facerse de xeito automático. Caracterízase porque a zona de presentación de estímulos simula unha iluminación constante minimizando así os efectos da adaptación á luz e á escuridade, o que permite deseñar experimentos con sesións de longa duración.

Taquistoscopio de dous canles
Taquistoscopio de dous canles

Foi adquirido nos anos 80 do século XX

O taquistoscopio foi desenvolvido polo científico alemán Alfred Wilhelm Volkmann en 1859, aínda que non se estendeu o seu uso ata que Samuel Renshaw o destinara ao adestramento e selección de pilotos militares durante a II Guerra Mundial.

Desde entón foi amplamente utilizado na investigación básica para a presentación de estímulos visuais con tempos de exposición programables. Dispón dun visor a través do cal presentan os estímulos, que unha vez que reciben a iluminación adecuada resultan perceptibles aos participantes dos experimentos.

Este aparello permitía realizar estudos de investigación sobre atención, percepción e memoria. Para o rexistro das respostas, que podían ser vocais ou mecánicas, adoitábaselle axustar dispositivos adicionais como magnetófonos ou cronómetros que rexistraban o tipo de resposta e o tempo de reacción, respectivamente.

Test de centros de Klemm
Test de centros de Klemm

Probablemente foi adquirido nos anos 30 ou 40 do século XX

Este instrumento consta de trinta e tres discos de igual tamaño e espesor cun punto gravado no medio dunha das súas caras. A terceira parte dos discos ten o punto no centro exacto, outra terceira parte ten o punto desviado 1 mm do centro, e os restantes teñen o punto desviado 2 mm do centro. Tres dos discos, un de cada grupo, forman o estímulo de comparación. No reverso de cada disco está impresa unha cifra de tres números, dos cales o do medio sinala o grupo ao que corresponde cada un.

A proba consiste en pedir aos participantes que coloquen os discos segundo o grupo que lles corresponde. Na puntuación final que obteñan os suxeitos contan os erros ou desviacións (unha falla se erran nun paso e dúas fallas se erran en dous pasos). A finalidade deste instrumento é explorar a apreciación xeométrica e espacial.

Test de grosores de Klemm
Test de grosores de Klemm

Probablemente foi adquirido nos anos 30 ou 40 do século XX

Este aparello conforma o denominado test de grosores de Klemm. Consta de seis discos cun anel cilíndrico, de igual tamaño e forma que se diferencian unicamente no grosor do tabique intermedio, que mide 0,3, 0,4, 0,6, 0,9, 1,2 ou 1,8 milímetros. Cada disco leva gravado un número de tres cifras, onde as dúas últimas indican a súa orde dentro da escala.

A proba consiste en pedir aos participantes que coloquen os discos de xeito graduado en orde de menor a maior grosor ou viceversa, para o cal deben suxeitar os discos entre os dedos índice e polgar para estimar o seu grosor. A finalidade deste instrumento é explorar a sensibilidade táctil discriminatoria dos distintos espesores.

Esta proba enmárcase dentro da psicofísica clásica, a cal ten por obxecto estudar as relacións cuantitativas entre os estímulos físicos e as respostas sensoriais coa finalidade de establecer unha escala de medida das sensacións.

Test de pesos de Klemm
Test de pesos de Klemm

Probablemente foi adquirido nos anos 30 ou 40 do século XX

Este aparello consta de dez cilindros de igual tamaño pero distinto peso. En concreto, o menos pesado é de 100 g. e a diferencia de peso entre cada un é de 3,5 g. respecto do seguinte ou do que lle precede na escala. Cada cilindro leva impreso na súa base unha cifra de tres números, dos cales o do medio sinala o lugar correcto de colocación do cilindro dentro da escala. A proba consiste en pedir aos participantes que coloquen os cilindros de xeito graduado en orde de menor a maior peso ou viceversa. A finalidade deste instrumento é explorar a sensibilidade ponderal ou estimación do peso. Esta proba enmárcase dentro da psicofísica clásica, a cal ten por obxecto estudar as relacións cuantitativas entre os estímulos físicos e as respostas sensoriais, coa finalidade de establecer unha escala de medida das sensacións.

Test de rugosidades de Hermann
Test de rugosidades de Hermann

Probablemente foi adquirido nos anos 30 ou 40 do século XX

Este aparello consta de dez cilindros de igual tamaño abertos por un extremo e con ocos. Diferéncianse en que no fondo interior levan unhas estrías máis ou menos finas, grosas ou rugosas. Cada cilindro leva na súa base unha cifra de tres números, dos cales o do medio sinala o lugar correcto de colocación do cilindro dentro da escala. En concreto, o cilindro menos rugoso vai marcado co código 601, mentres que o máis rugoso da escala está indicado co código 916. A proba consiste en pedir aos participantes que suxeiten coa súa man esquerda o cilindro, mentres tocan coa xema do dedo anular da man dereita a rugosidade interior dos discos para colocalos de xeito graduado en orde de menor a maior rugosidade ou viceversa. A finalidade deste instrumento é explorar a sensibilidade táctil ás rugosidades.

Unidade de determinación
Unidade de determinación

Foi adquirida nos anos 90 do século XX

É unha unidade de reacción complexa a estímulos múltiples. Existen tres tipos de estímulos: (1) visuais con cores, aos que o suxeito responderá aprisionando botóns de cores; (2) estímulos visuais mediante dúas luces brancas, aos que o suxeito debe responder con dous pedais situados no chan; (3) auditivos, aos que o suxeito deberá responder aprisionando dous botóns rectangulares brancos situados nos extremos dereito e esquerdo da consola. Normalmente, o suxeito experimental debe responder aos estímulos premendo o botón máis similar ao mesmo (p.e., o botón verde terá como resposta correcta a luz verde; o pedal esquerdo terá como resposta correcta a luz do lado esquerdo da consola). A asociación de estímulos e respostas poderá ser arbitraria e programable polo experimentador/a. As reaccións realizaranse sempre aprisionando un só/único-botón.

Serve para a medida da tolerancia ao estrés reactivo, aos déficits de atención e a velocidade da reacción ante presións de estímulos ópticos e acústicos que cambian rapidamente e son continuos.

As principais áreas de aplicación son: Psicoloxía do Tráfico, Diagnóstico de Aptitude no Ámbito do Desempeño, Neuropsicoloxía, Psicoloxía Clínica, Medicina e Farmacoloxía, Psicoloxía Deportiva, Diagnóstico de Aptitude Motora, e Psicoloxía Organizativa.