Ir o contido principal
STG

TFM

Os Másteres conclúen coa elaboración e defensa pública dun Traballo de fin de Máster que debe realizarse na fase final dos estudos e estará orientado á avaliación das competencias asociadas ao título.

O TFM consistirá na elaboración por parte do/a estudante dun traballo orixinal no que se acrediten os coñecementos, capacidades, competencias e habilidades adquiridos durante os estudos realizados na titulación. Incluirá, como mínimo, tarefas de busca e revisión bibliográfica, lectura e integración de información, elaboración de resultados relevantes, redacción e presentación e defensa

TFM en Psicoloxía

O TFM en Psicoloxía ten unha carga de 12 créditos (obrigatorios) equivalentes a 300 horas. Ao se tratar dun máster de 90 créditos, prográmase a súa realización no 2.º curso, 1.º semestre.

Modalidades

Na especialidade en Psicoloxía da Intervención Social e Comunitaria, o TFM poderá axustarse a calquera das modalidades que se relacionan de seguido, e realizarase, preferententemente, nunha temática vinculada á actividade do dispositivo onde o/a alumno/a realice o Prácticum:

  1. Revisión sistematizada de información relevante acerca dun tema da psicoloxía da intervención social e comunitaria; neste caso deberase achegar, ademais, unha proposta de carácter práctico en consonancia coa revisión realizada.
  2. Estudo empírico ou experimental, que inclúa tamén a achega práctica que dos seus resultados se poida derivar.
  3. Análise de casos debidamente fundamentado, que inclúa avaliación, informe e proposta de actuación.
  4. Descrición razoada e pormenorizada dun programa de intervención no eido da psicoloxía da intervención social e comunitaria.

Na especialidade en Psicoloxía Experimental, o TFM consistirá nun traballo empírico ou experimental, realizado en contexto de laboratorio, relacionado con calquera das liñas temáticas que se oferten na especialidade. O traballo deberá, polo tanto, estruturarse e redactarse seguindo o formato dun artigo científico ou informe experimental. O TFM na especialidade en psicoloxía experimental estará necesariamente vinculado ao Prácticum, que será necesariamente de investigación.

Para ambas especialidades, e en relación aos aspectos formais, o TFM terá unha extensión de entre 14.000 e 20.000 palabras, excluídos os anexos, se os houbese. Seguiranse as normas APA para as citas e referencias bibliográficas. Recoméndase utilizar un tamaño de letra de 11 puntos con entreliñado de 1,5.

 

Titorización

O TFM desenvolverase baixo a supervisión dun titor ou titora académico/a. O/a titor/a asumirá as seguintes funcións: Orientar a programación das tarefas; asesorar e supervisar ao alumnado durante a realización  do traballo; velar pola adquisición, por parte do alumnado, das competencias asociadas ao TFM; e avaliar o nivel de consecución destas competencias.

Avaliación

Á avaliación do TFM realizarase a través da súa exposición e defensa pública diante dun tribunal. Nesta avaliación tamén se terá en conta o Informe de Avaliación de desenvolvemento do traballo e adquisición de competencias remitido ao tribunal polo/a titor/a.

Para a exposición do traballo o/a estudante terá un tempo máximo de 15 minutos. O tribunal (coas características e composición que se determinan no Regulamento) poderá formular cantas preguntas e cuestións considere convenientes en relación co traballo defendido durante un tempo aproximado de 15 minutos.

Na cualificación final dos traballos teráse en conta conxuntamente o Informe de avaliación do/a titor/a e o Informe de Avaliación do tribunal. Cada un destes informes axustarase aos elementos recollidos nas rúbricas establecida para tal fin pola Comisión do Título

A rúbrica correspondente o/a titor/a valorará as competencias asociadas ao desenvolvemento do traballo (cumprimento dos obxectivos propostos, capacidade de xestión de información relevante, implicación, autonomía, etc.) así como o resultado da Memoria final do TFM (aspectos formais, de contido, estrutura e coherencia, adecuación da metodolóxía, capacidade crítica e de síntese, achegas, suxestións, etc.).
Polo que fai referencia ao Tribunal, os seus membros deliberarán de forma conxunta sobre a cualificación, seguindo un formulario no que se avaliarán as competencias correspondentes á Memoria final, de acordo cos mesmos criterios sinalados para o titor, ademáis, dos referidos á presentación e defensa do traballo (xestión do tempo, claridade e coherencia na exposición, adecuación das respostas, etc).

Na cualificación final ponderaranse as cualificacións de titor/a e tribunal, correspondendo o 50% da nota a cualificación outorgada polo/a titor/a, e o restante 50% á outorgada polo tribunal.

O/a estudante é responsable único da orixinalidade da autoría do seu traballo. A detección, polo/a titor/a ou polo tribunal, da existencia de plaxio, con independencia do proceso disciplinario do que poida ser obxecto o/a estudante, será causa suficiente para a non superación da materia.

TFM en Psicoloxía Xeral Sanitaria

O TFM ten asignada unha extensión de 12 créditos. Realízase no primeiro semestre do segundo curso e deféndese ao finalizar este.

O TFM está orientado á avaliación das competencias asociadas ao título. Realizarase no ámbito da psicoloxía xeral sanitaria e estará relacionado con calquera das temáticas tratadas nas materias do título. Nel os estudantes deberán demostrar os coñecementos e competencias adquiridos no conxunto do Máster para a realización de investigacións, avaliacións e intervencións psicolóxicas sobre aqueles aspectos do comportamento e a actividade das persoas que inflúen na promoción e mellora do seu estado xeral de saúde. No caso de que se realice no marco das investigacións de ámbito sanitario do profesorado do Máster deberá igualmente permitir a adquisición de destrezas, técnicas, coñecementos, capacidade de análise e crítica necesarios para o axeitado desempeño profesional.

O traballo poderá incluír unha parte empírica ou experimental, o deseño dun protocolo ou proposta de intervención, ou a análise de casos (avaliacións, informes psicolóxicos). O estudante deberá realizar e presentar un traballo orixinal no que demostre as competencias adquiridas ao longo dos estudos. Incluirá, tarefas de busca e revisión bibliográfica, análise crítica, sistematización e integración de información, redacción e presentación oral e escrita.

Titorización

A asignación de titores para o TFM realizarase o mesmo día da elección de prazas para o Prácticum II. Nos dous casos a elección farase por expediente académico.

Avaliación

O TFM avaliarase mediante a defensa pública do traballo realizado ante unha Comisión Avaliadora composta por tres profesores nomeados pola Comisión Académica de entre o profesorado do Máster, de acordo co establecido na normativa correspondente. Esta Comisión deberá ter en conta tamén o informe valorativo do traballo que emitirá o titor/a.

Na avaliación do TFM valorarase: a relevancia e oportunidade que dentro do ámbito sanitario teña a formulación do estudo, a pertinencia e actualización da revisión bibliográfica, a expresión e coherencia do documento, o manexo apropiado da linguaxe, a profundidade na abordaxe do tema, a capacidade de analizar as limitacións do estudo así como de realizar proposta de directrices futuras, a competencia na presentación escrita e oral do traballo seguindo as normas de estilo da APA, a capacidade para comunicar as conclusións alcanzadas e as razóns que as sustentan, a capacidade de argumentar con solvencia e responder ás cuestións formuladas na defensa pública do TFM.

TFM en Psicoxerontoloxía

O TFM ten asignado 12 créditos. Realízase no 2.º semestre.

Os estudantes consensuarán co titor o tema a tratar no seu Traballo de fin de máster dentro do seu ámbito disciplinar e temático

O contido que deberá estar relacionado co traballo nas Prácticas Externas.

O TFG pode ter alguhna das seguintes modalidades:

  1. Deseño, Desenvolvemento e avaliación dun programa de Intervención orixinal e propio a implementar parcialmente no centro de prácticas, e que se diferencia do reflectido no informe de prácticas
  2. Deseño dun Programa de Intervención orixinal e propio en relación con algún aspecto do traballo no centro de prácticas.
  3. Traballo de Investigación. Realización de actividades de investigación dentro das liñas de investigación levadas a cabo polo/a titor/a académico en ralación con algún aspecto do traballo no centro de prácticas
  4. Deseño dun Proxecto de Investigación orixinal e propio en relación con algún aspecto do traballo no centro de Prácticas (pode ser complementado con estudo piloto a realizar no centro).

Non se admitirán TFMs que consistan exclusivamente nunha revisión bibliográfica.

Titorización

Adxudicación de titores/as será realizada conxuntamente coa adxudicación de centros de prácticas. A mesma persoa será titor/a de TFM e de Prácticas Externas para favorecer a integración dos mesmos.

Avaliación

O TFM preséntarase en sesión pública e será avaliado por  unha  Comisión composta por tres profesores do programa entre os que non se atopará o titor do estudante.

A avaliación constará de duas cualificacións:

  1. Informe do titor/titora: Ponderación 30% da cualificación final.
  2. Cualificación da Comisión Avaliadora: Ponderación 70% da cualificación final.

A Comisión avaliadora terá en conta para a súa cualificación a seguinte ponderación:

  • Presentación escrita en soporte electrónico do Traballo de fin de máster. Ponderación mínima 30% e máxima 60%.
  • Presentación oral do Traballo de fin de máster. Ponderación mínima 20% e máxima 40%.
Os contidos desta páxina actualizáronse o 12.05.2021.