Ir o contido principal
STG

Prácticas

As prácticas externas son unha actividade formativa que ten por obxectivo permitir que os alumnos e alumnas apliquen e complementen os coñecementos adquiridos na súa formación nos Graos e Másteres.

Prácticum. Grao de Psicoloxía

O Prácticum é unha materia obrigatoria de 12 créditos que engloba as prácticas externas e sitúase no último semestre do Grao. Ofrécense a través de convenios con diferentes entidades que amparan a oferta de prazas en centros e servizos de atención psicolóxica. Esta materia tamén inclúe formación relativa ao Código Deontolóxico do Psicólogo.

Para facer o Prácticum hai que ter superado polo menos 150 créditos obrigatorios, incluíndo a totalidade dos de 1.º e 2.º curso do Grao, e realizar o Curso de Ética e Deontoloxía.

Faranse 270 horas de prácticas presenciais. Se por calquera motivo non se puidera facer a totalidade de xeito presencial, debe realizar un mínimo de 216 horas presenciais e complementar as 54 horas restantes con tarefas non presenciais (lectura de libros, preparación de sesións...)

Confidencialidade e certificado de delitos sexuais

A Lei Orgánica 1/1996 de Protección Xurídica do Menor, modificada pola Lei 26/2015 e a Lei 45/2015, de voluntariado, establecen a obrigación de que se acheguen certificados negativos do Rexistro Central de Delincuentes Sexuais para todos os profesionais e voluntarios que traballan en contacto habitual con menores.

Para dar cumprimento a esta esixencia, os estudantes que queiran matricularse en materias de Prácticum deberán achegar esta certificación e deberán subila a súa secretaria virtual. 

Ademais o alumno/a ten que descargar o documento de compromiso de confidencialidade, cubrilo, asinalo e subilo a súa secretaría virtual. Deberán levar este documento xunto con outra documentación ao dispositivo de prácticas.

Prácticum. Másteres

O Máster Universitario en Psicoloxía, contempla a realización de prácticas obrigatorias, cunha extensión de 18 créditos, que se realizarán en temática correspondente á especialidade que se curse.

Na especialidade en Psicoloxía da intervención social e comunitaria serán, preferentemente, prácticas preprofesionais en centros e servizos de Psicoloxía deste ámbito, titorizadas por profesionais en exercicio.

Na especialidade en Psicoloxía experimental realizaranse prácticas de introdución á investigación, principalmente en grupos de investigación universitarios.

 

As prácticas externas do Máster Universitario en Psicoloxía Xeral Sanitaria (Prácticum) son unha parte esencial do seu programa formativo. O seu desenvolvemento busca a vinculación entre a teoría e a práctica clínica supervisada, en función do contexto, o rol do profesional e o tipo de competencia a adquirir. Teñen por obxectivo a asunción progresiva de responsabilidades por parte do estudante ata alcanzar un nivel de autonomía óptimo. Levaranse a cabo en contextos clínicos baixo a supervisión dun psicólogo cualificado (psicólogo especialista en psicoloxía clínica) ou acreditado.

Para a realización das prácticas o alumnado deberá ter superado o 80% dos créditos do primeiro semestre.

A asignación das prazas para o primeiro período de prácticas (maio-xuño) farase no mes de marzo/abril e a asignación para o segundo período (setembro-decembro) no mes de xullo.

A orde de asignación das prazas, de ambos períodos de Practicum, farase en función da media aritmética da nota de acceso ao máster e a media das materias do primeiro semestre do máster.

O número de dispositivos e centros para a realización das prácticas externas do Máster seguirá incrementándose a medida de que se vaian asinando novos convenios. As prazas ofertadas polos Centros poden variar en función da dispoñibilidade.

Períodos de prácticas

As prácticas do Máster desenvólvese en 2 períodos. O Prácticum I (12 créditos), nos meses de maio-xuño do primeiro curso académico (8 semanas). A súa actividade distribúese do modo seguinte: 280 horas de prácticas clínicas e 20 h. para a realización de informes.

O Prácticum II, cuxo calendario pódese establecer entre os meses de setembro-decembro, según dispoñibilidade dos tutores profesionais, consta de 18 créditos. Duración de 12 semanas, distribuídas en 420 horas de prácticas clínicas e 30 horas para a elaboración de informes.

Funcións do psicólogo supervisador

O Psicólogo/a supervisor/a é o responsable da titorización das actividades prácticas encamiñadas á adquisición das competencias e da avaliación periódica das devanditas competencias ao longo do proceso formativo, facendo partícipe ao estudante das súas fortalezas, debilidades e necesidades, de cara a corrixir as carencias detectadas para emendalas.

Labores dos estudantes en prácticas

Durante o período de Prácticum, o estudante pasa progresivamente por dúas fases: observación participativa e actuación directa. Orientativamente, a primeira destas podería ter unha duración en torno a tres semanas, aínda que esta asignación pode variar en función do criterio do titor.

Durante o proceso de aprendizaxe das habilidades e competencias, o estudante deberá revisar a súa progresión. Con este propósito deberá rexistrar semanalmente unha valoración detallada de como avanza o seu traballo, consignando o nivel de dificultade encontrado e as necesidades e problemas particulares que foron xurdindo no desempeño de cada actividade, para comentalas e discutilas posteriormente co supervisor e tratar de remover os obstáculos atopados. Esta tarefa serve ademais para que o estudante aprenda a monitorizar e avaliar o seu traballo.

Tamén deberá rexistrar, mediante o informe pertinente, calquera actividade á que asistise, seguindo o criterio do titor/a (sesións clínicas, conferencias, obradoiros, etc.) e o anexará á Memoria descritiva ao finalizar cada período de Prácticum.

A práctica supervisada

A práctica supervisada require compromiso por parte do titor. Este proceso inclúe actividades graduadas de responsabilidade:

  • Observación participativa: situacións nas que o estudante observa o supervisor realizando distintas tarefas, para familiarizarse coas diferentes técnicas e facetas da actividade clínica, usando a reflexión sobre o observado como parte do proceso de aprendizaxe e de desenvolvemento
  • Actuación directa: tarefas realizadas directamente polo estudante baixo a observación do supervisor. A cesión de tarefas de actuación directa será gradual, de acordo co nivel de soltura que o estudante vaia adquirindo, dende accións concretas e definidas ata intervencións completas. Como apoio para o manexo das tarefas e actividades, o supervisor poderá pedir ao estudante a revisión de material teórico adicional, se así o considera conveniente. Despois de cada intervención, o alumno elaborará un Informe sobre a actividade realizada (nel relatará o/obxectívoos/s da tarefa, a descrición desta, instrumentos, metodoloxía, etc.) que comentará na sesión de supervisión. A modo orientativo, dous Informes de actividades no Prácticum I e tres no Prácticum II.

O desenvolvemento de cada actividade, sexa de observación sexa de actuación, constitúe a base para a subseguinte discusión detallada e reflexión crítica como parte do proceso de aprendizaxe. Requirirá dedicación semanal, para que supervisor e estudante traballen xuntos, discutan a labor/actividade realizada polo estudante, resolvan dificultades e dúbidas, e o titor axude o estudante a procesar o traballo a nivel cognitivo e emocional e o reafirme no desenvolvemento da súa confianza profesional.

En ambos os dous niveis de formación o supervisor deberá avaliar de forma continua o desempeño do estudante, durante e a finalizar o período de prácticas, usando categorías de cualificación para as que se proporcionarán orientacións na Ficha de avaliación das competencias según o sistema de rúbricas.

Exemplos de actividades supervisadas

  • Formulación de caso (participación na elaboración de informes psicolóxicos, avaliación e análise funcional).
  • Participación na elaboración de protocolos e programas de avaliación, intervención e seguimento.
  • Manexo en situacións de crise.
  • Intervención psicolóxica a persoas que sofren algún conflito, problema, ruptura, perda, etc.
  • Intervención psicolóxica: técnicas de orientación, consello e apoio psicolóxico persoal, familiar e de parella.
  • Aplicación de técnicas específicas (control e manexo do estrés, adestramento en habilidades sociais, rehabilitación cognitiva, etc.).
  • Avaliación e deseño de programas de rehabilitación psicosocial.
  • Avaliación e intervención para a mellora da adherencia ao tratamento médico.
  • Deseño de programas e actividades de prevención e promoción da saúde (tabaquismo, obesidade, actividade física, etc.).
  • Avaliación e deseño de programas de intervención psicolóxica na enfermidade física crónica (trastornos cardiovasculares, cancro, diabete, enfermidades dixestivas, etc.).
  • Manexo da dor.
  • Programas de intervención en coidados paliativos.
  • Asistencia a sesións clínicas.
  • Procura de material bibliográfico relativa a algún caso.

As prácticas do Máster Interuniversitario en Psicoxerontoloxía son obrigatorias, realizanse no 1.º curso no segundo sementre e teñen unha carga de 13 ECTS.

Obxectivos das prácticas

  • Aplicación dos coñecementos adquiridos nas materias obrigatorias e optativas como profesional psicólogo nos distintos centros nos que se realicen as prácticas.
  • Experiencia práctica en avaliación e intervención psicolóxica con persoas maiores sas e enfermas.
  • Experiencia práctica no traballo multidisplinar nos centros de atención a persoas maiores.
  • Experiencia práctica na intervención con familias e coidadores nos centros de atención a persoas maiores
  • Demostrar que se adquiriron coñecementos, actitudes e habilidades para enfrontarse con eficiencia e profesionalidade ás tarefas de avaliación e intervención psicolóxica con persoas maiores sas e enfermas nos contextos familiares e institucionais, así como para traballar en equipos multidisciplinares nos distintos dispositivos de atención as persoas maiores.

Titorización

Os profesores responsables/titores académicos serán profesores/as do programa que serán asignados/as a cada alumno/a pola Comisión Académica.

As Prácticas Externas deben ser realizadas nalgún dos centros ou dispositivos xerontolóxicos cos que se mantén convenio de colaboración. Existe a posibilidade de establecer novos convenios con centros de interese particular para os/ás estudantes.

As prácticas estarán tuteladas polos profesores da USC que actuarán como titores académicos e por un/ha titor/a externo pertencente ao centro ou dispositivo correspondente. Para ser titor/a externo/a requírese estar en posesión do título de Psicólogo/a.

As actividades realizadas durante as Prácticas Externas reflectiranse nun Informe.

Comisión do Prácticum

  • Coordinadora do prácticum de Grao. Olalla Cutrín Mosteiro. Presidenta da comisión por delegación da decana. Vicedecana de Prácticum e Mobilidade.
  • Secretaria da comisión de prácticum. Mª Luísa Bercero Redondo. Responsable da Unidade de xestión do centro.
  • Responsables de prácticum/prácticas externas de titulacións oficiais adscritas á facultade:
    • Sabela Carme Mallo López. Representante do Máster en Psicoxerontoloxía
    • Carmela Martínez Vispo. Representante do Máster en Psicoloxía Xeral Sanitaria
    • Cristina Gómez Román. Representante do Máster en Psicoloxía 
  • Representantes de áreas de coñecemento de departamentos con sede no centro:
    • Constantino Arce Fernández. Representante da área de Metodoloxía das Ciencias do Comportamento
    • Mónica Lindín Novo. Representante da área de Psicobioloxía
    • Arturo X. Pereiro Rozas. Representante da área de Psicoloxía Evolutiva e da Educación
    • Xosé Antón Gómez Fraguela. Representante da área de Personalidade, Avaliación e Tratamento Psicolóxicos
    • Mauro Rodríguez Casal. Representante da área de Psicoloxía Social
    • Mª José Sampedro Vizcaya. Representante da área de Psicoloxía Básica
  • Representante de áreas de coñecemento de departamentos sen sede no centro: Manuel Vilariño Vázquez
  • Representantes do estudantado:
    • Carlos Dopico Casal

Coordinación de prácticas

Prácticum Máster Interuniversitario en Psicoxerontoloxía

Prácticum Máster en Psicoloxía Xeral Sanitaria

Os contidos desta páxina actualizáronse o 11.10.2024.