Ir o contido principal
STG

Mecenado

A Universidade de Santiago de Compostela impulsa diversas accións para captar fondos privados cos cales soster financeiramente o desenvolvemento de iniciativas docentes, investigadoras e socioculturais atendendo a tres grandes liñas de actuación: acordos de mecenado, iniciativas de micromecenado e promoción das cátedras institucionais.

 

ANUNCIO

A Universidade de Santiago de Compostela atópase no proceso de creación dunha Cátedra Institucional de Intelixencia Artificial en Ciencias da Saúde para concorrer á convocatoria efectuada pola Orde ETS/1180/2022 do 25 de novembro, difusión e formación no marco do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia Europeo, financiado pola Unión Europea-Next Generation EU destinado á investigación e desenvolvemento da intelixencia artificial.

A tal efecto, ábrese un prazo ata o venres 17 de febreiro ás 12:00 h para que aquelas empresas do sector produtivo que desexen colaborar na devandita Cátedra amosen o seu interese remitindo un correo electrónico a Vicerreitoría de Transformación Dixital e Innovación (vr.dixital@usc.gal) coa seguinte documentación:

  1. Breve descrición da empresa e das capacidades no ámbito da Intelixencia artificial.
  2. Asumir o compromiso de colaborar coa USC no fomento da colaboración universidade-empresa para a formación do alumnado e na aplicación dos resultados de investigación a produtos ou servicios de valor engadido para un desenvolvemento sustentábel da sociedade.

A Lei 49/2002, do 23 de decembro, de Réxime fiscal das entidades sen fins lucrativos e dos incentivos fiscais ao mecenado, posibilita que as achegas feitas en favor da USC sexan consideradas como accións de mecenado ao ser unha forma de participación privada na realización de actividades de interese xeral e, en consecuencia, permite ás persoas físicas ou xurídicas que as realizan acollerse a beneficios fiscais. As achegas de mecenado poden ser doazóns de cartos, de bens ou de dereitos ou prestacións gratuítas de servizos.

A USC convenia actuacións de mecenado con entidades privadas para soster financeiramente programas de actividade ao redor de catro eixos:

  • Educación, con actuacións como a dotación de bolsas de iniciación á investigación, programas de mentorías, apoio de iniciativas de responsabilidade social ou o fomento da oferta cultural e deportiva.

  • Emprendemento, con accións referidas á promoción de iniciativas empresariais, á formación en xestión empresarial innovadora ou á valorización de patentes.

  • Empregabilidade, para financiar programas de captación e retención de talento, impulsar intercambios de PDI e estudantes, mellorar as posibilidades de emprego, realizar prácticas de campo e premiar o labor docente ou investigador

  • Transformación dixital, para impulsar o desenvolvemento de novas ferramentas de comunicación coa comunidade universitaria.

A USC conta cunha estratexia de captación de fondos e recursos (bens tanxibles ou intanxibles) cun valor estimado por debaixo dos 3000 euros en modalidade de micromecenado libre ou finalista —con destino de proxectos concretos propostos polos doadores— e de financiamento colectivo para a realización de proxectos singulares propostos pola USC.

A USC desenvolveu o web Sumo Valor para dar soporte ás doazóns de micromecenado de:

  • Labores de investigación

  • Iniciativas de difusión científica

  • Promoción do deporte e actividades culturais

  • Dotación de bolsas a estudantes con baixos ingresos

  • Achegas de bens mobles inventariables

  • Financiamento de cátedras universidade-empresa

As cátedras institucionais da Universidade de Santiago de Compostela, concibidas como actividades de I+D+i, son ámbitos singulares para a reflexión, o debate, o estudo e a investigación en todas as áreas de coñecemento.

A través das cátedras institucionais quérese potenciar a relación entre a comunidade universitaria e a súa contorna económica, social e cultural, así como activar a captación de recursos externos e intensificar a colaboración entre a USC e empresas, institucións ou fundacións para desenvolver actividades complementarias nos ámbitos da docencia, a investigación ou a transferencia do coñecemento cara aos sectores produtivos.

A iniciativa para a creación das Cátedras Institucionais da USC poderá corresponder ao equipo de goberno así como ao persoal docente e investigador con vinculación permanente avalado por algún ámbito da estrutura orgánica da USC (Centros, Departamentos ou Institutos).

Cátedras da USC

Cátedras participadas pola USC

Os contidos desta páxina actualizáronse o 01.10.2024.