Ir o contido principal
STG

Acceso a graos

En Galicia, as probas de acceso ás tres universidades galegas —Avaliación de Bacharelato para o acceso á Universidade (ABAU) e para persoas maiores de 25 e 45 anos— están organizadas pola Comisión Interuniversitaria de Galicia (CIUG).

Se queres solicitar praza, tes que cumprir algún dos seguintes requisitos de acceso establecidos no capítulo II do RD 534/2024:

  • Ter un título de bacharelato ou equivalente e superar a proba de acceso á universidade.
  • Cumprir os requisitos esixidos para o acceso á universidade nos sistemas educativos de Estados membros da Unión Europea ou doutros Estados cos que España subscribise acordos internacionais nesta materia.
  • Ter superada a proba de acceso á universidade para maiores de 25 anos, para maiores de 40 anos con experiencia laboral ou profesional ou a proba para maiores de 45 anos.
  • Posuír un título de técnico superior de formación profesional, ensino de artes plásticas e deseño ou de técnico deportivo superior, ou títulos equivalentes.
  • Ter un título universitario oficial de grao, máster ou un título dos correspondentes á anterior ordenación do ensino universitario (diplomado universitario, arquitecto técnico, enxeñeiro técnico, licenciado...) ou títulos equivalentes.
  • Ter cursados estudos universitarios parciais estranxeiros ou españois, ou que, ao finalizar os estudos universitarios estranxeiros, non obtivesen a súa homologación en España e desexen continuar estudos nunha universidade española. Neste suposto, será requisito indispensable que a universidade correspondente recoñeza cando menos 30 créditos ECTS.
  • Estar en condicións de acceder á universidade segundo ordenacións educativas anteriores á Lei orgánica 8/2013, non incluídas nos apartados anteriores.

Proba de acceso á universidade (ABAU)

Unha vez rematado o bacharelato, para poderes acceder a un grao universitario debes superar a Avaliación de Bacharelato para o acceso á Universidade (ABAU). No web da CIUG tes toda a información sobre as probas e o calendario das convocatorias; a estrutura das probas e o acceso a exames de convocatorias anteriores, o sistema de cualificación e cálculo da nota de admisión; a ponderación das materias troncais e das materias optativas; o procedemento para facer reclamacións e solicitar unha segunda corrección ou realizar outra vez a proba para subir nota, e a normativa que rexe a avaliación para estudantes con necesidades especiais.

Proba de acceso para maiores de 25 anos

Poden facer esta proba as persoas que sexan maiores de 25 anos de idade no ano en que se celebre a proba e que non teñan ningunha titulación académica que dea acceso á universidade por outra vía.

Acceso desde a Formación Profesional

Se tes un título oficial de técnico superior de formación profesional, de técnico superior de artes plásticas e deseño ou de técnico deportivo superior, ou títulos, diplomas ou estudos declarados equivalentes ou homologados no sistema educativo español, podes acceder a estudar unha titulación de grao na universidade.

As solicitudes ordenaranse segundo a nota media do título de técnico superior realizado sobre un máximo de 10.

Repara en que a nota de acceso á universidade pode ser de 14 puntos. Se desexas mellorar a nota de admisión aos estudos de grao, podes facer a proba da parte voluntaria da ABAU.

Podes presentarte a un máximo de catro materias de modalidade do segundo curso de bacharelato, onde podes obter ata 4 puntos. A cualificación das materias desta proba terá validez durante os dous cursos académicos seguintes á súa superación.

Maiores de 45 anos

Se cumpres 45 anos de idade neste ano natural e non posúes ningunha titulación académica que che permita acceder á universidade, podes estudar titulacións oficiais de grao despois de superar unha proba de acceso adaptada.

Titulados universitarios

Resérvanse un total do 1% das prazas ofertadas, as cales se adxudican pola nota media do expediente.

  1. Con titulación universitaria de Grao, Licenciatura, Diplomatura, Enxeñaría ou equivalentes. A súa nota de admisión será a media do expediente académico do título co que se accede.
  2. Con titulación de Máster oficial. A nota de admisión será a nota media ponderada do número de créditos resultante da nota media do Máster e do título universitario oficial que lle dera acceso ao Máster.

Os titulados por sistemas de educación estranxeiros deberán ter homologado o seu título a un dos títulos oficiais españois ou a declaración de equivalencia a nivel académico.

Homologación/Equivalencia de títulos estranxeiros de educación superior

Os contidos desta páxina actualizáronse o 05.11.2024.