Ir o contido principal
STG

Acceso a Másteres

Os másteres teñen como finalidade a adquisición por parte do/a estudante dunha formación avanzada, de carácter especializado ou multidisciplinar, orientada á especialización académica ou profesional, ou ben para iniciarse en labores de investigación.

 

Para acceder aos estudos de máster na USC hai que reunir algunha destas condicións:

  • Ter un título oficial de graduada ou graduado universitario.

  • Ter un título universitario oficial español —licenciada/o, arquitecta/o, enxeñeira/o, enxeñeira/o técnica/o, arquitecta/o técnica/o, diplomado/a— ou calquera outra titulación oficial equivalente.

  • Ter un título expedido por unha institución de educación superior doutro Estado do Espazo Europeo de Educación Superior que permita, nese país, acceder ás ensinanzas de máster.

  • Aquelas persoas que teñan unha titulación expedida por unha institución de educación superior dun país alleo ao Espazo Europeo de Educación Superior poden acceder aos estudos de posgrao se cumpren algún dos seguintes requisitos:

    • Dispor dun título expedido por unha universidade estranxeira que estea homologado ou declarado a un título español que permita o acceso aos estudos de posgrao.

    • Ter un título expedido por unha universidade estranxeira, allea ao Espazo Europeo de Educación Superior, sen homologación, sempre que se certifique previamente que o seu título universitario acredita un nivel de formación equivalente ao do título español de grao e que faculta no país expedidor o acceso aos estudos de posgrao.

A USC poderá pór requisitos específicos e criterios de valoración de méritos para o acceso a cada máster.

 

Nos másteres onde que existan prazas reservadas para alumnado con estudos estranxeiros de acceso alleos ao Espazo Europeo de Educación Superior, a admisión e a matrícula para as devanditas prazas rexerase pola convocatoria anticipada para o curso 2023/24.

O alumnado con estudos estranxeiros de acceso de países pertencentes ao Espazo Europeo de Educación Superior, ou alleos a este, poderá concorrer ao proceso xeral de asignación de prazas nas mesmas condicións que o resto do alumnado, pero deben presentar a declaración de equivalencia da nota media do seu expediente, que se obtén a través do servizo que ten activo o Ministerio con competencias en Educación.

Para o ingreso nos másteres da USC, se procedes dun sistema educativo do Espazo Europeo de Educación Superior, non terás que homologar ou solicitar a declaración de equivalencia do teu título de acceso e só deberás acreditar que o teu título dá acceso aos estudos de máster no teu país de orixe. O resto do alumnado con estudos estranxeiros deberá estar en posesión dun título homologado ou declarado equivalente polo Ministerio ou solicitar na USC o recoñecemento da equivalencia dos seus estudos para poder ingresar nunha titulación de máster.

A túa admisión e a matrícula terán carácter provisional, condicionadas á concesión da equivalencia da titulación de acceso de conformidade co artigo 18.2 do Real Decreto 822/2021, así como co cumprimento dos requisitos específicos que se establezan para cada máster.

Para o recoñecemento da equivalencia, deberás presentar no momento da matrícula, se non o fixeches antes, a correspondente solicitude no Servizo de Xestión Académica xunto cos documentos académicos debidamente legalizados e traducidos e, cando corresponda, os documentos orixinais que acrediten o cumprimento dos requisitos específicos.

Lembra que unha resolución desestimatoria da equivalencia de estudos estranxeiros cursados para o ingreso nos másteres oficiais suporá a anulación de todos os actos que se derivan da admisión e matrícula. Tamén se procederá á anulación cando non se acredite o cumprimento dos requisitos específicos establecidos para a admisión nun máster en concreto.

A convocatoria xeral ábrese no mes de xuño. A convocatoria anticipada para alumnado con estudos alleos ao Espazo Europeo de Educación Superior publícase a principios de cada ano natural, e o prazo de solicitudes é o establecido na propia convocatoria.

Debes facer a túa solicitude atendendo aos prazos fixados a través da Secretaría Virtual declarando os datos do expediente académico da titulación universitaria que che dá acceso.

Lembra que se tes un título de fóra do sistema educativo español, deberás realizar previamente a declaración da nota media equivalente na páxina do Ministerio competente para certificar a túa nota media na solicitude. Tamén deberás anexar dixitalmente o teu título e a certificación do teu expediente académico.

Terás que comprobar a listaxe de admisión na Secretaría Virtual e mais o prazo en que tes que facer a matrícula. Se estás nunha listaxe de agarda e queres continuar no proceso de admisión, tes que confirmar a permanencia da túa solicitude en cada unha das listaxes de agarda.

A matrícula será firme cando se comprobe a veracidade dos datos declarados de acordo coa documentación que deberás entregar. Se cursaches o teu título de acceso na USC, non será preciso que achegues a documentación relativa ao título.
 

 

Os contidos desta páxina actualizáronse o 03.06.2024.