Ir o contido principal
STG

Admisión e matrícula en estudos de Posgrao

O Centro de Estudos Propios encárgase de coordinar e promover a oferta propia da USC de formación especializada dirixida á actualización profesional a través de másteres de formación permanente, diplomas de especialización, diplomas de experto/a, cursos de formación continua e cursos de formación específica. A xestión académica correspondelle ao Servizo de Xestión Académica.

A persoa que desexe realizar Estudos Propios (Máster de Formación Permanente, Diploma de Especialización e Diploma de Experto/a;  Cursos de Formación Continua; e Cursos de  Formación Específica), deberá solicitar a súa admisión a través da Secretaría Virtual da USC no prazo que para cada curso se sinale na oferta do presente curso académico.

A xestión do proceso de selección para a admisión do alumnado dun curso corresponde á dirección de este, aplicando os criterios que fosen aprobados polos órganos competentes e debidamente publicados na oferta.

No caso de Másteres de Formación Permanente e dos Diplomas de Especialización e de Experto/a, deberá ser oída a Comisión académica do curso.

Os Másteres de Formación Permanente, Diplomas de Especialización e Diplomas de Experto esixirán os mesmos requisitos de acceso que os Másteres oficiais.

Rematado o proceso de admisión, o alumnado admitido nos cursos, deberá matricularse a través da Secretaría Virtual nos prazos establecidos.

O alumnado deberá matricularse dos créditos que figuren na programación do curso, sen prexuízo da posibilidade do posterior recoñecemento de créditos, cando proceda.

O alumnado de cursos de estudos propios estará obrigado ao pago do seguro obrigatorio de accidentes e asistencia en viaxe para o alumnado da USC, agás no caso de cursos non presenciais nos que non existan prácticas ou probas de avaliación presenciais.

A matrícula formalizarase nos prazos indicados na convocatoria respectiva a través da Secretaría Virtual.

As persoas con titulación estranxeira deberán acreditar a homologación ou declaración de equivalencia a titulación o nivel académico do seu título polo Ministerio ou solicitar  a  equivalencia no Servizo de Xestión Académica da USC. Neste segundo caso, a solicitude de equivalencia deberá facerse no momento de formalizar a matrícula ou no prazo de 10 días a contar desde o día seguinte ao da realización da matrícula.

Ademais, deberán aboar as tarifas establecidas de matrícula, na forma que determine a convocatoria do curso.

Formalizarase nos prazos indicados na convocatoria a través da Secretaría Virtual.

Ademais, aboaranse as tarifas establecidas de matrícula, na forma que determine a convocatoria do curso.

Poderase solicitar a desistencia de matrícula, se se efectúa nos 5 días hábiles posteriores á data de fin do prazo daquela. A desistencia dará dereito a devolución do seu importe, agás o importe correspondente ao seguro obrigatorio de accidentes e asistencia en viaxe para o alumnado da USC.

As solicitudes presentadas con posterioridade ao comezo das actividades do curso non darán lugar a devolución, salvo causas imputables á Universidade ou causa de forza maior debidamente acreditada. En todo caso, será preciso ademais informe favorable da Comisión Académica ou da Dirección do Curso.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 09.10.2023.