Ir o contido principal
STG

Continuación de estudos

Se procedes doutra universidade española ou comezaches os teus estudos nunha universidade estranxeira podes continuar os teus estudos na USC realizando un traslado de expediente académico ou solicitando un recoñecemento dos teus estudos.

Se iniciaches estudos noutra universidade española e non os finalizaches, podes facer un traslado de expediente e solicitar a admisión para continuar estudos na Universidade de Santiago de Compostela.

Para continuar estudos de grao é necesario o recoñecemento mínimo de 30 ECTS para todos os casos de continuación de estudos en grao, establecendo unha serie de criterios específicos aplicables aos casos de titulacións nos que existan cotas de prazas para os traslados.

Na continuación de estudos en graos sen límite de prazas unicamente será necesario o recoñecemento mínimo de 30 ECTS

Na continuación de estudos en graos con límite de prazas óptase por establecer un sistema de prelacións por grupos de estudantes, nos que se aplicará un criterio de ordenación que dependerá da nota media do expediente académico expresada en base 10, á que se sumará unha puntuación adicional no caso daqueles estudantes que teñan realizado as probas de acceso á universidade en Galicia.

Finalizado o procedemento de ordenación, procederá outro de asignación de prazas no que se priorizará a aqueles estudantes que soliciten o traslado desde outra universidade pública do Sistema Universitario de Galicia.

Deberá realizar a solicitude a través da secretaría virtual e anexar a seguinte documentación dentro do prazo límite sinalado na convocatoria específica:

  • Copia do documento de identidade (DNI, NIE).
  • Certificación académica completa na que figuren todas as materias cursadas, superadas ou non, cualificacións obtidas, número de créditos e convocatorias utilizadas
  • Plan de estudos da titulación de orixe.
  • Programas das materias cursadas en formato PDF.
  • Documentación que acredite o tipo de acceso á Universidade (tarxeta PAAU, ABAU, FP, etc).

Se es alumno de universidades estranxeiras e desexas continuar estudos de grao na Universidade de Santiago de Compostela deberás solicitar o recoñecemento parcial dos teus estudos de acordo cos seguintes requisitos:

  • Unicamente se admitirán solicitudes para continuar os mesmos estudos xa iniciados noutro país. Se a denominación do título é diferente, a Comisión de Validación ditaminará se os estudos que cursaches che outorgan as mesmas competencias académicas.
  • Para ser admitido deberá recoñecerse un mínimo de 30 créditos en materias do Grao para as que solicitas continuar estudos.

 

En titulacións con límite de prazas, se o número de solicitudes é maior, valorarase o número de créditos validados.

Se procedes dun país estranxeiro cuxo idioma oficial non sexa o español ou o portugués queres realizar estudos de grao, máster ou doutoramento terás que ter en conta os requisitos de coñecemento de español ou galego que se esixen en cada caso.

No caso de que se esixa un nivel de idioma para acceder a titulación, as certificacións válidas para acreditar o coñecemento de idioma castelán e galego son  DELE, Celga, SIELE.

Ensinanzas de Grao

Deberás acreditar coñecementos de lingua española mediante un título de nivel B1 ou superior expedido polo Instituto Cervantes, agás para o grao en Lingua e Literatura Españolas, para o que se deberá acreditar un nivel B2 ou superior.

No caso do galego, a acreditación deberá realizarse mediante un título de Celga II, conforme á Orde da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza da Xunta de Galicia do 16 de xullo de 2007, pola que se regulan os certificados oficiais acreditativos dos niveis de coñecemento da lingua galega (Celga), modificada pola Orde do 10 de febreiro de 2014 da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria.

Se  non posúes este título, a USC realizarache proba de coñecementos de castelán ou galego antes  do   inicio  dos   estudos. No  caso  de  non superar a  proba, deberás  modificar a  túa matrícula e só poderás  matricularse dun  máximo do  25%  dos  créditos do  primeiro semestre debendo realizar ao mesmo tempo un curso intensivo obrigatorio de español ata a superación do  nivel requirido, que será necesario para poder  matricularse no segundo semestre.

Quedan  excluídos dese requisito os estudantes procedente de países de fala española ou portuguesa e os das titulacións impartidas maioritariamente noutras linguas.

Estudos de Máster

A Comisión de cada máster deberá  indicar o  nivel de  coñecemento de  lingua  española  ou  galega requirido  para acceder a  estes estudos. Se non se indica nada, enténdese que non será esixible este requisito.  Queda excluído deste requisito o alumnado procedente de países de fala española ou portuguesa.

Ensinanzas de Doutoramento

Non  será  esixible un  nivel  mínimo  de coñecemento de  galego  ou castelán,  sendo responsabilidade do alumnado o coñecemento da lingua ou linguas en que se vaia desenvolver o programa destes estudos.

 

a. Estudantes procedentes de universidades españolas:

Os prazos pódense consultar nos Calendarios de admisión.

Deberás solicitar a admisión a través da Secretaría Virtual nos prazos fixados, declarando todos os datos solicitados, e anexar na solicitude a documentación requirida na convocatoria específica.

b. Estudantes procedentes de universidades estranxeiras

Se procedes dunha universidade estranxeira, poderás solicitar as titulacións que figuran no ANEXO VI da convocatoria de matrícula. Os prazos pódense consultar nos Calendarios de admisión.

A solicitude de admisión presentarase na sede electrónica da USC. No caso de imposibilidade para facelo na sede electrónica, poderá presentarse de forma presencial na Unidade de Xestión Académica que corresponda segundo a titulación, a través das representacións diplomáticas ou oficinas consulares de España no estranxeiro mediante o seguinte modelo de solicitude, ou nos lugares recollidos na Lei 39/2015, de 1 de outubro, do Procedemento Administrativo Común das Administracións Públicas. Non se admitirá ningunha solicitude que non sexa presentada por estes medios.

Para completar a solicitude deberá efectuar o pagamento establecido, dentro do prazo fixado para realizar a solicitude, a través da aplicación de autoliquidación seleccionando a opción «Prezos Servizos Académico-Administrativos».

No caso de non aboar o citado importe neste prazo, a solicitude non será admitida a trámite.

Documentación

  1. Solicitude indicando os estudos que se pretenden realizar e as materias do plan de estudos da USC que se desexa que se recoñezan. Non será posible admitir unha solicitude sen a proposta de equivalencia do alumno.
  2. Copia do DNI, NIE ou Pasaporte.
  3. Certificación académica dos estudos universitarios realizados, na que se inclúa o número de materias e créditos superados na universidade de orixe, carga lectiva e sistema de cualificacións de procedencia. Os documentos expedidos en idioma estranxeiro deberán acompañarse da súa tradución oficial ao galego ou ao castelán.
  4. Plan de estudos e programa das materias superadas indicando extensión e contidos con firma orixinal.
  5. Declaración xurada de non ter solicitada a homologación ou a equivalencia no Ministerio de Educación y Formación Profesional (só os titulados universitarios).

 

Esta documentación deberá presentarse, xunto co xustificante de pago, dentro do prazo establecido, non aceptándose documentación expedida con posterioridade á finalización do prazo de solicitude.

Coa solicitude deberá achegarse a documentación acreditativa, aceptándose a tal efecto copias de certificacións non legalizadas. No momento de formalizar a matrícula, unha vez esteas admitido para continuar estudos, deberás presentar a documentación debidamente legalizada e traducida, xunto cos orixinais.

O alumno, unha vez notificada a admisión, deberá matricularse no prazo fixado a través da Secretaría virtual.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 01.10.2024.