'Dos ábacos aos computadores', novo proxecto expositivo da USC
Mostrar o paso do cálculo histórico ata o actual é o propósito da exposición ‘Dos ábacos aos computadores’ que se inaugurará na Igrexa da Universidade o vindeiro martes, día 29. A mostra é unha produción da Vicerreitoría de Cultura e da Facultade de Química da USC co patrocinio de Caixanova.
Comisariada por Manuel Bermejo Patiño co asesoramento de Andrés Díaz Pazos, Rafael Sisto e Belén Bermejo, na mostra faise unha presentación diacrónica do proceso de cálculo na sociedade ata a chegada da informática, facendo fincapé na instrumentación actual para tentar amosar como pode ser o futuro.
Iníciase así cunha introdución aos métodos de cálculo na Humanidade, dende os ábacos na cultura oriental ata o cálculo da cultura islámica, pasando polas achegas da cultura greco-romana. Xa o posterior progreso no cálculo matemático posibilita o deseño das primeiras calculadoras da historia como as máquinas de Pascal, Babbage, Hollerith ou Torres Quevedo. Por último, o desenvolvemento científico permite o deseño tecnolóxico de novas máquinas -os computadores- que, sinerxicamente, actúan sobre o cálculo impulsando un maior desenvolvemento das matemáticas.
Nesta produción, que se poderá visitar ata o 26 de marzo, amósanse moitas máquinas que o espectador coñecerá como o primeiro IBM 1130 da USC, as máquinas perforadoras de tarxetas, as primeiras memorias electrónicas, máquinas de cálculos diversos e distintos compoñentes dos ordenadores, co obxecto de que a sociedade comprenda como foron evolucionando historicamente os computadores ata o que son hoxe. Boa parte destas pezas procede, ademais da USC, do Museo Pedagóxico de Galicia, do Centro de Supercomputación de Galicia e do Museo Naval de Ferrol.