Ir o contido principal
STG

O medio ambiente en Galicia e a sustentabilidade fronte ao cambio climático centran os cursos de verán que comezan este luns

Este luns 15 darán comezo en Santiago dous novos cursos de verán. Un centrado en achegar o estado actual da cuestión medioambiental galega desde un punto de vista multidisciplinar e outro, que inaugura o reitor ás 16.30 na Aula Magna de Física, dedicado ao estudo da implantación de aldeas sustentables e autosuficientes baseadas en enerxías renovables como resposta ao cambio climático. O medioambiente en Galicia Dirixido por José Manuel Vila Abad e Susana López Estévez, a sexta edición do curso ‘ O medioambiente en Galicia. Unha visión interdisciplinar’ tratará cuestións relacionadas con aspectos físicos, químicos e biolóxicos da contaminación, o cambio climático, a xestión e solución de impactos, a lexislación e economía medioambiental, as novas enerxías, o crecemento sostible e a educación medioambiental. A inauguración será ás 9.30 horas na Aula Magna da Facultade de Química. En concreto, nos diversos relatorios falarase do proxecto Climántica, do impacto do cambio climático nos ecosistemas mariños, dos residuos industriais en Galicia, do traballo da Oficina de Desenvolvemento Sostible da USC ou das competencias e responsabilidades en xestión medioambiental na administración local. Ademais, haberá roteiros, visitas guiadas e obradoiros prácticos. Comunidades enerxeticamente autosuficientes O curso ‘ Enerxía, cambio climático e sustentabilidade: comunidades enerxeticamente autosuficientes’ tratará de valorizar un novo modelo de xestión global e sustentable de recursos como resposta ao cambio climático e á crise enerxética mundial. Para conseguir o seu obxectivo desenvolverá o concepto de Comunidades Sustentables e Autosuficientes, estudando a súas vantaxes e inconvenientes fronte a outras propostas actuais (Transition Towns, Smart Cities, Ecoaldeas e outras). O curso desenvolverase ata o 20 de xullo, baixo a dirección de Ángeles López Agüera, de xeito simultáneo en rede para diferentes sedes universitarias en universidades de Arxentina, Chile, Cuba, Ecuador, México e Perú. A sesión da tarde deste luns ten carácter aberto a todo o público. As persoas que se inscriban terá oportunidade de adquirir os coñecementos suficientes para valorar e cuantificar a situación enerxética mundial con especial fincapé nas desigualdades entre países; describir os efectos asociados ao cambio climático e as súas evidencias; desagregar as propostas actuais de resposta tanto á crise enerxética como ao cambio climático, no eido gubernamental, social, económico e asistencial; definir as posibilidades tecnolóxicas asociadas ás enerxías renovables que poden utilizarse para combater o cambio climático e a crise energética; e, finalmente, realizar cálculos sinxelos de avaliación de necesidades enerxéticas e hídricas así como de dimensionado de solucións tecnolóxicas sinxelas.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 12.07.2013.