Ir o contido principal
STG

A atención sanitaria durante o proceso de xestación centrará as XIV Xornadas Internacionais de Enfermaría de Lugo

De esquerda a dereita, José Luís díaz, Begoña Barreiro e Pilar Penela
De esquerda a dereita, José Luís díaz, Begoña Barreiro e Pilar Penela
O foro, no que participarán 250 persoas e 31 relatores, dará comezo o xoves

Un ano máis, a Escola Universitaria de Enfermaría de Lugo celebrará esta semana as XIV Xornadas Internacionais de Enfermaría, organizadas en colaboración co Colexio Oficial de Enfermaría de Lugo, baixo o lema ‘Continuum: Muller, embarazo, neno’. As xornadas desenvolveranse no Auditorio de Veterinaria do Campus de Lugo o xoves 26 e o venres 27, para tratar as diferentes etapas do período de xestación desde a prevención do embarazo, o estado de preñez, o posparto, o período de lactancia, así como os coidados de pediatría durante o primeiro ano de vida do bebé.
Esta cita anual, que contará coa asistencia de preto de 250 profesionais e estudantes, foi presentada pola vicerreitora adxunta de Oferta e Xestión Académica, Begoña Barreiro Fernández; o director da Escola de Enfermaría de Lugo, José Luis Díaz López; e a profesora Pilar Penela Puga como representante do comité organizador das xornadas, que lembraron a importancia que teñen estas xornadas na USC.
Estas sesións, que segundo José Luis Díaz teñen “unha ampla aceptación”, están pensadas para contribuír a que os alumnos “non só coñezan as diferentes materias da diplomatura”, e podan tamén “afondar noutros campos e debater con compañeiros e expertos sobre os contidos das xornadas, nesta ocasión a Obstétrico-xinecoloxía e a Pediatría”.
O programa dará comezo o xoves ás 9:00 horas cunha mesa redonda titulada ‘Educación para a saúde e embarazo’. O acto inaugural está previsto para as 18:30 horas, no que estarán presentes autoridades das distintas Administracións entre os que figura o delegado de Sanidade, Miguel Ángel Rodríguez Lois; o alcalde, José López Orozco, ademais do vicerreitor de Coordinación, Carlos Herrero Latorrre. A continuación, a matrona arxentina Raquel Schallman ofrecerá unha conferencia sobre a continuidade no proceso de xestación. A presidenta da Asociación de Matronas Europeas, Deidre Daly, explicará deseguido a visión xeral do rol da matrona no continente.
As mesas redondas e coloquios que se celebrarán o xoves estarán centradas na atención á muller durante o embarazo e o parto. O venres, as intervencións e os debates basearanse no coidado da muller e do bebé tras o alumbramento, e durante o primeiro ano de vida. Schallman ofrecerá outro relatorio, nesta ocasión, sobre os vínculos materno-filiais.
Estas xornadas reúnen en Lugo este ano a un total de 31 relatoras procedentes de distintos ámbitos universitarios, así como a especialistas e profesionais sanitarios. Ademais de Raquel Schallman, participarán tamén Josefina Álvarez, enfermeira da Unidade de Reprodución Asistida do Hospital Universitario Central de Asturias, ou Pilar Bernalte, enfermeira e supervisora da Unidade de Neonatos e Coidados Intensivos do Complexo Hospitalario de Albacete. Todos eles serán recibidos o xoves polo alcalde, José López Orozco, no Salón de Plenos do Concello, e clausurarán as xornadas cunha cea de gala o venres.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 24.03.2009.