Ir o contido principal
STG

Avelino Corma, Premio Príncipe de Asturias 2014, visita a USC

Avelino Corma
Avelino Corma
Corma mantén un encontro con investigadores e estudantes do CiQUS e ofrece unha conferencia na Facultade de Química

No marco do seu programa de relatorios impartidos por investigadores de prestixio, o Centro Singular de Investigación en Química Biolóxica e Materiais Moleculares (CiQUS) recibe este xoves a visita de Avelino Corma, Premio Príncipe de Asturias de Investigación Científica e Técnica 2014. Corma compartirá esta tarde nun encontro cos investigadores e estudantes do centro as súas impresións sobre os retos e perspectivas que se presentan no ámbito da ciencia e a investigación, máis concretamente no eido da química.

Como parte desta visita, o venres 19 ofrecerá ademais na Facultade de Química a conferencia ‘ Deseño de materiais para catálise: desde o laboratorio á aplicación industrial’, na cal presentará os aspectos máis relevantes das súas liñas de investigación, aplicada ao estudo da catálise heteroxénea.

Avelino Corma
Avelino Corma, doutor en Ciencias Químicas pola Universidade Complutense de Madrid e profesor do Consello Superior de Investigacións Científicas (CSIC), desenvolve desde 1990 a súa labor científica no Instituto de Tecnoloxía Química na Universitat Politècnica de València, do que é fundador, sendo un dos científicos máis destacados a nivel internacional no estudo da catálise.

Entre os seus recoñecementos destacan, ademais do premio Príncipe de Asturias de Investigación Científica e Técnica (2014), o Premio Nacional de Investigación ‘Leonardo Torres Quevedo’ (1995), o Premio Spiers Memorial 2016 da Royal Society of Chemistry ou o Premio Novas Tecnoloxías Rei Xaime I (2000), entre outras moitas distincións. Publicou máis de 900 artigos en revistas internacionais e tres libros, e é membro do comité de edición das máis importantes revistas científicas. Ademais, é autor de máis de 100 patentes de invención, unha ducia das cales foron aplicadas industrialmente en procesos comerciais.

Dende abril de 2017, exerce como presidente do Comité Científico da Axencia Estatal de Investigación, cuxa función é asesorar á Axencia sobre o plan anual de actividades e principios, metodoloxías e prácticas de avaliación científica e técnica, incorporando para iso estándares internacionais.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 18.05.2017.