O Centro de Investigación en Química Biolóxica e Materiais Moleculares abriu as súas portas
A rede de centros singulares encradados no Campus de Excelencia Internacional da USC comeza a tomar corpo coa inauguración este venres do Centro de Investigación en Química Biolóxica e Materiais Moleculares. Pero tal e como sinalou esta mañá o reitor compostelán, o máis valioso do centro inaugurado “non se verá hoxe como parte do edificio, porque o máis importante son as persoas”. En total 35 investigadores principais cuxo traballo vai permitir á investigación feita na USC dar un salto cualitativo, “permitiranos ascender de división, aínda que como institución investigadora xa nos atopemos en niveis de liderado”.
O reitor, que estivo acompañado no acto inaugural polo alcalde Xosé Sanchez Bugallo e polo Nobel de Química en 1996, Harold W. Kroto, subliñou que a posta en funcionamento desta nova infraestrutura “simboliza a inauguración dunha nova universidade, con novas formas” froito, na súa opinión, “dun cambio que leva tempo xestándose e que continuará mudando o rostro da Universidade nos vindeiros anos”.
Unha comisión de expertos internacionais e unha comisión interna da USC realizaron a selección de persoal en función da súa adecuación ás liñas temáticas do centro. Como resultado, os investigadores que forman parte do Centro son referentes a nivel nacional e internacional nos seus ámbitos de traballo.
Así, o Centro Singular de Investigación en Química Biolóxica e Materiais Moleculares comeza a funcionar con máis de 35 investigadores aínda que a cifra total de persoas que atoparán acubillo neste centro elevarase no futuro inmediato a máis de douscentos especialistas. Este espazo é unha das seis infraestruturas que constitúen a Rede de Centros Singulares de Investigación do Campus de Excelencia Internacional – Campus Vida.
“Coa posta en marcha deste Centro, a Universidade de Santiago continúa afondando na excelencia, na captación de talento e na aposta pola internacionalización”, indicou Senén Barro, para quen “unha vez asumida a influencia da excelencia, xa non hai volta atrás”. Neste Centro Singular desenvolverase un novo modelo de investigación, baseado na planificación estratéxica e no cumprimento de obxectivos.
Trátase dun modelo de investigación orientado a obter resultados innovadores que beneficien a toda a sociedade. “A Universidade ten que ter claro que os seus recursos son limitados, polo que hai que ofrecer o máximo retorno á sociedade”, subliñou o reitor neste senso a modo de compromiso.
Na súa intervención, o alcalde compostelán lembrou que “a cidade non sería o que é sen a súa universidade” polo que “o éxito ou fracaso da USC o será tamén de Santiago e, por extensión de Galicia”. Bugallo tamén subliñou como un dos éxitos da xestión realizada por Senén Barro neste anos de mandato a capacidade de ser singular nun entorno cada día máis global, materializada na consecuencia do Campus de Excelencia para Campus Vida.
Capacidade para 220 investigadores O Centro de Investigación en Química Biolóxica e Materiais Moleculares ten unha zona edificada de 5.900 m², nos que se distribúen 22 laboratorios de investigación e 6 laboratorios de apoio á investigación e instrumentación. A súa capacidade permitirá que, neste espazo, poidan investigar máis de 220 investigadores.
O edificio foi proxectado polo arquitecto José Luis Pereiro Alonso e conta cunha inversión de 11 millóns de euros financiados polo MEC (convocatorias FEDER), a Xunta de Galicia, a través da Dirección Xeral de I+D+i, e da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria.
Como solución innovadora o centro conta cun sistema de contención enerxética mediante vitrinas que teñen caudales optimizados e recuperadores de calor na instalación de climatización do edificio.
Rede de Centros Singulares de InvestigaciónA Rede de Centros Singulares de Investigación da USC está constituída por Centros dotados de coherencia temática e dun modelo organizativo e de xestión homologable ao que se pode atopar en centros de investigación de referencia no ámbito nacional e internacional. Esta foi unha das claves que permitiu á USC acadar o maior recoñecemento a nivel nacional no apartado de investigación e transferencia, constituíndo un dos grandes eixos do Campus de Excelencia Internacional – Campus Vida.
Xunto co Centro inaugurado esta mañá, a Rede está formada polo Centro de Investigación en Medicina Molecular e Enfermidades Crónicas, o Centro de Investigación en Tecnoloxías da Información, o Centro de Investigación en Física, o Centro de Investigación en Ciencias e Tecnoloxías da Vida, e un Centro de apoio en Biomedicina Experimental.
Acto académicoPreviamente a este acto, e aproveitando a visita do Nobel Harold W. Kroto para participar no Programa ConCiencia, tivo lugar unha sesión académica na Facultade de Química á que, entre outros, asistiron a vicerreitora de Investigación e Innovación, María José Alonso, e o decano do centro, Ramón Estévez.
Neste acto académico interviñeron con sendas conferencias o director do Instituto Catalán de Investigación Química, Miquel A. Pericàs, e o propio Harold W. Kroto