Ir o contido principal
STG

A Facultade de Formación do Profesorado amosa unha escolma de fotografías de Carlos Valcárcel doadas á USC

Eduardo Ochoa, Francisco Fraga, Carlos Valcárcel, Pedro García Herradón e Francisco Rodríguez Lestegás, na inauguración da mostra na Facultade de Formación do Profesorado de Lugo
Eduardo Ochoa, Francisco Fraga, Carlos Valcárcel, Pedro García Herradón e Francisco Rodríguez Lestegás, na inauguración da mostra na Facultade de Formación do Profesorado de Lugo
A exposición, que inclúe 67 imaxes en branco e negro datadas entre 1962 e 2002, permanecerá aberta ao público de xeito permanente no centro universitario lugués

A Facultade de Formación do Profesorado do campus de Lugo amosa a exposición ‘Carlos Valcárcel Fotografía 1962-2002’, unha escolma da colección de 76 instantáneas que o veterano fotógrafo lugués doou á Universidade de Santiago no ano 2003 e que xa formaron parte doutras exposicións que, ao abeiro do convenio Lugo Cultural, integrado entón pola Xunta de Galicia, Caixa Galicia, Deputación e Concello de Lugo, xiraron por distintos espazos universitarios dos campus de Compostela e de Lugo, segundo salientou onte o vicerreitor de Coordinación e Planificación, Pedro García Herradón, na inauguración desta mostra permanente.

García Herradón fixo tamén explícito o agradecemento da USC ao fotógrafo pola xenerosidade amosada ao ceder parte dos seus fondos fotográficos á institución académica no transcurso dun acto ao que tamén asistiu o propio Carlos Valcárcel, ademais do decano da Facultade de Formación do Profesorado, Francisco Rodríguez Lestegás; o concelleiro de Protección da Comunidade do Concello de Lugo, Francisco Fraga, e o coordinador da Aula de Fotografía do campus lugués, Eduardo Ochoa. Lestegás destacou no acto protocolario da apertura da mostra que “o carácter nobre do edificio que acubilla a Facultade de Formación do Profesorado de Lugo, unhas instalacións polas que desde 1954 pasaron miles de mestres e no que, na actualidade, varios centenares de estudantes poderán coñecer e contemplar a diario o legado fotográfico de Valcárcel”. Unha intervención máis emotiva foi a de Eduardo Ochoa, quen logo de referirse a Carlos Valcárcel como “o meu pai fotográfico”, relatou algunhas das moitas anécdotas compartidas con este afeccionado á fotografía lugués que “hai xa máis de trinta anos mantiña unha relación epistolar cos grandes fenómenos da fotografía do momento, o que vexo como algo normal, porque Carlos Valcárcel é outro fenómeno”, dixo. Valcárcel agradeceu todas as gabanzas e mostras de afecto recibidas dos presentes, aínda que fixo recaer todo o mérito na Universidade de Santiago de Compostela, porque “as miñas fotografías non teñen demasiado mérito, xa que era facer o que me gustaba”, comentou, para logo engadir, tamén nun ton irónico, que “cedín esta colección de imaxes á USC porque xa non tiña sitio para colgalas na miña casa”. Cronoloxía da mostra A colección ‘Carlos Valcárcel Fotografías (1962-2002) permite ao espectador facer un percorrido no espazo e no tempo por distintos lugares de Galicia e León a través de imaxes de fonda pegada etnográfica e cun alto valor documental que posibilitan trasladarse e coñecer outras épocas e a outros lugares sen necesidade de moverse do segundo andar da Facultade de Formación do Profesorado de Lugo. As contornas menos urbanas do Lugo da pasada década dos anos sesenta, xunto con imaxes pouco menos que senlleiras de bateas no río Miño, ao seu paso por Outeiro de Rei, oficios como o de toneleiro, afiador..., espazos e celebracións ben coñecidas como a Feira de Monterroso, o San Froilán, as paisaxes dos Ancares, O Caurel e mesmo a recta de Vilalba son algúns dos documentos gráficos que achega esta mostra de Valcárcel, que tamén inclúe varios retratos e imaxes de persoeiro como Uxío Novoneyra.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 23.01.2013.