A primeira promoción do máster en Dirección de Actividades Educativas na Natureza celebrou o seu acto de graduación
A primeira promoción do máster en Dirección de Actividades Educativas na Natureza, organizado pola Facultade de Formación do Profesorado de Lugo, celebrou o xoves 14 o seu acto de graduación. Na cerimonia interviron o vicerreitor de Coordinación e Planificación do Campus de Lugo, Pedro García Herradón; o presidente da Deputación Provincial de Lugo, José Ramón Gómez Besteiro; a concelleira de Educación do Concello de Lugo, Esther Muñoz Mella; o decano da Facultade de Formación do Profesorado, Francisco Rodríguez Lestegás; e o coordinador do máster, o profesor Uxío Otero Urtaza. O máster de Dirección de Actividades Educativas na Natureza busca a formación integral dos seus alumnos en aspectos teóricos e históricos da educación no contorno natural, ademais de achegar recursos estéticos, literarios, musicais ou deportivos relacionados coas ciencias naturais, a educación ambiental ou o excursionismo. “Outras cuestións, como a formación empresarial, o liderado de grupos, a capacidade de toma de decisións, o deseño de actividades ou a interpretación da paisaxe tamén forman parte dos contidos do curso. O obxectivo é presentar a natureza como unha potencia educadora”, explica Uxío Otero. Trátase do único curso de posgrao destas características en todo o panorama universitario español. Esta primeira promoción está composta por 29 estudantes, que recibiron formación de 28 docentes da USC e outros 15 procedentes doutras universidades. Ademais da parte teórica, o máster incluíu tamén numerosas saídas a contornos naturais, entre elas a reserva da biosfera Terras do Miño, sobre a que os alumnos están preparando un traballo no que se recollen os sons propios deste espazo natural. A Deputación Provincial e o Concello de Lugo, institucións que colaboran coa USC para o desenvolvemento deste máster desde a súa posta en marcha, anunciaron o seu compromiso de seguir apoiando este curso de posgrao en próximas edicións.