Ir o contido principal
STG

O programa de emprendemento universitario Argos premia as propostas de i-Grape, Vacsain e Yhumind

Integrantes do equipo i-GRAPE no momento de recoller o seu diploma acreditativo. Foto: Servimav-USC
Integrantes do equipo i-GRAPE no momento de recoller o seu diploma acreditativo. Foto: Servimav-USC
Traballarán no desenvolvemento de derivados do bagazo con fins cosméticos, autovacinas para acuicultura e en técnicas de xestión de recursos humanos, respectivamente

Un premio en metálico de 3.000 euros, seis meses de acceso gratuíto a espazos de incubación e asistencia gratuíta no proceso de constitución dunha empresa son os premios que recibiron I-Grape e Vacsain, primeiro e segundo respectivamente, en calidade de equipos gañadores da primeira convocatoria do programa Argos. Ademais, entregouse un accésit, que ofrecerá acceso ao espazo de incubación empresarial, para o equipo Yhumind. A USC puxo en marcha en xuño de 2013 o programa Argos co obxecto de crear e impulsar equipos emprendedores universitarios integrados por alumnado de últimos anos, posgrao ou titulados recentes capaces de desenvolver un proxecto de negocio innovador. O programa chegou agora ao seu fin coa entrega dos premios da edición 2013 aos tres mellores equipos. En total, no programa inscribíronse 50 persoas procedentes dun total de doce titulacións. i-Grape O primeiro premio i-Grape nace a partir dos datos obtidos polo grupo de investigación LIDSA (Laboratorio de Investigación e Desenvolvemento de Solucións Analíticas) do Departamento de Química Analítica da Facultade de Química. Este equipo situarase no mercado de produtores de materias primas de orixe natural para o seu uso industrial en ámbitos como o farmacéutico (dermocosmética) ou a alimentación. O produto inicialmente ofertado está constituído basicamente por un extracto líquido obtido a partir do subproduto da vinificación da uva branca (Vitis vinifera), con cualidades antioxidantes e antibacterianas. A idea xurde no marco do proxecto ‘Extracción de Polifenois de viños brancos e bagazo de uva; Polifenois non-flavonoides e actividades anti-oxidantes en viños brancos galegos’ que puxo de manifesto a elevada concentración en compostos polifenólicos dos bagazos das variedades brancas galegas. Vendo o potencial destes extractos no mercado, acometeuse a optimización e adaptación do proceso ás condicións industriais establecidas dunha empresa do sector cosmético. Son promotores do equipo Daniel Gómez Fernández-Camiñas, Jesús Álvarez Trabado, Juan José Verdes Gómez, Marta Álvarez Casas e Paula Alexandre Teixeiro. Vacsain O equipo de Vacsain traballarán a produción de autovacinas para acuicultura, con especial atención nas enfermidades parasitarias, ademais de ofrecer servizos de diagnose patolóxica en acuicultura, análise de seguridade alimentaria en moluscos, deseño de sistemas de liberación transdérmica de medicamentos e aplicados ao sector veterinario. Integran este equipo Alejandro Souto Outeiral, Alfonso Alfonsín Nogueira, Boris Janza Paz, Laura León Rodríguez, Luis Nogueiras Nieto, Mariña-Balbanera Fariña Santos e Pablo Ventoso Osorio. Yhumind Yhumind ofrecerá solucións a empresas para a selección adecuada de persoal e a xestión de recursos humanos empregando técnicas de xestión do tempo, coaching, feedback 360º, trastornos psicosociais, adaptación aos postos segundo competencias, desenvolvemento de habilidades e manexo do equilibrio traballo-vida. Ana Carlota Gil Ares, Irene Prieto Díaz, Lorena Pérez Pintos e Paula Valverde Díaz son as promotores deste equipo merecedor do accésit neste primeiro convocatoria de Argos. Os gañadores desta edición déronse a coñecer nun acto público este venres 31 que presidiu o reitor Juan Casares, xunto a quen tamén asistiu a concelleira da Área de Economía, Reyes Leis Rodríguez; o director da Axencia Galega de Innovación; o xerente de Igape Nova, Guillermo Viña; e o director da Área de Valorización, Transferencia e Emprendemento (AVTE), José Luis Villaverde. Argos A AVTE puxo en marcha Argos coa colaboración da incubadora de empresas da USC, Uninova, e as facultades de Ciencias Económicas e Empresariais de Santiago e a de Administración e Dirección de Empresas de Lugo. O obxectivo foi buscar persoas dispostas a traballar en equipo para desenvolver un proxecto de negocio innovador no que embarcarse na busca do seu futuro. As persoas que se inscribiron na convocatoria tiveron acceso a unha carteira de patentes da USC sobre a que podían traballar, ademais de que cada grupo podía desenvolver as súas propias ideas. Xunto a isto, a organización ofreceu información en liña sobre innovación en emprendemento e o acceso a un grupo de traballo Linked-in no que empezar a compartir información e experiencias. O xurado de Argos 2013 seleccionou en segundo lugar ao equipo Vacsain. Foto: Servimav-USC O accésit recaeu en Yhumind, que integran Ana Carlota Gil Ares, Irene Prieto Díaz, Lorena Pérez Pintos e Paula Valverde Díaz. Foto: Servimav-USC No acto estiveron presentes representantes dos seis equipos finalistas de Argos 2013. Foto: Servimav-USC

Os contidos desta páxina actualizáronse o 31.01.2014.