O programa USC en Transición comeza este martes cos seminarios sobre agricultura ecolóxica
Paralelamente ao proxecto de hortos urbanos na USC que xa comezou a súa andadura, o programa USC en Transición presenta ademais un plano formativo específico aberto a todas aquelas persoas que queiran coñecer un pouco da agricultura ecolóxica ou da manipulación dos produtos obtidos a través dela. Así, este martes 20 terá lugar en Santiago o primeiro dos seminarios a cargo de Lidia Senra, labrega en ecolóxico no concello de Vedra e unha das figuras máis relevantes na promoción da soberanía alimentar no agro galego a través da súa participación, entre outras iniciativas, da Vía Campesina. Esta produtora explicará ás 19.30 horas no Colexio Maior Fonseca as bondades da agricultura ecolóxica. En Lugo este primeiro seminario desenvolverase o mércores 21, ás 19.30 horas na Facultade de Formación do Profesorado, nesta ocasión a cargo de Xosé Ramón Rodríguez, labrego en ecolóxico en Outeiro de Rei que a partir dunha explotación gandeira de carácter familiar para a produción láctea puxo en marcha ‘Vida na Aldea’, un proxecto produtivo e educativo baseado na xustiza e na solidariedade. Os seminarios, de entrada libre, son unha parte dese plan formativo que a Oficina de desenvolvemento Sostible da USC continuará no mes de decembro coa organización dun obradoiro de conservas.