A relación entre educación, motricidade e calidade de vida centra un dos cursos de verán da USC
A USC organiza, dentro das actividades da Universidade de Verán 2012, o curso Educación, motricidade e calidade de vida. Desde a educación infantil ata a vida adulta. O encontro celebrarase entre o 16 e o 20 de xullo no salón de actos da Facultade de Formación do Profesorado de Lugo e o pavillón do IES Politécnico da capital lucense. Este curso está dirixido polo profesor Rubén Navarro Patón, e o responsable da secretaría é o tamén profesor desta Facultade Francisco Xosé Candia Durán. O relatorio inaugural do curso leva por nome ‘Unha mirada á historia da educación física: o xogo motor a través da historia e a arte’ e será impartido polo catedrático da USC Uxío Otero Urtaza. A continuación o doutor Antonio Bores, preparador físico da selección española de fútbol-sala e profesor da Universidade de Vigo, falará sobre as confluencias entre o deporte escolar e o deporte de elite. A terceira e última conferencia da xornada será ‘Actividade física e riscos para a saúde: ergonomía para o profesional da educación física’, a cargo do profesor da Universidade Pontificia de Salamanca Sergio López García. O martes 17 a actividade comeza co relatorio ‘Os xogos motores na educación: xogos con material alternativo e reutilizable en educación’, por parte do profesor da Universidade da Coruña José Palacios Aguilar. Cecilio Castro González, profesor de educación física no ensino secundario, achegará aos participantes no curso ideas para o desenvolvemento de actividades físicas con soporte musical, mentres que o profesor da Universidade de Vigo José Luis García Soldán falará na súa intervención sobre hixiene postural e actividade física orientada a escolares. Nesta segunda sesión tamén haberá talleres simultáneos, dirixidos polos propios relatores. A terceira xornada iníciase cunha charla sobre estratexias didácticas de psicomotricidade e actividade física na educación infantil, a cargo do profesor de Universidade de Vigo Cristian Abelairas Gómez. O seguinte relatorio centrarase no traballo por proxectos en educación primaria, e será presentada pola profesora deste ciclo educativo Lucía Peixoto Pino. A sesión péchase coa intervención ‘Propostas didácticas para o desenvolvemento da expresión corporal’, a cargo do profesor da Universidade de Vigo Roberto Barcala Furelos. O xoves 19 ábrese cun relatorio sobre actividade física e riscos para a saúde, presentado polo profesor da Universidade da Coruña Carlos Agrasar Cruz. Baixo o título ‘O deporte como self service’, o tamén profesor da Universidade da Coruña Víctor Arufe falará sobre os riscos que pode supoñer para os cidadáns a práctica deportiva sen supervisión. A xornada péchase coa intervención de Uxía Garrido Filgueira, profesora da USC, quen falará sobre a teoría da actividade física para alumnado con diversidad funcional. O último día comeza coa presenza no curso de Marcos Mecías, preparador físico do equipo de fútbol-sala Lobelle de Santiago, para falar sobre a actividade física e os programas de saúde para persoas maiores. A educación enfocada á seguridade desde o ámbito da actividade física será o tema do relatorio de Javier Costas Veiga, director e coordinador de servicios deportivos. A profesora de primeiros auxilios Laura Castillejo Rustarazo intervirá cunha conferencia centrada na teoría da prevención de accidentes no ámbito escolar. En todas as xornadas, agás na do venres 20, desenvolveranse talleres prácticos sobre os temas desenvolvidos nas conferencias, e que estarán dirixidos polos propios relatores. A actividade consta dun total de 30 horas lectivas, e a matrícula pode realizarse a través da páxina web da Área de Cultura da USC. Este curso está recoñecido como actividade homologada de formación permanente do profesorado non universitario por parte da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria.