Ir o contido principal
STG

O secretario de Estado de Universidades inaugurou na USC o VIII Congreso Internacional sobre Emprendemento Universitario

O reitor compostelán (á dereita) xunto a Màrius Rubiralta conversando con Gustavo Marcos e José Manuel Moreno
O reitor compostelán (á dereita) xunto a Màrius Rubiralta conversando con Gustavo Marcos e José Manuel Moreno

O secretario de Estado de Universidades, Màrius Rubiralta, e o reitor da USC, Senén Barro, inauguraron este xoves 29 na Facultade de Química o VIII Congreso Internacional sobre Emprendemento Universitario que nesta ocasión avanzará na análise dos principais trazos que definen ás universidades emprendedoras. O acto, no que tamén estiveron presente o subdirector xeral adxunto e director-coordinador da División Global Santander Universidades, José Manuel Moreno Alegre, celebrouse na Aula Magna da Facultade compostelá, sede do encontro.
Na sesión inaugural, Rubiralta anunciou a elaboración dunha nova Lei de Ciencia, que vai comezar o seu proceso de discusión, e que “demostrará o compromiso do Ministerio de Ciencia e Innovación co emprendemento universitario”, sen descoidar as tres facetas fundamentais da esfera universitaria, a docencia, a investigación e a responsabilidade social.
Pola súa banda, o reitor compostelán avogou por un emprendemento integral “porque debe comprometer a todos e abarcar todos os ámbitos posibles, afectando á docencia, á investigación e a todas cantas iniciativas xurdan no seo das universidades”. Barro engadiu que o concepto de cultura emprendedora debe asociarse tamén á responsabilidade, “poñendo o coñecemento e o liderado ao servizo da sociedade”. Finalmente, José Manuel Moreno destacou que a USC é unha universidade de referencia no eido que aborda o congreso así como unha activa promotora de experiencias cun alto de grao de aproveitamento en diferentes ámbitos.
Coa participación de destacados expertos neste ámbito tanto dende o punto de vista académico como empresarial, o congreso ofrecerá aos participantes a oportunidade de discutir e intercambiar experiencias e boas prácticas sobre o impacto socio-económico do emprendemento universitario, a posta en valor da tecnoloxía dende as universidades, o financiamento dos programas de emprendemento universitarios e a creación de empresas dende as universidades emprendedoras.
Xornada inauguralO primeiro dos bloques temáticos que se abordou no desenvolvemento deste congreso foi o dedicado á análise do impacto do emprendemento universitario no desenvolvemento económico. A quenda de intervencións arrancou coa presenza do director do programa Innova da Universitat Politècnica de Catalunya, Francesc Solé Parellada, que tratou de respostar á cuestión ‘Debe unha universidade ser emprendedora?’. Deseguido, Peter van der Sijde, da Universidade de Twente, presentou o caso particular da súa universidade como mostra de boas prácticas do espírito emprendedor nas institucións de ensino superior. Completando a xornada matinal a directora xeral de Programas e Transferencias de Coñecemento do Ministerio de Ciencia e Innovación, Otilia Mó Romero, referiuse ás políticas de apoio ás universidades emprendedoras.
A sesión da tarde coincide co inicio dun novo bloque temático no que as distintas intervencións programadas oriéntanse á identificación e posta en valor da transferencia de tecnoloxía nas universidades. Ás 16:00 horas, a directora da OTRI da Universitat de València, Ana Cortés Herreros, presenta o relatorio ‘Transferencia de coñecemento a partir da investigación: a creación de spin-offs’. Seguiralle o director asociado do CITT da USC, José L. Villaverde Acuña, para falar sobre ‘Posta en valor da tecnoloxía: explotación dos resultados de investigación’. Para rematar coa primeira xornada do congreso, o xestor da Propiedade Intelectual do Instituto Pedro Nunes e da Universidade de Coimbra, José Ricardo Aguilar, afondará nos aspectos relacionados coa comercialización dos resultados de investigación universitarios.
Programa do venresO financiamento de programas de emprendemento universitario é o bloque temático que vai abrir, ás 10:00 horas, as sesións de discusión previstas para o venres 30. O director do Instituto Ideas da Universitat Politècnica de València, José Millet, e o coordinador do Programa Empresa-Concepto, Roberto Graña, explicarán as principais liñas de traballo das súas respectivas entidades. A continuación, Fernando Albericio, director do Parc Cientific da Universitat de Barcelona, e Cristina Villaroya, da OCIT da Universitat Jaume I, explicarán as experiencias desenvolvidas nestas universidades a prol do financiamento destes programas.
As principais características dos proxectos sociais e de humanidades fronte aos proxectos baseados na tecnoloxía será o seguinte dos temas a desenvolver, a partir das 12:00 horas. A primeira intervención referirase á integración do coñecemento das Humanidades no contexto TIC estimulando a creación de empresas de alta tecnoloxía. O tema abordarano o coordinador do CIADE da Universidade Autónoma de Madrid, Francisco Pizarro, e o profesor da Universidade de Copenhague John Kuhkmann. Para rematar, o coordinador científico e técnico da Área de Humanidades e Ciencias Sociais do Consejo Superior de Investigaciones Científicas, Felipe Criado, e o socio promotor de Xestionarte, David Chao, abordarán o potencial económico dos proxectos de patrimonio cultural.
Na xornada da tarde, os asistentes ao congreso participarán nunha visita guiada ao patrimonio histórico e artístico da USC, co que rematará o conxunto de actividades deste encontro internacional de emprendemento universitario.
Organizado polo programa de fomento da cultura emprendedora da USC, Uniemprende, o congreso conta co apoio da Cátedra Unesco de Innovación e Xestión da Cultura Emprendedora no marco universitario e co patrocinio da Xunta de Galicia e Banco Santander.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 29.05.2008.