A USC abre este mércores a mostra ‘Carlos Valcárcel Fotografías (1962-2002) na Facultade de Formación do Profesorado
O vicerreitor de Coordinación e Planificación do campus de Lugo, Pedro García Herradón, e o decano da Facultade de Formación do Profesorado, Francisco Rodríguez Lestegás, inaugurarán este mércores, ás 12.00 horas no citado centro universitario lugués, a exposición ‘Carlos Valcárcel Fotografías (1962-2002), no transcurso dun acto no que tamén intervirá o coordinador da Aula de Fotografía do campus de Lugo, Eduardo Ochoa, e o propio Carlos Valcárcel.
Esta mostra homenaxe, integrada por 70 imaxes doadas á Universidade de Santiago polo seu autor, permanecerá exposta de xeito permanente no segundo andar da Facultade de Formación do Profesorado de Lugo, onde con esta mostra se lembrará a figura e a obra de Carlos Valcárcel, a quen o profesor da Universidade de Santiago e historiador Antón Abel Rodríguez Casal se ten referido como “bo fotógrafo, mellor persoa e un dos faros e guía da actual fotografía galega”. A colección ‘Carlos Valcárcel Fotografías (1962-2002) permite ao público facer un percorrido no espazo e no tempo por distintos lugares de Galicia e León a través da obra dun lugués nado o día de Reis de 1929 e que se iniciou no mundo da fotografía a comezos da pasada década dos anos sesenta logo de que lle prestaran unha cámara. Alén de destacar a indubidable calidade artística e a fonda pegada simbólica e ata etnográfica das fotografías de Valcárcel compiladas nesta mostra, o coordinador da Aula de Fotografía do campus de Lugo, Eduardo Ochoa salienta que “as fotografías de Carlos Valcárcel teñen cada vez un maior valor como documentos históricos de escenas e de épocas que hoxe xa resultan imposibles de ver e coñecer”. “Carlos Valcárcel é un fotografo que poderiamos considerar todoterreo, pero na súa obra está sempre moi presente o ser humano, ademais da paisaxe, polo que cómpre referirse a el como o fotógrafo das persoas”, sinala Ochoa, que tamén manifesta publicamente o su agradecemento ao homenaxeado por “terme transmitido a paixón pola fotografía”.