Ir o contido principal
STG

A USC aposta pola investigación en nanociencia e nanotecnoloxía

O reitor abriu a xornada celebrada na Facultade de Química
O reitor abriu a xornada celebrada na Facultade de Química

O reitor Juan Casares abriu esta mañá na Facultade de Química a sesión científica organizada pola Vicerreitoría de Investigación sobre o traballo que no eido da nanociencia e a nanotecnoloxía se está a desenvolver no marco do Campus de Excelencia Campus Vida. Tal e como sinalou o reitor, a investigación desenvolvido na USC nestes dous ámbitos supuxo nos últimos cinco anos un volume de preto de 15 millóns xestionados en proxectos. Casares Long fixo un percorrido polos distintos grupos que actualmente están a traballar nestes dous eidos ao abeiro de redes, consorcios de excelencia e proxectos internacionais, abrindo novos camiños en nanoterapia e diagnose, liberación de fármacos ou medicina rexenerativa, así como en nanomateriais. O reitor destacou ademais o importante papel que xogan en Campus Vida empresas que traballan neste ámbito como son Advancell, Nanogap, Faes Farma ou Pharma Mar. “Se Campus Vida aposta polo desenvolvemento da Nanotecnoloxía converterase nun referente no ámbito europeo” comentou pola súa banda o profesor emérito da Universidade Tecnolóxica de Delft, Marcel Van de Voorde, nunha intervención na que destacou a importancia que a nanotecnoloxía ten para o futuro das Ciencias da Vida. Van der Voorde, ademais de lembrar as distintas aplicacións que este ámbito representa para a saúde, a medicina, a farmacia, a alimentación ou a agricultura, afirmou que a nanotecnoloxía é unha revolución que ofrece enormes posibilidades ás rexións que aposten por elas. O profesor de Voorde é asesor e membro de comités científicos e consellos de investigación de diferentes países europeos, de Xapón ou China, así como de organismos de I+D como o CNRS, CSIC, NIMS, NATO, CEN, LNETI ou ESA.

O director do Laboratorio Internacional de Nanotecnoloxía (INL), o catedrático de Electromagnetismo da USC José Rivas, puxo o peche ao desenvolvemento da sesión presentando a experiencia do INL a modo de ‘Exemplo de Centro de Investigación Internacional en Nanociencia’. O profesor Rivas explicou os proxectos que actualmente desenvolve o centro que dirixe e o modelo de colaboración establecido con Campus Vida.

De esquerda a dereita, Juan Casares, José Rivas e Marcel Van de Voorde

Os contidos desta páxina actualizáronse o 03.12.2010.