Ir o contido principal
STG

A USC e o Concello de Santiago desenvolverán actividades conxuntas de divulgación científica sobre medio ambiente

A USC e o Concello de Santiago desenvolverán actividades conxuntas de divulgación científica sobre medio ambiente
A USC e o Concello de Santiago desenvolverán actividades conxuntas de divulgación científica sobre medio ambiente
A colaboración desenvolverase a través do Museo de Historia Natural e a Concellaría de Medio Ambiente

O reitor Juan Viaño Rey e o alcalde do Concello de Santiago, Martiño Noriega Sánchez, asinaron un convenio de colaboración para o desenvolvemento conxunto de actividades de divulgación científica sobre medio ambiente. O Museo de Historia Natural da USC (MHN) e a Concellería de Medio Ambiente e Convivencia serán a partir de agora os responsables de desenvolver as distintas actividades e iniciativas que se acorden levar a cabo nos vindeiros dous anos. Na sesión de firma protocolaria estiveron presentes a directora do Museo, Mª Isabel Fraga Vila, e o concelleiro de Medio Ambiente, Xan Duro Fernández.

Ao longo dos próximos dous anos, a colaboración incluiráa elaboración e execución conxunta de proxectos sobre medio ambiente, especialmente no ámbito da divulgación científica, así como actividades de educación ambiental e aquelas de carácter conmemorativo que pretende chamar a atención sobre temas e datas de relevancia nacional ou internacional como o día da árbore ou o ano internacional dos legumes en 2016, entre outras propostas.

Mª Isabel Fraga reivindicou a importancia do convenio “que retoma a cooperación que existiu anos atrás co Concello, e que permitira sacar adiante iniciativas como a Guía Verde de Santiago”. En suspenso nos últimos anos, “retomala é bo tanto para o Concello como o para o Museo, que pode achegar coñecementos e persoal especializado na divulgación do medio ambiente”, engadiu a directora.

Pola súa banda, o concelleiro de Medio Ambiente e Convivencia explicou que o acordo está aberto ás accións concretas que de cara ao futuro se vaian definindo. Xan Duro recoñeceu a especial satisfacción desta colaboración porque a súa vida laboral “estivo vinculada á facultade de Química, antiga sede do Museo de Historia Natural, polo que tiña especial interese en colaborar coa entidade”.

Colaboración xa en marcha
No contexto do acordo, o Concello e o Museo de Historia Natural xa están colaborando activamente nas actividades organizadas ao redor do Día da Árbore, o pasado 21 de marzo. Con motivo desa efeméride, o Museo organizou visitas guiadas a tres dos parques composteláns máis emblemáticos (Alameda, Eugenio Granell e Finca de Vista Alegre), dirixidas tanto a escolares como ao público en xeral. As visitas para os colexios, aprazadas por mor do mal tempo, contan xa con 900 alumnos inscritos, e nos percorridos para o público en xeral participaron máis de 150 persoas.

A comisión encargada do seguimento do convenio intégrana Mª Isabel Fraga e o técnico do MHN Juan Manuel Guerra Bouzas, e, por parte do concello, o concelleiro e o técnica municipal Ángel Pérez Otero.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 04.04.2016.