Ir o contido principal
STG

David Mateo Fouz: «Galicia posúe unha potencialidade inmensa no referido a recursos enerxéticos renovables de orixe mariño»

David Mateo Fouz centra os seus estudos, entre outras cousas, no aproveitamento das enerxías renovables mariñas
David Mateo Fouz centra os seus estudos, entre outras cousas, no aproveitamento das enerxías renovables mariñas
Investigador Predoutoral no Campus Terra, David Mateo Fouz centra a súa actividade científica, entre outras cousas, no aproveitamento das enerxías renovables mariñas

A coñecida como transición enerxética, unha das principais frontes de batalla na loita contra o cambio climático, ten nos mares e nos océanos unha inmensa fonte de recursos renovables e inesgotables. 

Porén, o seu aproveitamento a día de hoxe aínda ten un longo camiño que percorrer para acadar uns niveis de produción enerxética viables. Isto débese principalmente aos múltiples desafíos técnicos que a súa implementación enfronta, así como a certos nesgos á hora de apostar por certas propostas tecnolóxicas.

Por iso cobra tanta relevancia a posta en valor do labor de persoas como David Mateo Fouz Varela, que no seu día a día traballan para o desenvolvemento e utilización de tecnoloxías innovadoras situadas en moitas ocasións nun segundo plano, como é o caso da undimotriz e a mareomotriz.

Investigador Predoutoral na Área de Enxeñaría Hidráulica do Campus Terra, David Mateo Fouz atópase actualmente na derradeira fase dos seus estudos de Doutoramento. Está pendente de defender a súa tese na que explora novas metodoloxías para a planificación do aproveitamento das enerxías renovables mariñas en zonas costeiras, poñendo o foco sobre a enerxía hidrocinética, que resulta da interacción entre as correntes de marea e os aportes fluviais de auga doce.

Hoxe conversamos con el sobre o seu paso polo Campus Terra como lucense, sobre o futuro de Galicia no relativo á produción de enerxías renovables mariñas e sobre como compaxinar a explotación dos recursos enerxéticos coa protección dos ecosistemas nos que se desenvolve. 

-Comecemos polo principio. Que o levou a somerxerse no mundo da Enxeñaría Hidráulica?

-No transcurso da miña formación en Enxeñaría Civil puiden ter contacto con numerosas materias vinculadas á Enxeñaría Hidráulica, o cal espertou fortemente o meu interese por ampliar os meus coñecementos e intentar desenvolverme profesionalmente neste ámbito. 

-E para elo escolleu o noso campus. Que o levou a tomar esa decisión? Como lucense, que significa para vostede poder estudar e traballar na súa cidade nun campus de especialización de referencia como o Campus Terra?

-Unha vez feita esa primeira toma de contacto, tiven a oportunidade de realizar o meu Traballo de Fin de Grao baixo a modalidade de investigación aplicada, colaborando activamente co profesorado da Área de Enxeñaría Hidráulica, e podendo constatar a súa implicación na investigación e no fomento da cultura científica (a cal ten, en certa medida, un peso moi importante dentro desta disciplina). Isto foi, en gran medida, o que fixo que tomase a miña decisión.    

Penso que o Campus Terra ten un papel moi destacado á hora de facer cidade e provincia, e que actúa, en última instancia, coma un catalizador de toda a actividade socioeconómica da súa contorna. Para min, primeiro formarme, e posteriormente traballar neste Campus, penso que supón unha gran oportunidade para poder desenvolverme profesionalmente e á vez contribuír á xeración de coñecemento e ó desenvolvemento da miña terra.   

-Vostede está adscrito ó Grupo de Investigación GI-2084 CIGEO (Grupo Integrado de Enxeñaría Civil e Xeomática). Cales son as liñas de investigación actuais do grupo?

-O CIGEO é un grupo cun marcado carácter multidisciplinar e, en consecuencia, aglutina diversas liñas de investigación, as cales se poden agrupar en catro grandes eixos: Infraestruturas do Transporte, Xeomática, Construción Civil e Enxeñaría Hidráulica. 

-Vostede formou parte do proxecto PORTOS (Ports Towards Energy Self-sufficiency), no que se perseguiu, entre outras cousas, o desenvolvemento de enerxías renovables mariñas na fachada atlántica europea. Cales foron os achados desta investigación?

-Tendo en conta as sinerxías entre recurso enerxético dispoñible, infraestrutura existente e demanda enerxética que se da nas instalacións portuarias, a mitigación da súa pegada climática resulta fundamental para toda a franxa litoral onde, non cabe esquecer, reside unha elevada porcentaxe da poboación mundial.

Deste xeito, no marco do proxecto PORTOS, realizáronse diferentes estudos acerca da integración das enerxías renovables (tanto mariñas coma convencionais) en diferentes portos da fachada atlántica europea (no caso de España, participaron directamente como socios do proxecto as Autoridades Portuarias de Vigo e Tenerife), perseguindo, en última instancia, a súa autosuficiencia enerxética ou, ó menos, suplir unha gran parte do seu consumo a través deste tipo de fontes de enerxía limpa e, en consecuencia, contribuír á redución de emisións e á mellora da calidade do aire deste tipo de infraestruturas, que resultan fundamentais para a cadea de transporte e o desenvolvemento da actividade económica.

Para elo, levouse a cabo unha detallada caracterización dos diferentes recursos renovables a través de diferentes técnicas, sendo a USC a responsable de, entre outras actividades, definir unha metodoloxía común para a modelaxe numérica dos recursos enerxéticos de orixe mariño, fundamentalmente undimotriz e hidrocinético. Unha vez analizada a dispoñibilidade enerxética, os patróns de consumo e as infraestruturas existentes (así coma as súas posibles adaptacións) nos diferentes portos utilizados como caso de estudo, deseñáronse as alternativas máis axeitadas para a diversificación do mix enerxético de cada un deles en base á combinación de diferentes recursos renovables.

-En que situación se atopa Galicia con respecto á produción e aproveitamento de enerxías mariñas? Como se relacionan este tipo de prácticas cos ecosistemas nos que se desenvolven?

-Galicia posúe unha potencialidade inmensa no referido a recursos enerxéticos renovables de orixe mariño, aínda que o seu grao de desenvolvemento está aínda lonxe de acadar a viabilidade comercial, xa que a súa explotación segue a supoñer un desafío técnico e de enxeñaría moi importante.

Ademais, cómpre destacar que existe unha grande disparidade entre o grao de madurez das diferentes tecnoloxías de conversión. Pensemos, por exemplo, na enerxía eólica mariña, na que a produción de aeroxeradores e plataformas flotantes é xa unha realidade na contorna de Ferrol (aínda que maioritariamente con destino ao estranxeiro). Existe, ademais, unha clara predisposición da Administración pola súa posta en marcha a través da definición de zonas específicas de alta potencialidade recollidas nos chamados POEM (Planes de Ordenación del Espacio Marítimo) do MITECO (Ministerio para la Transición Ecológica y el Reto Demográfico). Isto contrasta coa situación de, por exemplo, a enerxía undimotriz, xa que, a pesar de atoparnos na rexión da Península Ibérica con maior potencialidade para o seu aproveitamento, apenas se levaron á practica unha serie de pequenas iniciativas, sempre condicionadas polo reto tecnolóxico da supervivencia dos dispositivos convertedores

Ademais da compoñente tecnolóxica, avanzar no desenvolvemento deste tipo de enerxías renovables pasa, ineludiblemente, tal e coma no caso da eólica e dos POEM anteriormente comentados, pola definición de zonas adecuadas para a súa explotación, o cal é un proceso sempre polémico e cheo de incerteza.

A este respecto, a investigación científica ten moito que dicir, xa que este tipo de tomas de decisións soamente son abordables a través de enfoques multidisciplinares que conduzan, en última instancia, a unha Xestión Integrada da Zona Costeira. Isto entronca perfectamente coa resposta á segunda cuestión, xa que o desenvolvemento sostible do litoral debe ser unha máxima irrenunciable na súa xestión, sendo necesario analizar detalladamente a coexistencia entre usos (xa existentes ou potenciais), sen obviar que a produción de enerxía pode ser outro uso máis do litoral, cuxo posible impacto sobre o ecosistema debe ser correctamente avaliado e tido en conta nos procesos de toma de decisións.

Para iso, debemos establecer prioridades e zonificacións claras, que dean reposta ós principais debates socioeconómicos e medioambientais de cada rexión costeira, estudando a incorporación de novos usos dun xeito sosegado e sen imposicións.

En resumo, o fin último deste tipo de procesos non pode ser outro que harmonizar a xestión do litoral, reducindo así as posibles incertezas e fixando un marco legal claro que, en definitiva, contribúa á mobilización de inversións por parte dos sectores público e privado.

O grao de desenvolvemento e explotación das enerxías undimotriz e hidrocinética aínda é moi baixo
O grao de desenvolvemento e explotación das enerxías undimotriz e hidrocinética aínda é moi baixo

-Ademais, vostede tamén realizou estudos de caracterización da hidro-morfodinámica de rías en relación ca produción dos bancos marisqueiros. Cales son as características hidro-morfodinámicas de Galicia para que o noso territorio posúa unha gran riqueza en recursos mariños aproveitables?

-As rías galegas posúen unhas características únicas para a produción de marisco, debido fundamentalmente á súa baixa temperatura e á alta concentración de nutrientes que se pode atopar nelas.

Isto é consecuencia dos procesos de afloramento (ou upwelling, como son coñecidos na literatura científica) que, aínda que se teñen rexistrado ó longo de todo o ano, son habituais da primavera e o verán (marzo-abril ata setembro-outubro). Durante estes eventos, os ventos procedentes do norte ou nordés provocan que a auga superficial das rías se desprace cara mar aberto, sendo substituída por auga máis fría e cargada de nutrientes procedente do Atlántico Norte, que ascende dende a plataforma continental e se introduce finalmente no interior das rías.

Estes fenómenos poden verse modulados pola orientación da costa, que modifica a velocidade do vento e a súa dirección. No caso particular das Rías Baixas, a súa aliñación nordés-suroeste fai que estes procesos teñan unha elevada importancia, xa que a súa configuración é moi favorable para que o vento do nordés orixine estas dinámicas. 

-Que factores poden facer que muden estas dinámicas? Cales serían as súas consecuencias a nivel socioeconómico e medioambiental?

-É evidente que o cambio climático e as presións de orixe antrópica poden poñer en perigo o funcionamento e as dinámicas dos ecosistemas costeiros. As súas consecuencias máis directas penso que xa son amplamente coñecidas (p.ex., cambios na temperatura e nivel da auga, no réxime de ventos, etc.), aínda que existen outras que poden pasar máis desapercibidas, como a modificación doutras variables termohalinas como a salinidade da auga (pensemos en episodios de precipitación extrema como os vividos hai uns días en Valencia, que rematan finalmente no ecosistema costeiro), os cambios no réxime da ondada, cuxo nivel de enerxía se pode relacionar ca presenza de determinadas especies coma o percebe, etc.

As súas consecuencias para a Galicia Atlántica serían innumerables a nivel socioeconómico, xa que só hai que pensar na cantidade de emprego que se xera en torno á pesca, acuicultura e marisqueo (sen entrar nas súas consecuencias sobre outros usos recreativos do ecosistema costeiro coma o turismo ou a navegación, que tamén se poderían ver comprometidos neste contexto).

Ademais, a nivel medioambiental, estaríamos a falar da degradación de ecosistemas dun gran valor, as nosas rías, tanto dende o punto de vista xeomorfolóxico coma de biodiversidade.

-En relación á produción de enerxía renovable fluvial, existen actualmente alternativas aos encoros e ás centrais hidroeléctricas? Cales son as novas tendencias no referente ao aproveitamento do ciclo da auga para a xeración de enerxía?

-Existen alternativas para a produción de enerxía hidráulica a pequena escala, ou máis focalizadas no autoabastecemento de comunidades illadas ou pequenas infraestruturas (p.ex., as minicentrais), aínda que hai que ter en conta que a enerxía hidroeléctrica é un aporte de base para a rede eléctrica; é dicir, un respaldo do sistema para cando as renovables tradicionais (solar e eólica), máis afectadas por picos de produción e estacionalidade, non están producindo ou non o fan a pleno rendemento, polo que o tema dos encoros, moi controvertido, non se pode abordar dun xeito simplista. Ademais, a colación dalgunha das cuestións anteriores, está o seu papel na laminación de avenidas de caudais extremos, cuxa probabilidade a futuro é cada vez máis elevada a consecuencia do cambio climático.

Outra cuestión sería falar da súa xestión, por exemplo, sobre as operacións de baleirado e a súa planificación, ou acerca do tratamento dos sedimentos que se depositan neles durante a súa operación, aspectos cuxos posibles impactos sobre os ecosistemas fluviais e costeiros non adoitan captar a atención pública necesaria, e sobre os cales a investigación científica pode ter bastante que dicir.

No tocante a estas novas tendencias ou alternativas para o aproveitamento enerxético durante o ciclo de auga, podemos atopar desde microturbinas adaptadas para a produción de enerxía hidrocinética en cursos fluviais ou estuarios pouco profundos (a partir de 1 m de profundidade), ata o emprego de augas residuais para a produción de enerxía orientada ó autoabastecemento das instalacións de depuración ou á climatización e refrixeración de edificios. Ou, a modo máis experimental, o uso de auga de chuvia para a produción de enerxía mediante paneis de contacto sólido-líquido que imitan os paneis solares. En todo caso, gran parte destas tecnoloxías atópase aínda en fase de desenvolvemento. 

-E para rematar. Como investigador xoven, que consello lles daría ás novas xeracións que queiran comezar a súa andaina no mundo da investigación científica?

-Que sexan pacientes, perseverantes e optimistas, e que, sobre todo, teñan paixón polo que fan, xa que non se trata dun camiño fácil e as condicións non son sempre as mellores. Creo que a paixón é unha compoñente fundamental da investigación científica, pero deben loitar o máximo posible para que esa paixón se poda converter nun modo de vida.

Non obstante, a pesar de todo, trátase dun camiño moi intenso que lles vai a aportar moitas satisfaccións e un constante crecemento persoal e que, en última instancia, os vai a preparar para os desafíos que poidan afrontar no futuro.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 12.12.2024.