A Acsug avala a acreditación de tres títulos de grao e un de máster impartidos pola USC na Escola Politécnica Superior
A Axencia pola Calidade do Sistema Universitario Galego (Acsug) avala a oferta académica da Escola Politécnica Superior do Campus Terra da USC coa emisión de informes favorables para a renovación da acreditación de tres dos títulos de grao e un de máster que imparte a USC no centro universitario lugués.
As titulacións oficiais que foron obxecto de análise e acadaron unha avaliación positiva por parte da Acsug, tal e como se constata nos informes emitidos pola axencia galega, son os títulos de grao en Enxeñaría Civil, Enxeñaría Forestal e do Medio Natural e Enxeñaría en Xeomática e Topografía. A esta relación de titulacións que ven así garantida a continuidade da súa oferta para os próximos anos, cómpre sumar o título de máster en Xestión Sustentable da Terra e do Territorio, un posgrao oficial da USC que mereceu a máxima cualificación por parte da Acsug no criterio que atinxe ao cadro de persoal docente.
A comisión avaliadora externa da Acsug destacou nos seus informes o elevado prestixio destes títulos entre os empregadores cos que se mantivo audiencia, así como o recoñecemento da capacitación profesional dos egresados, a boa relación, comunicación e disposición do persoal docente, persoal de apoio e estudantado, a calidade e profesionalidade do persoal docente e de apoio, e a boa calidade e factura dos Traballos Fin de Grao, que son probas que evidencian a asunción das competencias dos títulos.
As persoas que desenvolveron este traballo de análise e avaliación destacaron asemade a aplicación de metodoloxías docentes innovadoras e personalizadas, o que atribúen, cando menos en parte, á existencia de grupos de alumnado non excesivamente numerosos.
O apoio do medio social e institucional, así como as accións contempladas no Plan estratéxico do Campus Terra da USC, que contribúen ao desenvolvemento dunha oferta adecuada no ámbito de especialización da sede universitaria luguesa foron outros dos elementos cualificados de positivos por parte da comisión da Acsug, quen tamén se referiu ao dinamismo dos distintos colectivos implicados como un factor de dinamización do propio centro universitario, pero tamén da sociedade na que se atopa.