A EPS do Campus Terra despide a oitava promoción do Máster en Dirección de Proxectos da USC
A Escola Politécnica Superior do Campus Terra da USC despediu este xoves a oitava promoción de titulados do Máster en Dirección de Proxectos, no marco dunha cerimonia académica de graduación que tamén serviu de escenario para a entrega dos Premios Carlos Álvarez aos autores dos mellores traballos fin de máster da promoción 2014-15.
O acto de graduación da última promoción do Máster en Dirección de Proxectos, un posgrao oficial da USC coordinado polo profesor Carlos Amiama Ares e que ao longo das súas 8 edicións permitiu ampliar formación a preto de 180 titulados universitarios en moi diversas áreas do coñecemento, estivo guiado polo vicerreitor de Desenvolvemento Científico e Tecnolóxico do campus de Lugo da USC, Andrés Barreiro.
A secretaria académica da Escola Politécnica Superior, Montserrat Valcárcel; a deputada provincial responsable das áreas de economía, ensino, economía do coñecemento, igualdade e mocidade, Mayra García Bermúdez; o secretario da Asociación de Antigos Alumnos do Máster en Dirección de Proxectos, Emilio Díaz Varela, e o coordinador deste posgrao, Carlos Amiama, tamén interviñeron como relatores nunha sesión que rematou coa entrega dos premios Carlos Álvarez.
O xurado encargado de fallar estes galardóns, unha comisión integrada por seis profesores do máster, acordaron distinguir co primeiro premio, dotado con 150 euros en metálico, a Yago González Rozas, polo traballo ‘Análise e implementación de aplicacións para a xestión de proxectos en dispositivos móbiles’. Juan Pablo Vieito Porto recibiu o segundo premio, que conta cunha gratificación de 100 euros, polo TFM titulado ‘Sistema de Xestión do Valor Ganado. Guía Básica de Referencia’. Asemade, o traballo ‘A Seguridade e Saúde na Dirección de Proxectos’, presentado por Rubén José Regueira Gay tamén foi distinguido cun accésit.