Ir o contido principal
STG

Accións de Captación de Alumnado

A Facultade de Ciencias da Comunicación vén desenvolvendo as súas accións de captación no marco do programa de captación institucional que a Universidade de Santiago de Compostela posúe, si ben en atención ao perfil de ingreso definido para os nosos títulos e á oferta de prazas correspondente.

De xeito complementario, a Facultade faise eco de toda aquela información que permite promover entre a comunidade universitaria e o sector profesional a participación exitosa do noso alumnado en diferentes eventos. Neste sentido, a implicación do sector profesional, en tanto potenciais empregadores, no coñecemento e recoñecemento dos nosos estudios, constitúe para este centro unha tarefa prioritaria.

A Facultade de Ciencias da Comunicación mantén unha relación directa con todas as asociacións profesionais de xornalistas e coas 151 empresas de comunicación coas que asignou convenios de prácticas e que, polo tanto, ofrecen e avalían as prácticas do noso alumnado, visitan o noso centro e teñen información directa sobre os nosos plans de estudio.

Á marxe deste nivel de comunicación habitual, o Decanato mantén ao menos unha cita anual cos directivos do Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia, organización coa que compartimos unha bolsa “Nacho Mirás” que premia a alumnado recén graduado, coas Asociacións da Prensa de Coruña e Santiago e coa dirección dos medios de comunicación máis relevantes: CRTVG, La Voz de Galicia, El Correo Gallego, El Progreso e La Región. Estes contactos teñen como obxectivo coñecer máis en profundidade os nosos plans de estudios, as necesidades das empresas de cara a formación dos futuros profesionais e recibir información sobre o seguimento do traballo realizado polo noso alumnado en prácticas.

O Programa “A Ponte entre o Ensino Medio e a USC” quere facer de ponte entre o estudantado de Ensino Medio e a USC para informar e orientar ao futuro alumnado universitario, co obxectivo de que poida elixir os estudos que máis se adapten ás súas preferencias.

O Programa leva en funcionamento dunha forma estruturada desde o curso 2003-2004 e pretende dar a coñecer a oferta académica e o contexto investigador, social, cultural e espacial da Universidade en que se desenvolven eses estudos.

O fío condutor é a difusión do que é a Universidade de Santiago de Compostela: as súas titulacións, a investigación, os servizos académicos, pero tamén o que é a contorna en que se desenvolve a actividade universitaria: servizos de residencia, culturais, deportivos, asociativos, etc. En definitiva, o que é a vida nunha universidade inserida en pleno corazón de dúas cidades históricas (Lugo e Santiago de Compostela).

O Programa “A Ponte” estrutúrase en tres subprogramas clave, enmarcados dentro dunha actividade de inicio e outra de peche. Tamén se encarga da organización doutras iniciativas complementarias ou de apoio que permiten executar os subprogramas clave ou que colaboran a remarcar e amplificar a idea de universidade que estamos construíndo.

Os subprogramas chave son:

  • VISITAS da USC a Centros de Ensino Medio de Galicia
  • CHARLAS Temáticas
  • ENCONTROS na Zona USC

A Facultade de Ciencias da Comunicación conta con perfís sociais en Instagram (@facom_usc), X -anteriormente Twitter- (@facom_usc), Facebook (@facom_usc) e LinkedIn (FaCom USC). O centro utiliza estas canles para a promoción das súas titulacións, de eventos e actividades organizados ou promovidos por alumnado ou profesorado da facultade e dos logros profesionais ou académicos das personas integrantes da comunidade “FaCom”. Ademais, as redes sociais actúan como ferramentas de captación de futuro alumnado grazas aos contidos audiovisuais (Reels) que difundimos sobre a experiencia do noso alumnado nas súas prácticas en empresas do sector da comunicación e sobre a traxectoria profesional dos xa alumni desta facultade.

Todos estes contidos aparecen identificados con diferentes etiquetas segundo o tema en específico que traten:

#ProfesionaisFaComUSC: alumni en activo como profesionais da comunicación, do audiovisual ou do xornalismo.

#ProxectosAlumnadoFaComUSC: proxectos profesionais de alumnado ou alumni da facultade pero que foron creados ou deseñados antes de que os seus promotores se graduaran.

#PegadaFaComUSC: alumni comparte aquelas experiencias, oportunidades ou posibilidades que máis lle marcaron durante os seus anos de estudante na facultade.

#AxendaFaComUSC: anuncio de actividades ou eventos organizados pola facultade ou que contan co seu apoio.

#AlumnadoFaComUSC: anuncio de charlas ou visitas profesionais que recibe o noso alumnado nas aulas, información sobre experiencias de mobilidade de estudantado actual, avisos sobre os clubes de alumnado existentes no centro (de cine, de fotografía e de lectura), etc.

#AlumniFaComUSC: alumni da facultade comparte o seu paso polo centro ou os seus éxitos profesionais.

#FaComUSC ou #LembraFaComUSC: información de corte institucional ou académica relativa á facultade (apertura de prazos, datas relevantes, reunións, etc.).

#InvestigaciónFaComUSC: información e actividades dirixidas ao persoal ou alumnado investigador matriculado no programa de doutoramento en Comunicación e Información Contemporánea.

#ConvocatoriasFaComUSC: anuncio de convocatorias e premios que poden resultar de interese para alumnado ou alumni da facultade.

#ProfesoradoFaComUSC: novas ou información relativa ao persoal docente da facultade.

#BibliotecaFaCom: información sobre actividades, iniciativas ou cursos organizados ou promovidos pola biblioteca do centro.

Alumnado da facultade gaña o Parlamento Xove 2023

O equipo de debate composto polas alumnas do Grao en Xornalismo Paula Pérez Cantelar, Iria Ramos Mesía e Uxía Sánchez Lorda e o alumno do Dobre Grao en Xornalismo e Comunicación Audiovisual Xoel Rodríguez Poy gaña o Premio do Parlamento Xove 2023 (promovido por Xuventude Xunta de Galicia) na categoría “Universidade”.

Tres alumnas de Comunicación Audiovisual gañan o premio Outra Compostela do Festival Curtocircuíto 2023

O proxecto “Doddies”, de Elena Vázquez, Irene Tobío e Beatriz Real logra o premio Outra Compostela (patrocinado pola Galicia Film Comission) do Festival Curtocircuíto. As tres alumnas cursaban segundo de Comunicación Audiovisual no momento de recibir o premio.

Alumnas da facultade gañan o XXIX Premio Nacional de Periodismo Gastronómico “Álvaro Cunqueiro” na categoría de traballos académicos (2023)

“A semente da cidade”, un traballo das estudantes de Xornalismo Águeda Cernadas e Alejandra Barco e da alumna de Dobre Grao en Xornalismo e Comunicación Audiovisual Marta Castro, logra o XXIX Premio Nacional de Periodismo Gastronómico “Álvaro Cunqueiro” na modalidade de traballos académicos. O xurado valorou positivamente a diversidade de fontes empregadas, o contido visual e a laborade documentación realizada. As alumnas doaron á Facultade o premio físico que acadaron.

Alumnado de Comunicación Audiovisual entre os gañadores do I Concurso CIMA 10 Guiones para la Igualdad, promovido por CIMA e Amazon Prime Video España (2023)

O proxecto “Señora, por favor”, de Alma Alonso e María Aragón (estudantes do Grao en Comunicación Audiovisual), é unha das pezas gañadoras do I Concurso CIMA 10 Guiones para la Igualdad, promovido pola Asociación de Mujeres Cineastas y de Medios (CIMA) e Amazon Prime Video España. A curta contou coa titorización da profesora Marta Pérez Pereiro e da produtora e directora Paula Cons.

Dous alumnos de Comunicación Audiovisual gañan o certane XIII Diciembre en Corto (2023)

Marcos Velázquez e Aira Portos conseguiron o primeiro premio da XIII edición do Diciembre en Corto, un certame organizado por La Gota para promover a creación audiovisual da mocidade de entre 16 e 35 anos. O noso alumnado presentou a curta “Móvil”, unha peza sobre a perda e o fastío cotián.

Catro alumnas de Comunicación Audiovisual gañan o premio Outra Compostela do Festival Curtocircuíto 2022

Nerea Losada, Eira Losada, Sabela Vilas e Diana Iglesias gañaron este premio co seu proxecto audiovisual “Ollada noutra Compostela”.

Un alumno da Facultade de Ciencias da Comunicación, entre os seleccionados pola CRUE para participar nun proxecto de simulación do Consello da UE

Xoel Rodríguez Poy, alumno de Dobre Grao da Facultade de Ciencias da Comunicación, foi seleccionado por CRUE Universidades Españolas para participar nun proxecto piloto posto en marcha polo Consello da Unión Europea, co obxectivo de simular o traballo do Consello da Unión e do Consello de Europa.

En total, foron seleccionados para representar a España seis alumnos de diferentes universidades do país. Cada un tería un rol específico: embaixadores, expertos nacionais, ministros de Asuntos Europeos, xefes de Estado e, tamén, xornalistas. O evento tivo lugar en Bruxelas en febreiro de 2023.

https://www.crue.org/2023/02/estudiantes-participan-consimium-bruselas/ 

Premios á Calidade Lingüística 2022

O traballo “Reportaxe multimedia: O val de Tebra – Os fíos da historia” de Christian Villaverde da Cruz, que concorreu no 2022 aos Premios á Calidade Lingüística, obtivo unha mención na presente edición. 

Estes premios valoran a presentación axeitada de traballos (académicos, TFG e TFM) dende o punto de vista formal —o que abrangue aspectos lingüísticos, de estruturación da información, de redacción, de deseño, de coherencia, etc.—, en definitiva, avalían unha habilidade comunicativa que como titora soubeches fomentar de maneira notable. 

Os contidos desta páxina actualizáronse o 27.09.2024.