Créditos ECTS Créditos ECTS: 4.5
Horas ECTS Criterios/Memorias Horas de Titorías: 2.25 Clase Expositiva: 18 Clase Interactiva: 18 Total: 38.25
Linguas de docencia Galego (100%)
Tipo: Materia Ordinaria Grao RD 1393/2007 - 822/2021
Departamentos: Pedagoxía e Didáctica
Áreas: Teoría e Historia da Educación
Centro Facultade de Formación do Profesorado
Convocatoria: Primeiro semestre
Docencia: Con docencia
Matrícula: Matriculable
Todas as actividades da materia oriéntanse a conseguir co alumnado os seguintes obxectivos de aprendizaxe:
Conceptuais (saber):
- Coñecer os referentes identificadores fundamentais da educación que se desenvolve en contextos rurais, sexa esta formal, non formal ou informal, nos seus elementos máis destacados a nivel de didáctica, agrupamentos, entidades, comunitarismo, alumnado, familias, conexión co medio, intercambio interxeracional, valorización do patrimonio lingüístico e cultural etc.
- Coñecer as diferentes respostas pedagóxicas e organizativas que en Galiza e noutras partes do territorio estatal se lles deu historicamente e se lles está a dar actualmente ás necesidades educativas das zonas rurais.
- Coñecer iniciativas sociais innovadoras a prol da dinamización sociocultural rural e difundir experiencias educativas singulares e boas prácticas pedagóxicas realizadas en escolas rurais, tanto galegas como de fóra de Galiza.
- Coñecer os distintos tipos de escolas presentes en contextos rurais, e as diversas institucións, entidades e movementos que traballan nos nosos días polo medio rural galego.
Procedimentais (saber facer):
- Saber analizar minimamente as diversas políticas de desenvolvemento rural, as mudanzas históricas e problemáticas que afectan ao noso medio rural, e a súa sustentabilidade en termos socioeconómicos, ambientais, culturais e educativos, desde unha perspectiva multidisciplinar e en clave de futuro.
- Saber reflexionar pedagoxicamente sobre a transcendencia do feito educacional e da función docente na sociedade rural, con especial atención ao caso galego, sobre todo cando se promoven liñas de traballo colaborativo (comunidades de aprendizaxe, traballo e formación en rede das e dos profesionais da educación que interveñen no territorio rural etc.).
- Saber identificar os valores sociais e pedagóxicos positivos das escolas rurais (por exemplo, os deostados grupos multinivel, ou a participación das familias), e saber aplicalos mesmo en contextos escolares non estritamente rurais.
- Saber elaborar análises críticas, fundamentadas a nivel social e pedagóxico, da historia e da actualidade da educación rural, recoñecendo os modelos organizativos da escola rural no territorio, ou en centros escolares concretos.
- Saber presentar traballos académicos de calidade universitaria, tanto na cuestión de forma como na de contido, tanto oralmente como por escrito, conforme criterios que se lle ofrecerán ao alumnado.
- Acadar e demostrar, por parte do alumnado, competencia en lingua galega, por formar parte esta materia do proxecto CompetenteS, impulsado pola Comisión de Normalización Lingüística da Facultade.
Actitudinais (saber ser):
- Tomar conciencia da necesidade de que a educación debe sempre adaptarse ás persoas e ao medio, e con máis razón na zona rural, e combater o modelo imperante de educación urbana no medio rural.
- Apreciar a contribución da escola rural á fixación de poboación no medio (que evite o despoboamento das aldeas), á potenciación da cultura popular, ao desenvolvemento sociocultural e económico, e ao reequilibrio territorial.
- Comprometerse eticamente coa educación no rural, co servizo social que esixe e coa dignidade das persoas coas que profesionalmente as mestras e mestres rurais se relacionan (nenas e nenos, familiares, todo o persoal da escola, representantes institucionais, diversos axentes da comunidade), con base no código deontolóxico das e dos profesionais da educación.
- Entender (e valorizar) que o rural galego, e que a cultura e lingua coas que contribúe á riqueza e diversidade cultural da humanidade, representan o xermolo identitario do que actualmente nos caracteriza como galegas e galegos.
- Recoñecer, sendo que tamén é función da educación asegurar o presente e o futuro dos nosos sinais de identidade, que a escola rural galega tivo e segue a ter un papel fundamental na defensa da lingua e cultura propias, malia estaren estas hoxe nunha situación de minorización e ameaza neste contexto global favorable á homoxeneización cultural e o pensamento único.
- Valorar o transcendente papel social que cumpren nos contextos rurais as diferentes manifestacións educativas non formais e informais: a educación dos avós/avoas, os xogos populares, os quefaceres agropecuarios, as rogas ou traballos comunitarios, as celebracións festivas populares, o lecer comunitario coa veciñanza etc.
- Apostar por unha educación democrática baseada na equidade e no respecto aos dereitos humanos, que axude a conformar os valores dunha cidadanía activa, empoderada e crítica, comprometida co presente pero tamén co futuro, na defensa das liberdades públicas, da igualdade de xénero, do estado do benestar, da sustentabilidade ambiental, e dos sinais propios de identidade cultural.
Tema 1. Caracterización dos contextos rurais (historia, economía, sociedade, xeografía, ordenación do territorio, cultura popular, lingua, patrimonio, desenvolvemento comunitario); o caso galego.
Tema 2. Contextos rurais e educación.
Tema 3. Historia da educación rural en Galiza e España.
Tema 4. Lexislación e modelos de organización da escola rural.
Tema 5. Metodoloxía na escola rural; organización do tempo e do espazo; currículo por competencias; grupos multinivel; planificación conxunta e/ou individual; adaptación de contidos e métodos; comunidades de aprendizaxe; método de proxectos; educación en valores; contacto co medio social e natural; intercambios; TIC.
Tema 6. Experiencias pedagóxicas innovadoras e boas prácticas educativas en contextos rurais.
Tema 7. O papel da mestra ou mestre rural; dinamización comunitaria e comunidade educativa; traballo en rede; formación continua; desenvolvemento profesional adaptado.
Tema 8. A educación rural non escolar.
Tema 9. Entidades e colectivos a prol do desenvolvemento rural.
Bibliografía básica:
AA.VV. (2008). “Monográfico: a vida nas aldeas”. Arraianos, VII, 158 pp.
Abós, Pilar (2014). “El modelo de escuela rural multigrado ¿es un modelo del que podamos aprender? ¿Es transferible a otro tipo de escuela?”. En Innovación Educativa, 24, 99-118. En http://www.usc.es/revistas/index.php/ie/article/view/1946/2224
Abós, Pilar; Boix, Roser; Domingo, Laura; Lorenzo, Juan et Rubio, Pascual (2021). El reto de la escuela rural. Hacer visible lo invisible. Barcelona: Graó.
Arias, Valentín (1975). “A escola rural en Galicia”. En Domingo García-Sabell et alii, A Galicia rural na encrucillada. Vigo: Galaxia, 249-288.
Asociación Nacional EDNA (2020). Guía de escuelas en la naturaleza. Información práctica sobre la vida y organización de experiencias educativas en la naturaleza en España. Sevilla: La Traviesa.
Berlanga, Salvador (2009). “La escuela rural: entre la realidad y el deseo”. En VV.AA. Actas de las Jornadas sobre Educación en el Medio Rural: Encrucijadas y Respuestas. Teruel, 22-24 de mayo de 2009. En http://ferclm.org/onewebmedia/Entre_la_realidad_y_el_deseo.pdf
Boix, Roser (1995). Estrategias y recursos didácticos en la escuela rural. Barcelona: Graó.
Boix, Roser (coord., 2004). La escuela rural: funcionamiento y necesidades. Madrid: CissPraxis.
Bustos, Antonio (2011). La escuela rural. Barcelona: Mágina-Octaedro.
Caride, J. Antonio (1986). “¿Escola rural galega? Cinco reflexións ó redor dun interrogante”. Revista Galega de Educación, 3, 6-7.
Caride, J. Antonio (2014). “A escola (rural) como pasado e futuro”. Innovación Educativa, 24, 155-172. En https://www.academia.edu/11901446/A_escola_rural_como_pasado_e_futuro
Costa, Antón (1986). “Entre a vella e a posible escola rural galega”. Revista Galega de Educación, 3, 8-13.
Costa, Antón (2004). Historia da educación e da cultura en Galicia (séculos IV-XX). Vigo: Xerais.
Costa, Antón (2014). “Escolas en contornas rurais en Galicia: horizonte difícil/horizonte posible”. Innovación Educativa, 24, 133-153. En http://www.usc.es/revistas/index.php/ie/article/view/2154
De Gabriel, Narciso (2001). Escolantes e escolas de ferrado. Vigo: Xerais.
Domínguez, M. Teresa; López, Clara M. et Pino, Margarita R. (2001). Escuela rural: una apuesta de futuro. Vigo: Asociación de Renovación Pedagóxica “Ponte Internacional de Tui”.
Ferradás, Lois (2004). Medrando na comunidade. A contribución de Preescolar na Casa á educación infantil en Galicia. Lugo: Fundación Preescolar na Casa.
Garreta, Jordi et Llevot, Núria (eds., 2008). Escuela rural y sociedad. Lleida: Universitat de Lleida. En https://prelo.usc.es/Record/Xebook1-2606
Jiménez, Jesús (1983). La escuela unitaria. Barcelona: Laia.
Juárez, Diego (coord., 2020). Políticas de cierre de escuelas rurales en Iberoamérica. Debates y experiencias. México: Nómada.
López Pardo, Alicia et Candia, Francisco X. (2014). “A loita pola educación no rural galego: unha teima que non acouga. Apuntamentos para unha historia do período 1975-2014”. Innovación Educativa, 24, 173-214. En http://www.usc.es/revistas/index.php/ie/article/view/2218/2273
López Pardo, Alicia et Fernández, Concha (2006). “Algo de historia e actualidade para coñecer a Mesa de Educación no Rural”. Revista Galega de Educación, 35, 74-77.
López Pardo, Alicia et Vázquez, Isabel (2005). “As mestras de montaña (1975-1984)”. Revista Galega de Educación, 34, 35-42.
Martín, Norberto (2006). La escuela en el medio rural. Madrid: CEAPA.
[...].
Xerais:
G.3 Abordar con eficacia situacións de aprendizaxe de linguas en contextos multiculturais e plurilingües. Fomentar a lectura e o comentario crítico de textos dos diversos dominios científicos e culturais contidos no currículo escolar.
G.6 Coñecer a organización dos colexios de educación primaria e infantil e a diversidade de accións que comprende o seu funcionamento. Desempeñar as funcións de titoría e de orientación co alumnado e as súas familias, atendendo as singulares necesidades educativas das alumnas e dos alumnos. Asumir que o exercicio da función docente ha de ir perfeccionándose e adaptándose aos cambios científicos, pedagóxicos e sociais ao longo da vida.
G.7 Colaborar cos distintos sectores da comunidade educativa e da contorna social. Asumir a dimensión educadora da función docente e fomentar a educación democrática para unha cidadanía activa.
G.10 Reflexionar sobre as prácticas de aula para innovar e mellorar o labor docente. Adquirir hábitos e destrezas para a aprendizaxe autónoma e cooperativa e promovela entre as e os alumnos.
G.12 Comprender a función, as posibilidades e os límites da educación na sociedade actual e as competencias fundamentais que afectan aos colexios de educación primaria e infantil e aos seus profesionais. Coñecer modelos de mellora da calidade con aplicación aos centros educativos.
Específicas:
E.9 Analizar a práctica docente e as condicións institucionais que a enmarcan.
E.10 Coñecer a evolución histórica do sistema educativo no noso país e os condicionantes políticos e lexislativos da actividade educativa.
E.14 Promover accións de educación en valores orientadas á preparación dunha cidadanía activa e democrática.
E.22 Relacionar a educación co medio, e cooperar coa familia e a comunidade.
E.47 Falar, ler e escribir correcta e adecuadamente nas linguas oficiais da Comunidade Autónoma correspondente.
Básicas:
B.1 Que as e os estudantes demostrasen posuír e comprender coñecementos nunha área de estudo que parte da base da educación secundaria xeral; esa área de estudo adóitase atopar a un nivel que, aínda que se apoia en libros de texto avanzados, inclúe tamén algúns aspectos que implican coñecementos procedentes da vangarda do seu campo.
B.2 Que as e os estudantes saiban aplicar os seus coñecementos ao seu traballo ou vocación dunha forma profesional e posúan as competencias que adoitan demostrarse por medio da elaboración e defensa de argumentos e a resolución de problemas dentro da súa área de estudo.
B.3 Que as e os estudantes teñan a capacidade de reunir e interpretar datos relevantes (normalmente dentro da súa área de estudo) para emitir xuízos que inclúan unha reflexión sobre temas relevantes de índole social, científica ou ética.
B.4 Que as e os estudantes poidan transmitir información, ideas, problemas e solucións a un público tanto especializado como non especializado.
B.5 Que as e os estudantes desenvolvan aquelas habilidades de aprendizaxe necesarias para emprender estudos posteriores cun alto grao de autonomía.
Transversais:
T.2 Coñecemento instrumental da lingua galega.
T.3 Coñecemento instrumental das tecnoloxías da información e da comunicación.
Sexa con referencias á educación formal, á non formal ou á informal, esta materia encetou nos plans de estudo desta Facultade un espazo de coñecemento, reflexión e valorización do mundo rural en sentido explícito, e con especial atención ao caso do rural galego. Despois de moito tempo case de costas á realidade rural e das escolas rurais do país, por fin este centro aposta por ofrecer unha (modesta, pero cando menos real) formación inicial en materia de educación no rural para os futuros mestres e mestras galegas.
Desde este punto de vista, a metodoloxía na materia basearase máis no debate e na reflexión que nas exposicións maxistrais. O alumnado matriculado deberá realizar varias exposicións orais e traballos escritos a partir de materiais que lle ofreza o docente ou que busquen as/os propios estudantes, respecto das temáticas obxecto de estudo na materia.
Nas sesións de clase haberá oportunidade de visualizar documentais diversos sobre o medio rural, descubrir experiencias pedagóxicas e iniciativas innovadoras no rural, escoitar (no seu caso) a expertos no rural doutras disciplinas científicas, coñecer referentes persoais comprometidos co medio rural, presentar materiais didácticos e debater sobre libros ou artigos relevantes sobre a educación en contextos rurais etc., sempre coa intención de que o alumnado adquira unha visión holística multidimensional (e, na medida do posible, interdisciplinar) sobre o que é o medio rural hoxe (e máis especificamente o galego), sobre o relevante papel que nel cumpren a educación e o rol que o mestre/mestra queira xogar, e sobre a necesidade da dinamización sociocultural rural e do desenvolvemento económico endóxeno para o mantemento da poboación no rural e o beneficio de toda a sociedade.
Intentarase tamén acudir a conferencias, visitar escolas rurais e equipamentos educativo-ambientais rurais de referencia en materia de innovación, e mesmo colaborar con algún proxecto de dinamización rural xa en marcha nestes momentos (Xornadas interxeracionais rurais de Cabreiros-Xermade, Proxecto interxeracional do Centro de Día e do CEIP de Baamonde-Begonte, Xornadas de interpretación e dinamización do medio rural do Carballo-Friol, actividades organizadas polo Grupo de Educación no Rural de Nova Escola Galega, iniciativas da Mesa Galega de Educación no Rural, ou da Rede Galega de Educación e Desenvolvemento Rural, ou da Red Iberoamericana de Educación en Territorios Rurales etc.).
Finalmente, o alumnado poderá desenvolver traballo autónomo de lectura e reflexión dalgún manual científico básico sobre educación en contextos rurais, e/ou algún libro de literatura en lingua galega relacionado co medio rural. Tamén cabe a posibilidade de que cada estudante realice unha pequena indagación de entidades ou webs que traballan a prol do rural, coa intención de presentalas oralmente na clase. Todas estas cuestións detallaranse na aula ao inicio do semestre.
As actividades presenciais en grupo completo (18 horas) están concibidas para desenvolver, aclarar e comentar os contidos da materia que ofrecen unha maior dificultade de comprensión, con especial incidencia nos aspectos básicos e máis relevantes, ao tempo que se resolven os problemas de aprendizaxe iniciais que poden presentar os/as estudantes, que deberán empregar 25 horas de estudo autónomo para dominar os fundamentos da materia. O profesor utilizará varias técnicas expositivas e o estudantado realizará os exercicios que se indiquen de acordo cos contidos tratados.
As actividades en grupo máis reducido (18 horas) desenvolveranse no marco de métodos como a discusión, o debate, o comentario de documentos ou a exposición de traballos, o que esixirá 36 horas de traballo persoal do alumnado, co fin de fomentar unha aprendizaxe autónoma, cooperativa e que permita mellorar a capacidade de exposición pública dos resultados dos traballos realizados (comunicación oral). Con iso propiciarase a adquisición por parte do alumnado das competencias ligadas ao pensamento crítico, ao uso da lingua galega, ás tecnoloxías da información e a comunicación e demais competencias sinaladas.
Ben sexa con actividades ofrecidas de partida polo docente, ben por iniciativa do estudantado, as alumnas e os alumnos serán atendidos polo profesor nas 2,25 horas establecidas de titorías de materia (e secundariamente no horario de titorías académicas de despacho), e en grupos moi reducidos co obxectivo de orientar mellor o seu traballo e a súa aprendizaxe, e polo tanto para asegurar tamén a consecución de todas as competencias arriba sinaladas para a materia, o que esixirá a maiores 13,75 horas de traballo autónomo do alumnado.
Alén das competencias ordinarias, considéranse tamén as competencias xenéricas (competencia de comunicación oral e escrita; análise, síntese e pensamento crítico; competencia informática e informacional; traballo en grupo), que poderán ser obxecto dun programa de formación específico que o profesorado do grao compartirá no seu momento co alumnado. Nese programa incluiranse “actividades interdisciplinares e complementarias” diversas, que terán a mesma obrigatoriedade que calquera outra actividade presencial da materia, e serán consideradas convenientemente na súa avaliación. A este respecto merece especial atención o curso “Competencia informática e informacional” da Biblioteca Universitaria, que o alumnado debería ter realizado, e cuxos resultados serán valorados tamén nesta materia.
Na medida en que o permitan os orzamentos do centro e a situación sanitaria, faranse co alumnado unha ou varias viaxes pedagóxicas (“prácticas de campo”) a lugares de interese para a materia (Museo Pedagóxico de Galicia en Santiago de Compostela, Centro Educativo Santo Anxo de Rábade, Sotavento en Xermade, Centros Penitenciarios de Bonxe ou Monterroso, escolas rurais da provincia de Lugo, Museo-Escola Unitaria de Muimenta-Cospeito, CPI de Castroverde, CEIP Mosteiro de Caaveiro das Neves-A Capela, Meniñeiros-Escola Waldorf de Friol, Museo Etnolúdico de Galicia en Ponteceso etc.), que se aproveitarán para afianzar directamente e in situ os contidos dos temas traballados ata ese momento nas sesións presenciais da materia. Informarase ao respecto no seu momento.
Esta materia e o seu docente participan no proxecto CompetenteS impulsado pola Comisión de Normalización Lingüística da Facultade, co perfil de galego. Por iso o profesor desenvolverá en lingua galega a docencia da materia (expositiva, interactiva e titorial) e todas as actividades ligadas a ela, á marxe de que parte dos textos escritos que o alumnado deberá ler puidesen ofrecerse noutra lingua. O alumnado, pola súa parte, tamén interactuará co profesor normalmente na lingua de perfil da materia, tanto a nivel oral como escrito, tanto nas clases como nas titorías, tanto en actividades presenciais como telemáticas ou non presenciais, tanto se son síncronas como asíncronas.
Precisamente para facilitar o acceso permanente do alumnado aos textos e outros materiais que utilizará o docente para o desenvolvemento dos contidos da materia, abrirase un curso ao respecto dentro do Campus Virtual da USC. En todo caso o profesor controlará a asistencia do alumnado a todas as sesións presenciais da materia, quer de maneira explícita quer implícita.
A adquisición por parte do alumnado de todas as competencias desta materia avaliarase a través das actividades/exercicios que se concretan neste apartado (e na guía docente, no seu caso).
Participación e implicación: ata 3,0 puntos (competencias que se avalían: G.3, G.6, G.7, G.12; E.9, E.14, E.22, E.47; B.1, B.2, B.4, B.5; T.2). Ao ser a USC unha universidade presencial, os seus Estatutos determinan a obriga do alumnado de asistir a clase; ademais, a memoria do título especifica que a asistencia debe ser do 80% como mínimo. Neste sentido, no presente apartado non se valora a asistencia ás clases (xa que, como acabamos de sinalar, trátase dunha obriga e dun requisito avaliativo) senón a participación construtiva e a implicación activa do alumnado en todas as actividades da materia, especialmente nas sesións interactivas e titoriais. Mínimo de asistencia ás clases para puntuar neste apartado: 80%.
Presentacións orais: ata 1,0 puntos (competencias que se avalían: G.3, G.6, G.10, G.12; E.9, E.14, E.22, E.47; B.1, B.2, B.3, B.4, B.5; T.2, T.3). Cada estudante deberá realizar unha exposición (en data que se acordará entre as partes) dun traballo elaborado especificamente para a materia sobre unha das súas temáticas. As condicións concretas baixo as que deberán realizarse as exposicións orais serán detalladas oportunamente na aula. Mínimo de asistencia ás clases para puntuar neste apartado: 80%.
Informes escritos e outras producións: ata 3,0 puntos (competencias que se avalían: G.3, G.6, G.7, G.10; E.9, E.10, E.22, E.47; B.1, B.2, B.3, B.5; T.2, T.3). Á marxe de pequenas actividades que o docente pida na aula de semana en semana, o alumnado elaborará un traballo en grupo sobre unha temática da materia; o docente dará por anticipado cumprida información na clase sobre as condicións para a súa realización e, a petición dos grupos, orientará o proceso de elaboración no seu horario de titorías; a data límite de entrega será fixada de mutuo acordo o día de presentación do programa. Mínimo de asistencia ás clases para puntuar neste apartado: 80%.
Probas específicas: ata 5,0 puntos (competencias que se avalían: G.7, G.10, G.12; E.9, E.10, E.14, E.47; B.1, B.2, B.5; T.2). Haberá unha proba final obrigatoria para todo o alumnado, da que se ofrecerá máis información chegado o momento. Toda a actividade que se desenvolva nas sesións presenciais da materia (máis os documentos achegados polo docente para o estudo non presencial por parte do alumnado), serán considerados de partida como contidos sometidos a avaliación na proba final da materia.
Para os casos de realización fraudulenta de exercicios ou probas será de aplicación o recollido no documento da USC “Normativa de avaliación do rendemento académico dos estudantes e de revisión de cualificacións”.
Con carácter xeral, nas primeiras sesións de clase do semestre o docente ofrecerá con detalle e concreción as orientacións necesarias respecto de cada un dos criterios e instrumentos de avaliación da materia.
En todo caso xa se avanza que, en virtude da participación desta materia no proxecto CompetenteS impulsado pola Comisión de Normalización Lingüística da Facultade (co perfil de galego), e coa intención de que o profesor poida polo tanto avaliar o dominio por parte do alumnado da competencia T.2 da USC (“coñecemento instrumental da lingua galega”, tanto a nivel oral como escrito), as e os estudantes normalmente presentarán en galego tanto as súas exposicións orais como os traballos escritos da materia. Paralelamente seranlles valoradas no apartado “participación e implicación” as súas intervencións en galego. Considerando a natureza da materia, non sería coherente facelo doutra maneira.
A proba final consistirá nun exercicio obxectivo “tipo test” de 50 preguntas de resposta pechada (4 alternativas de resposta en cada pregunta; só unha delas se dará por correcta). Superará a proba toda alumna ou alumno que acade un determinado número mínimo de respostas validadas (as preguntas con resposta errada ou sen resposta non teñen efectos na puntuación); a valoración final da proba será o resultado da multiplicación do número de respostas validadas por 0,1 puntos. Tanto o número mínimo necesario de respostas validadas como o tempo máximo para responder a proba serán informacións que se lle ofrecerán ao alumnado no seu momento; en todo caso esas dúas condicións poden ser similares ou non entre as oportunidades de xaneiro e de xuño.
Á marxe da asistencia a clase (obrigatoria), para aprobar a materia é preciso satisfacer dúas condicións: obter (sumando as valoracións dos catro apartados de avaliación) unha cualificación mínima de 5 puntos (sobre un total teórico posible de 12, aínda que na avaliación final só poderá figurar un máximo de 10 puntos), e tamén ter acadado na proba final un determinado número mínimo de respostas validadas, ao que antes se aludiu. A/O estudante que non acadase algunha destas condicións (calquera delas) recibiría na puntuación final da materia un máximo de 4,0 puntos.
Ao estarmos a falar dunha avaliación continua, o alumnado que precisase acudir á oportunidade de xuño só terá dereito a realizar a proba final, e manteránselle nos restantes apartados as cualificacións obtidas no primeiro semestre, sexan as que sexan. Non se admitirán novos traballos ou exposicións para a oportunidade de xuño.
O alumnado de 2ª convocatoria (repetidor) pode optar por implicarse en todas as actividades que realiza o alumnado ordinario desde inicios do semestre, e neste caso estaría a todos os efectos dentro da casuística xeral. Se decide non participar da actividade ordinaria da materia, de cara á avaliación deberá facer unicamente a proba final (a mesma que o alumnado habitual) e respéctanselle as cualificacións obtidas o curso anterior nos restantes apartados obxecto de avaliación. O alumnado de 3ª e posteriores convocatorias deberá falar co docente no mes de setembro para determinar cal será o seu plan de traballo e avaliación.
De calquera maneira, con carácter xeral o alumnado repetidor deberá poñerse en contacto co docente (empregando o horario de titorías) dentro das dúas primeiras semanas de curso, a fin de acordar o plan de traballo específico que en cada caso se seguirá.
Para o caso do alumnado con dispensa de asistencia a clase recoñecida formalmente, o único exercicio que se lle considerará a efectos de avaliación nesta materia (tanto na primeira como na segunda oportunidade, e en calquera convocatoria) será a proba final que realice o alumnado habitual, pero coa diferenza de que puntuará non sobre 5 puntos, senón sobre 10 (0,2 puntos por cada resposta validada). En todo caso este alumnado deberá pasar a falar co docente necesariamente na mesma semana na que solicita a dispensa, para concretar o seu plan de traballo na materia.
O alumnado que presente calquera tipo de diversidade funcional que lle dificulte a asistencia e/ou o seguimento diario normal da materia, debe poñerse en contacto co docente á maior brevidade, quen terá en consideración a súa situación sempre que veña certificada a través de documento expedido polo Servizo de Promoción e Integración Universitaria (é o servizo da USC competente a estes efectos). Ambas partes acordarán as adaptacións curriculares da materia que fosen pertinentes para atender cada situación particular, e mesmo poderían arbitrar a mesma solución avaliativa prevista para o alumnado con dispensa.
Finalmente hai que significar que cabe a posibilidade de que se desenvolvan accións conxuntas entre a materia “Educación en contextos rurais” e a materia “Xogo infantil”, que os respectivos docentes coordinarán. Unha desas accións sería a que se indica a continuación; para o alumnado que curse simultaneamente as dúas materias, e no caso de que desenvolva un traballo sobre "O xogo de tradición popular", a valor ación deste imputaríaselle ás dúas materias, segundo as seguintes condicións:
- A asistencia a aquelas sesións específicas relacionadas co traballo contaría para as dúas materias.
- O traballo escrito debería ser elaborado respectando as pautas estipuladas para cada unha das materias, e debería entregárselle a cada docente nas datas indicadas en cada caso.
- Cumpridas as condicións anteriores, o traballo sería valorado nas dúas materias, segundo os criterios e puntuación previstos para cada unha delas.
113 horas totais (38,25 presenciais e 74,75 de traballo autónomo), que se reparten do seguinte xeito:
- Actividades expositivas en grupo grande: 18 horas presenciais e 25 de traballo autónomo.
- Actividades interactivas en grupo mediano: 18 horas presenciais e 36 de traballo autónomo.
- Actividades titoriais en grupo pequeno: 2,25 horas presenciais e 13,75 de traballo autónomo.
- Asistencia continuada ás aulas e participación activa nelas.
- Realización do conxunto dos traballos e actividades programadas.
- Lectura atenta da guía docente, no caso de que se ofreza; nese documento detallaranse con máis concreción numerosos aspectos referentes ao desenvolvemento da materia, nomeadamente os relativos a actividades de aprendizaxe, e instrumentos e criterios de avaliación.
- O docente informará na aula ao alumnado cada vez que deixe material para o estudo ou a ampliación de contidos, para o que se creará un curso virtual da materia aloxado no Campus Virtual da USC, a fin de evitar o gasto de papel que implica o indicado anteriormente.
- En atención a criterios de igualdade de xénero no ámbito universitario, recomendase facer uso dunha linguaxe non sexista nin discriminatoria na materia, tanto na actividade cotiá de aula como en calquera traballo escrito que se elabore. Pode obterse información ao respecto en http://www.usc.es/export9/sites/webinstitucional/gl/servizos/oix/descar…
- No que cómpre aos traballos que elabore o alumnado, estes deberán respectar as seguintes condicións:
1. Normas de estilo e formato: ver www.usc.es/gl/servizos/snl/asesoramento/index.html, especialmente o apartado “Criterios lingüísticos”, onde tamén figuran indicacións para evitar a linguaxe sexista. É ademais importante ter en conta o traballado nas sesións de competencias xenéricas de primeiro curso respecto da comunicación escrita. Non hai extensión mínima nin máxima dos traballos, salvo indicación en contra.
2. Emprego responsable de recursos: cada traballo será presentado nun só volume, con folios tamaño DIN A4, grampados (ou encadernados en espiral se o documento contén máis de 50 follas); non incluirá follas en branco no interior nin plásticos ou outros envoltorios innecesarios no exterior; na impresión utilizarase calidade “aforro de tinta” ou “borrador”; sempre que sexa posible, empréguese papel escrito polas dúas caras, e mellor, reciclado; evítese abusar das grosas, das maiúsculas, das cores, e de anexos que non teñan relación cos temas desenvolvidos.
3. Entrega: os traballos poden entregarse ata as 21 horas do día que se sinale como data límite. Deixaranse no compartimento do docente na conserxería da Facultade; tamén poden enviarse por correo postal certificado, sempre e cando o día de envío non exceda a data límite.
4. Valoración: á marxe da calidade dos contidos en si (en relación coa materia), a valoración final de cada traballo terá tamén en conta a gramaticalidade, a cohesión, a coherencia, a adecuación e o formato. O plaxio implicará a desestimación do traballo.
- Normas de comportamento nas clases:
• O alumno/a que entre tarde a clase ou o que saia antes do remate desta: no caso de que fose por razón xustificada, deberá documentarlle ao docente canto antes ese particular; do contrario, tanto nun caso coma noutro, computará como falta de asistencia.
• Durante as clases: o alumnado permanecerá na aula salvo por motivos de urxencia ou de saúde. Por suposto manterá un comportamento adecuado, silencioso, respectuoso e construtivo en beneficio dun bo desenvolvemento das sesións, sobre todo no tocante ao uso da palabra.
• Móbiles, reloxos ou calquera outro aparello/instrumento que poida xerar ruído: estarán apagados durante as clases.
• Ordenadores portátiles, “tabletas”, teléfonos intelixentes ou calquera outro dispositivo dixital: poden ser empregados na aula sempre que o seu uso sexa pertinente ao obxecto de cada clase; por exemplo, navegar por internet durante o desenvolvemento dunha sesión pode estar xustificado ou resultar un uso inaceptable, en virtude do traballo que se estea a realizar na clase nese momento.
• Bebida ou comida: absterse de mascar chicle ou de traer calquera tipo de comida ou bebida ás clases, salvo por motivos xustificables de saúde; se é este o caso, infórmese canto antes ao docente.
• Mobiliario: por favor cóidao, e por suposto non escribas nas mesas (respecta o traballo do persoal de limpeza).
• Ao marchar da aula: deixa ordenado o mobiliario da sala; evita abandonar calquera tipo de residuo ou resto fóra das papeleiras ou dos colectores selectivos. Se usaches o canón e/ou os equipos informáticos, apágaos (tamén os pilotos “stand by”); se es a última persoa en saír, apaga as luces.
Obviamente trátase de normas básicas de respecto e boa convivencia entre persoas adultas, cuxo incumprimento terá efectos na avaliación final da materia. En definitiva, a cualidade e calidade das interaccións que se agardan e esixen de nós como universitarios/as precisan dunha implicación persoal que favoreza a expresión, difusión e creación de ideas libre e respectuosa, a eficacia da formación e a extensión do coñecemento.
- A alumna ou alumno que durante o semestre se vise afectado por calquera circunstancia (persoal, emocional, familiar, económica, de saúde etc.) que dificultase ou impedise o seu progreso normal na materia e/ou a súa asistencia habitual ás sesións presenciais, debería poñer a súa situación en coñecemento do docente o antes posible, por se fose conveniente activar adaptacións metodolóxicas ou avaliativas na materia.
- O alumnado que non asista habitualmente a clase (sexa porque repite a materia ou por outras circunstancias) deberá respectar as datas xerais de entrega de traballos, sendo ademais recomendable que manteña contacto periódico co docente a través das titorías para asegurar o axeitado progreso na materia e a superación dos seus obxectivos de aprendizaxe.
- O docente resérvase o dereito de dar por nulo parcial ou totalmente calquera exercicio de avaliación da materia no caso de detectar que o alumnado ilexitimamente cometeu falsificación ou fraude á hora de preparalo ou respondelo. A cualificación resultante nesa oportunidade da avaliación sería Suspenso.
- O docente é responsable do que di ou do que escribe, non do que se di que di, ou do que se di que escribe. En relación con isto, advírtese e prevense dun uso inadecuado das tecnoloxías e especialmente das redes sociais: cada quen será responsable do que publica ou do que difunde.
- O docente pon a disposición do alumnado, e ao longo de todo o curso, un horario semanal de titorías (as horas concretas figuran tanto na porta do seu despacho, como no apartado correspondente da páxina web da Facultade). Este horario está a disposición do alumnado, que o usará para tratar calquera cuestión que teña que ver coa materia ou coa carreira, e moi especialmente para recibir asesoramento e orientación (sempre que a/o estudante queira, por suposto) de cara a conseguir unha adecuada elaboración tanto das exposicións orais como dos traballos escritos que se han de preparar. Preferiblemente solicítese atención titorial a través do envío previo dun correo-e ao docente, indicando horario desexado.
- Calquera traballo escrito que presente o alumnado para esta materia no actual ano académico poderá ser recollido por calquera dos seus autores ou autoras (no despacho do docente, e no seu horario de titorías en cada momento) ao longo do mes de setembro inmediatamente posterior ao vindeiro ano académico (é dicir, o docente custodia os traballos durante case dous anos académicos). A partir do 1 de outubro seguinte os documentos non recollidos serán destruídos.
Francisco Xose Candia Duran
- Departamento
- Pedagoxía e Didáctica
- Área
- Teoría e Historia da Educación
- Teléfono
- 982821019
- Correo electrónico
- francisco.candia [at] usc.gal
- Categoría
- Profesor/a: Colaborador
| Venres | ||
|---|---|---|
| 09:00-10:30 | Grupo /CLE_01 | Aula 22 |
| 10:30-12:00 | Grupo /CLIS_01 | Aula 22 |
| 10:30-12:00 | Grupo /CLIS_01 | Aula 29 |
| 15.01.2024 12:00-14:00 | Grupo /CLE_01 | Aula 22 |
| 21.06.2024 12:00-14:00 | Grupo /CLE_01 | Aula 24 |
| Docente | Idioma |
|---|---|
| CANDIA DURAN, FRANCISCO XOSE | Galego |
| Docente | Idioma |
|---|---|
| CANDIA DURAN, FRANCISCO XOSE | Galego |
| Docente | Idioma |
|---|---|
| CANDIA DURAN, FRANCISCO XOSE | Galego |