Ir o contido principal
STG

Discurso de Henrique Monteagudo

Discurso de gabanza do doutorando pronunciado polo seu padriño o Doutor D. Henrique Monteagudo Romero, Catedrático de Filoloxía Galega da Facultade de Filoloxía

Momento do discurso de Henrique Monteagudo
Momento do discurso de Henrique Monteagudo

Señor reitor, colegas do claustro, profesora Mary Beard, profesor Ivo Castro, miñas donas e meus señores, amigos e amigas. Antes de máis, déixenme encetar a miña intervención con dous agradecementos. O primeiro débollelo á Facultade de Filoloxía e ao Consello de Goberno da Universidade polo seu apoio á proposta da designación de Ivo Castro como doutor honoris causa da nosa alma mater, proposta que xurdiu do Departamento de Filoloxía Galega. O segundo responde á confianza depositada en min como responsable desta laudatio. É unha inmensa honra, un grandísimo pracer e tamén, un esgrevio desafío.

Ivo Castro naceu en Lisboa en 1945. A súa vida profesional decorreu na Facultade de Letras da Universidade da súa cidade natal, na cal estudou, se formou e ensinou durante 44 anos, e aínda catro máis após da súa xubilación en 2013. Nesa Facultade se licenciou en Filoloxía Románica e se doutorou en Lingüística Portuguesa e nela foi subindo os sucesivos chanzos curriculares ata chegar a profesor Catedrático e Emérito. No folleto que se repartiu neste acto ofrécese un resumo da súa carreira, o que me dispensará de expoñelo aquí, permitíndome deste xeito concentrarme nos aspectos máis significativos en relación co acto que estamos a celebrar.

A maior parte dos traballos do noso doutorando honoris causa inscríbense nas súas dúas principais liñas de investigación, a historia da lingua portuguesa e a edición de textos, ás que cómpre engadir como liñas complementarias a política da lingua e a historiografía lingüística. Unha boa presada dos seus mellores traballos en cada un deses eidos está reunida na colectánea A Estrada de Cintra. Estudos de Linguística Portuguesa. As súas obras máis difundidas, Curso de História da Língua Portuguesa e Introdução à História do Português, insírense na primeira liña, á cal pertencen as súas pescudas sobre as relacións históricas entre o galego e o portugués, tema da súa lección de hoxe, sobre o que volverei brevemente máis adiante.

Naquelas dúas liñas principais inscríbese tamén unha boa parte das teses de doutoramento que dirixiu, que supuxeron a renovación dos estudos de gramática diacrónica e de filoloxía portuguesas. Entre outras, pódense citar —as súas autoras están arestora connosco— Clíticos na história do português, de Ana Maria Martins; A Faculdade das Letras. Leitura e Escrita em Portugal no século XVII, de Rita Marquilhas; Para a história do português médio, de Esperança Cardeira; e O Cancioneiro da Ajuda: Confecção e Escrita, de Maria Ana Ramos. Cada unha delas significou un potente achega innovadora na área respectiva.

No ámbito das políticas da lingua, o noso colega colaborou en títulos tan significativos como A demanda da ortografia portuguesa ou a Proposta de Convencão Ortográfica Mirandesa, e publicou traballos que rapidamente se converteron en referencia obrigada, como “O linguista e a fixação da norma” ou “Forças de União e Separação do espaço da língua portuguesa”, onde toca puntos candentes da sempre viva “questione della lingua” en Portugal e no Brasil e onde deixa patente o seu compromiso ao tempo deontolóxico e cívico en relación coa súa comunidade lingüística.

Canto ao seu contributo á historiografía lingüística, cómpre subliñar a atención que prestou ás figuras fundacionais da filoloxía portuguesa, nomeadamente José Leite de Vasconcellos e Carolina Michaëlis de Vasconcellos, quen lexitimamente poden considerarse tamén precursores da filoloxía galega. Ademais de publicar a correspondencia entre don José e dona Carolina, o noso colega editou o epistolario cruzado entre o primeiro e o lingüista xermano Hugo Schuchardt. Estes traballos derivan directamente da súa familiaridade co legado de Leite. Unha das súas publicacións máis recentes, enmarcada no proxecto de edición do espolio deste grande filólogo e etnógrafo, titúlase precisamente O Legado de Leite de Vasconcellos na Universidade de Lisboa. O manexo dos riquísimos fondos deste permitiulle preparar, coa miña modesta colaboración, a correspondencia deste mestre da filoloxía portuguesa co arquiveiro e medievalista galego Andrés Martínez Salazar, que virá a lume antes de fin de ano.

A edición de textos portugueses de todas as épocas constituíu a súa dedicación máis constante. A este ámbito corresponden unha boa parte da trintena de libros e dos 130 traballos que leva publicado. No ámbito dos textos medievais salientan os seus estudos da “materia de Bretaña”, isto é, das obras de ciclo artúrico, asunto da súa tese de doutoramento, que versou do Livro de José de Arimatea. Nesta área hai que lembrar tamén as súas aproximacións ao texto galego do Livro de Tristan.

Porén, como editor, o foco dos seus intereses concentrouse nas letras contemporáneas, nomeadamente na produción de Camilo Castelo Branco e Fernando Pessoa. Así, dirixe o proxecto de “Edição Crítica e Genética” do autor das Novelas do Minho, proxecto ao que el propio contribuíu coa edición de varios dos seus títulos máis célebres. Porén, non semella arriscado afirmar que o seu contributo máis salientable neste eido, ata o momento, é a dirección da edición crítico-xenética da obra de Fernando Pessoa, á que dedicou catro décadas. Non temos arestora vagar para ponderar o valor e a complexidade deste magnum opus. Deixemos unicamente sinalada a singularidade do legado pessoano, que radica en que este autor publicou en vida unha parte ínfima dos seus escritos mais deixou en herdo un patrimonio literario colosal, composto de case trinta mil pezas en distintos estadios de elaboración —poemas e textos soltos, ciclos esbozados e obras completas— que, conforme foron vindo a lume, axigantaron máis e máis a súa sona, ata convertéreno nunha das voces poéticas máis universalmente recoñecidas do século pasado.

O traballo de edición do espolio de Pessoa, tan vizoso canto inextricable, plásmase nos máis de vinte volumes publicados da súa colección principal, alén de coleccións subsidiarias de ensaios e documentos, e constitúe por si mesmo un monumento da investigación filolóxica contemporánea. A dedicación do noso colega a Fernando Pessoa comezara coa edición, primeiro crítica e posteriormente xenética, do poemario O guardador de rebanhos, a obra principal dun dos seus heterónimos, Alberto Caeiro. A pertinencia da novidosa abordaxe que o noso colega propugnaba quedou demostrada cando a súa pesquisa permitiu refutar o relato do poeta sobre a xénese daquel poemario.

Segundo o seu propio testemuño, Pessoa escribira a case totalidade deste libro un “día triunfal”, nun arrebato de éxtase, durante o cal, posuído por Alberto Caeiro, saíran a feito da súa pluma, nunha “chuva epifánica”, trinta e tantos poemas seguidos nun texto “limpo e safo”. Esta fabulación confundiu varias xeracións de críticos, pois conviña tanto ao esoterismo de Pessoa —taumaturgo, mediúmnico e nigromante— canto ao epicureísmo de Caeiro, quen nos seus versos deita afirmacións como “o que escrevo é natural como o levantar-se o vento” ou “vou escrevendo os meus versos sem querer / ... / como se escrever fosse uma cousa que me acontecesse”.

Non obstante, Ivo Castro trouxo á luz o avultado valume de esbozos e rascuños de moitos dos poemas d’O Guardador e conseguiu identificar nada menos que sete camadas de correccións no manuscrito principal da obra, demostrando que o grande poeta sabía moi ben do que falaba cando escribiu o seu verso talvez máis célebre: “O poeta é um fingidor”. E mostrou ao mesmo tempo que, sendo a literatura un engano construído coas palabras certas, o poeta ten licenza de engaiolar, mais a grande tarefa da filoloxía é a procura da verdade do texto, mesmo a custa do desencanto.

Volvendo aos seus estudos sobre a historia da lingua portuguesa, neles Ivo Castro colocou o galego no lugar debido. Tal cousa, que a primeira vista parecería sinxela, exixiu de certo —usando palabras de Caeiro / Pessoa— “um estudo profundo / uma aprendizagem de desaprender”. O que había que desaprender era unha hipótese arraigada nos medios académicos do país veciño, segundo a cal o idioma portugués provén dun conxectural romance mozarábico falado no centro do país. O noso colega afincou rotundamente a tese da orixe setentrional do portugués, situando as súas raíces na Gallaecia Maior —as terras ao norte do Vouga ata o Cantábrico— e confirmando así a súa comunidade de estirpe co galego. Alén disto, abordou en varios traballos as noticias sobre o noso idioma e mais os debates sobre o seu estatuto lingüístico en estudos como Galegos e mouros: a língua galega vista pelos filólogos portugueses.

Mais, sobre todo, Ivo Castro foi un amigo de Galicia, un visitante sempre gozoso da nosa terra e das aulas da nosa Universidade e un perseverante e eficaz facilitador dos contactos académicos galego-portugueses, decote disposto a abrir portas a calquera iniciativa galega solvente de tipo académico ou cultural. Un verdadeiro practicante da fraternidade galego-portuguesa, na que laborou cun discreto bo facer, vestindo de xestos agarimosos os seus feitos eficaces. Estes xestos e estes feitos levan a pegada inconfundible do intelectual sagaz e da persoa ao tempo xovial e elegante que é. Esa rara combinación de sabedoría científica e xentileza humana fai del un auténtico mestre. Engádase a isto a súa verba escintilante e o seu gusto polo convivio e a conversa, adoito salferida con faíscas de fina ironía.

Con el e coa saudosa Isabel Leiria aprendemos inmenso de Portugal, a súa vida e a súa cultura. E moito temos aínda de aprender das súas leccións de crítica textual, do seu chamado á preservación do patrimonio literario nas institucións públicas e á súa disponibilización nas condicións debidas para o seu estudo e divulgación en edicións rigorosas e dignas. Da súa reivindicación da filoloxía como demanda da verdade, que nos relembra que a principal tarefa da nosa disciplina é o rescate do texto auténtico, tarefa científica, mais tamén ética e política, especialmente urxente nos tempos en que a mentira, a falacia e a falsidade —a chamada postverdade— ofuscan a nosa mente e empezoñan a nosa convivencia. Por algo advertiu o grande poeta que “Quem não vê bem uma palavra / não vê bem uma alma”.

Non me resisto a dar cabo a esta laudatio sen citar unha frase do noso colega que o retrata de corpo enteiro, como amigo máis da verdade ca de Platón, e alén diso dotado da lucidez, a honestidade e a afouteza necesarias para declarala: “a história da língua portuguesa pode ser resumida numa frase: falamos uma língua que nasceu fora do nosso território (de nós, portugueses) e

cujo futuro será em larga medida decidido fora das nossas mãos. A língua portuguesa, numa visão temporal ampla, acha-se de passagem por Portugal”. O patriotismo verdadeiro e limpo consiste en declarar as verdades que proen, non en fomentar as falsificacións que agradan. Lección de moito proveito para todos nós.

Nun dos seus traballos recentes, Ivo Castro evoca a frase do lingüista Peter Swiggers, segundo a cal “a ciência mais não é que uma cadeia que interliga personalidades de cientistas”. Magnífico señor reitor, prezados e prezadas colegas do claustro da Universidade de Santiago de Compostela, ao conferírmoslle ao profesor Ivo Castro o doutorado honoris causa da nosa universidade, engadimos un elo máis a esa longa cadea, unha cadea que non nos prende, senón que nos interliga, cunha lingua, cunha cultura e cunhas xentes irmás, e ao mesmo tempo, coa república universal e libre dos saberes plurais, saberes aos que, como universitarios e universitarias, nos debemos. Permítanme rematar citando os versos finais d’O guardador de rebanhos, traendo aquí o eco da voz inspirada dun poeta a quen o noso colega dedicou moitos dos seus desvelos, e que eu lerei agalegadamente:

“Meto-me para dentro e fecho a janela.
Trazem o candieiro e dão as boas-noites.
E a minha voz contente dá as boas-noites.
Oxalá a minha vida seja sempre isto:
O dia cheio de sol, ou suave de chuva,
Ou tempestuoso como se acabasse o mundo,
A tarde suave e os ranchos que passam
Fitados com interesse da janela,
O último olhar amigo dado ao sossego das árvores,
E depois, fechada a janela, o candieiro aceso,
Sem ler nada, nem pensar em nada, nem dormir,
Sentir a vida correr por mim como um rio por seu leito, E lá fora um grande silêncio como um deus que dorme”.

Dixen.