Ir o contido principal
STG

Responsabilidade Social

A Universidade de Santiago de Compostela cóntase entre as primeiras universidades españolas en desenvolver políticas de responsabilidade social.

Estudantes

En 2004, a USC fixo pública a súa primeira Memoria de Responsabilidade Social, sinalando así a calidade e a transparencia como dous criterios reitores do seu goberno, a súa planificación estratéxica e a súa xestión.

A defensa dos valores da liberdade, a igualdade, a solidariedade, a protección do medio e a sustentabilidade afianzáronse a través das políticas de responsabilidade social da USC e o compromiso do conxunto da comunidade universitaria.

A responsabilidade social fai parte da planificación e da programación estratéxica da USC e obedece aos principios, valores e normas que fixa o seu Código Ético como guías e principios reitores da institución. O Observatorio do Código Ético, coordinado polo valedor da comunidade universitaria, avalía o seu cumprimento.

A xestión social responsable na USC susténtase en tres compromisos:

  • Compromiso coas persoas, que son a pedra angular da institución universitaria e, en consecuencia, suxeitos de dereitos que deben ser garantidos para o seu pleno exercicio. A xestión do capital humano da USC comporta estratexias de mellora da capacitación e da seguridade e a saúde do cadro de persoal, así como o desenvolvemento de beneficios económicos e sociais. O compromiso coas persoas céntrase tamén no fomento da igualdade de xénero e o impulso dos estudos de xénero, de acordo co establecido no Plan Estratéxico de Igualdade de Oportunidades entre Mulleres e Homes da USC, e nun amplo conxunto de accións de integración universitaria das persoas con necesidades especiais e doutras orientadas á conciliación da vida familiar e laboral.
  • Compromiso coa calidade na docencia, na investigación e nos servizos, xa que non hai responsabilidade social sen calidade nin calidade que poida ser entendida sen un firme compromiso coa responsabilidade social. Este compromiso coa calidade reflíctese en diversas actuacións: innovacións e melloras na metodoloxía de ensino-aprendizaxe; adaptación da oferta de titulacións; apoio financeiro á mellora da calidade; formación do PDI e o PAS; promoción do uso das TIC; deseño de programas de inserción laboral do estudantado graduado.
  • Compromiso co desenvolvemento sostible a través do deseño dun novo Plan de Desenvolvemento Sostible aliñado cos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible(ODS) da Axenda 2030 e dun abano de actuacións de formación, divulgación e concienciación ambiental, ademais da xestión integral de recursos e residuos para reducir, absorber e compensar a pegada ecolóxica ou promover novas fórmulas de mobilidade na USC. A USC desenvolve, así mesmo, accións de voluntariado, participación e cooperación internacional, promoción social e formación en valores.

 

A USC rende conta das súas políticas a través da súa Memoria de Responsabilidade Social, onde se avalían sete ámbitos de responsabilidade compartindo obxectivos e actuacións cos seus grupos de interese (PDI, PAS, estudantado, alumnado graduado, provedores, empresas, administracións públicas e organizacións da sociedade civil):

  • Bo goberno e transparencia. Testando o funcionamento e a calidade democrática do goberno universitario, garantindo o exercicio activo dos dereitos e liberdades e realizando dacións de contas consonte aos principios de transparencia.
  • Xestión do capital humano. Impulsando programas de formación e políticas activas de igualdade, conciliación, seguridade e vida saudable.
  • Ecoloxía interna. Promovendo unha xestión integrada do consumo, o tratamento de residuos, a mitigación da pegada ambiental e formas de mobilidade alternativa.
  • Xestión social do coñecemento. Velando pola pertinencia e a calidade da docencia impartida e a investigación desenvolvida na USC, favorecendo o aumento da capacidade investigadora e a transferencia de coñecemento, a formación transversal e o impulso de programas de apoio académico e económico, a mobilidade internacional, a inserción laboral e o emprendemento.
  • Extensión e Voluntariado. Favorecendo a promoción social de actividades culturais e deportivas e unha vida saudable, ademais do compromiso e o activismo social a través do voluntariado e a participación.
  • Desenvolvemento sostible. Impulsando programas de actuación como USClima, USC en Transición, Campus Sustentables e iniciativas de alimentación sustentable e comercio xusto, ademais de apoiar proxectos propios de cooperación para o desenvolvemento.
  • Relacións con outras organizacións. Programas de internacionalización e proxección exterior da USC para a creación de Cátedras Universidade-Empresa, captación de recursos de mecenado e financiamento colectivo ou accións informativas para achegar a oferta académica da USC ao futuro alumnado, ás súas familias e ao persoal docente de centros de educación secundaria.
Os contidos desta páxina actualizáronse o 22.05.2024.