Ir o contido principal
STG

Medallas e distincións

Honras e distincións da Universidade de Santiago de Compostela

De conformidade co artigo 160 dos Estatutos , son honras e distincións da Universidade de Santiago de Compostela as seguintes:

  1. O grao de doutor honoris causa 
  2. A medalla e a insignia de ouro da universidade.
  3. Aquelas outras que se establezan por acordo do Consello de Goberno.

A imposición de honras e distincións farase en acto público, presidido polo reitor, do que quedará constancia nun rexistro que custodiará a Secretaría Xeral.

A Universidade de Santiago de Compostela poderá concederlles o grao de doutor honoris causa a persoas físicas sobranceiras no eido da investigación ou da docencia, no cultivo das artes e das letras, ou ben daquelas actividades que teñan unha repercusión notoria e importante desde o punto de vista universitario no terreo científico, artístico, cultural, tecnolóxico, social ou político. O nomeamento de doutor honoris causa debe expedilo o reitor. Procederase á correspondente investidura nun solemne acto académico adecuado ao tradicional uso universitario.

A medalla de ouro da Universidade de Santiago de Compostela concederáselles a persoas ou entidades que sobresaian dun xeito extraordinario pola súa contribución ao sostemento ou ao cumprimento dos fins da institución.

A insignia de ouro da Universidade de Santiago de Compostela será concedida a aquelas persoas que sobresaian dun xeito especial nos servizos prestados á institución.

A concesión da insignia e da medalla de ouro regúlase polo Regulamento de Honras e Distincións da USC do 14 de marzo de 2008. A concesión do grao de doutor honoris causa regúlase polo Regulamento de concesión de doutoramentos honoris causa, aprobado polo Claustro Universitario o 21 de decembro de 2006 e modificado o 12 de xuño de 2007.

A Universidade de Santiago Compostela tamén ten instituídas, para os efectos honoríficos, as distincións de:

  • Insignia Fonseca,
  • Insignia de Mecenas e
  • Colaborador de Honra da Universidade.

A Secretaría Xeral leva un Libro-Rexistro para cada unha das distincións ás que fai referencia este Regulamento e o artigo 160 dos Estatutos, sinalando a data de entrega e o receptor ou receptores. En cada un deles inscribiranse por orde cronolóxica as diferentes concesións. Este rexistro será público e estará custodiado polo secretario/a xeral.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 09.02.2023.