Ir o contido principal
STG

Uso das redes sociais

Medidas para protexer a nosa privacidade e seguridade cando usamos as redes sociais

Acción formativa en colaboración co Gabinete de Comunicación da USC
Acción formativa en colaboración co Gabinete de Comunicación da USC

As redes sociais marcan a nosa vida pública e gran parte da privada. A través delas recibimos mensaxes de todo tipo: lúdicas, políticas ou laborais, entre elas. Moita xente busca ocupación a través dunha rede social; outras persoas forman grupos con intereses comúns derivados ou non da súa actividade profesional. Falamos de balde coa familia e quedamos coas amizades para os momentos de ocio.

Realmente, as redes marcan o noso tempo e pódennos axudar na comunicación e relacións interpersoais, pero tamén poden ser unha fonte de problemas para a nosa seguridade. Pensemos por un momento nalgunhas cuestións de interese:

  • A cuantiosa información persoal que difundimos a través dos nosos perfís está fortemente exposta e constitúe unha materia prima valiosísima para criminais de todo tipo.
  • Canto publicamos, sexan comentarios ou fotos, persiste no tempo. O dereito ao esquecemento non é doado de exercer nunha rede social, especialmente se alguén descarga os nosos contidos coa intención de empregalos no futuro.
  • A fluidez e apertura destas redes de comunicación por veces supón un risco para a nosa protección. Canda á desinformación derivada do acceso sen control, a sobreabundancia de datos, a escaseza de regulación e o anonimato, as redes expóñennos a programas maliciosos disfrazados de vídeos curiosos, ligazóns a presuntas noticias de interese e moitas outras formas de ataque.
  • O etiquetado de imaxes pode levarnos a violar a privacidade de persoas que non desexan ter presencia nas redes sociais e ven exposto o seu nome, fotografía, amizades e contactos sen o seu consentimento.

Fóra dos usos individuais,  se somos responsables de achegar información da USC ás redes, debemos extremar as precaucións sobre os contidos que compartimos. Temos que ser conscientes de que estamos a representar a institución e podemos lesionar gravemente a súa reputación online se descoidamos as mensaxes que emitimos.

Nas imaxes seguintes desenvolvemos os conceptos do decálogo de recomendacións para usar axeitadamente as redes sociais.