Ir o contido principal
STG

Código ético da USC

Código ético da USC

I. Consideracións xerais

Obxectivos

1. Propor uns compromisos éticos e tornalos visíbeis tanto, exteriormente, de cara á sociedade canto, interiormente, de cara á propia universidade.

2. Satisfacer, con iso, unha tripla función:

  1. Servir de carta de presentación perante a sociedade, mostrando o sentido e as liñas xerais da actividade e a acción da universidade;
  2. Concluír un triplo compromiso ético —da universidade coa sociedade, da universidade co persoal universitario, e entre o persoal universitario— acerca dos obxectivos e os procedementos asumidos pola universidade;
  3. Ofrecer á comunidade universitaria unha guía de actuación que sintetice e exprese en termos éticos o cadro regulamentario e legal vixente e que inspire e estimule o desenvolvemento deste.

Definicións

3. O presente código reúne un conxunto de principios, valores e normas, referidos á actividade interna e á acción social da universidade, que expresan padróns éticos de actuación aptos para servir como pautas reguladoras da práctica individual e colectiva.

4. A forza obrigante deste código reside no compromiso adquirido, de modo expreso e formal, pola comunidade universitaria e, de modo implícito e en consciencia, polos seus membros, que o asumen como referencia orientadora da súa conduta.

 

Suxeitos

5. O presente código é aplicado ás persoas e polas persoas que compoñen a USC: a propia universidade, xunto cos seus órganos e agrupacións, como persoas colectivas, e os distintos integrantes do persoal universitario, como persoas individuais.

6. A efectos deste código, as persoas son axentes:

  • 1) Autónomos, aptos para tomaren as súas decisións e actuaren en consecuencia;
  • 2) Responsábeis, dispostos a asumir os seus actos e as súas consecuencias;
  • 3) Razoábeis, capaces de procurar o seu propio ben e harmonizar esta procura coa dos outros;
  • 4) Con sentido de xustiza, coñecedores da legalidade e prestos a dirimir racionalmente, con obxectividade e imparcialidade, as diferenzas cos outros implicados;
  • 5) Con capacidade de empatía, dispostos a incluír no seu ámbito de responsabilidade a todos os outros afectados polas súas escollas e as súas actuacións, en especial a aqueles que teñen menos capacidade para facer valer os seus intereses ou mostrar o seu valor (oprimidos, desfavorecidos, marxinais, persoas con discapacidade, pobos lonxincuos, xeracións vindeiras, animais, ambiente, etc.).

7. Polas súas características, as persoas posúen dignidade e merecen ser tratadas con respecto, tomando en consideración os seus dereitos, deberes e aspiracións.

II. A Universidade

A USC

8. A USC é unha institución pública, financiada fundamentalmente con fondos públicos, cuxa misión é xerar e transmitir coñecemento, póndoo ao servizo da sociedade mediante a formación de profesionais e a transferencia de saber, atendendo ás demandas sociais e ás necesidades humanas.

9. A USC é unha universidade centenaria, emblemática de Galiza e de España, comprometida coa cultura e a lingua galegas, cuxa actuación se proxecta no espazo galego, hispano, luso, europeo, latinoamericano, e demais espazos que lle sexan propios no contexto dunha sociedade mundial, multicultural e globalizada.
 

Organización

10. Canto á súa estruturación e funcionamento, en consonancia co ordenamento vixente, a universidade adopta:

  • 1) A democracia como modelo organizativo: participación universal, principio de legalidade, alternancia na gobernación, regra da maioría e respecto á minoría;
  • 2) Os dereitos humanos, individuais, sociais, culturais e ambientais como guía de conduta.

11. Como organización, a universidade constitúe unha persoa xurídica que se expresa, axe e responde a través dos órganos unipersoais e colexiados encargados da súa representación, goberno e administración.

Acción social

12. Xunto coa xeración e transmisión de coñecemento, a universidade asume como tarefas e fins seus achegar o seu concurso a:

  • 1) A xustiza social, contribuíndo ao benestar e á nivelación sociais, á equidade entre mulleres e homes, á erradicación da explotación, a opresión, a alienación e a exclusión, indo até a remoción das estruturas inxustas, asumindo e difundindo unha cultura de paz;
  • 2) O progreso cultural, enriquecendo o acervo propio e acollendo a riqueza allea, conservando, labrando e proxectando un patrimonio cultural singular, aberto e universalista;
  • 3) O desenvolvemento sustentábel, coidando o respecto ao ambiente e apostando polo crecemento con equidade, así como pola solidariedade e a cooperación, desde a escala local á global;
  • 4) A dinamización socioeconómica, apoiando as iniciativas emprendedoras e implicándose cos axentes económicos e sociais, en especial no seu contorno.

13. Ademais de na súa propia acción, a universidade observará estas directrices nas súas relacións con outras entidades e persoas.

Actividade interna 

14. A universidade, ademais dunha empresa colectiva con fins sociais levada a feito co esforzo de todos, é tamén un ámbito de traballo onde se dirimen intereses contrapostos, se enfrontan visións diferentes e concorren proxectos grupais e individuais, polo que debe:

  • 1) Procurar o desenvolvemento harmónico e equilibrado das súas partes (campus, sectores, centros, áreas, etc.) e realizar unha política de equidade entre homes e mulleres, que asegure a súa progresión no traballo en condicións de igualdade;
  • 2) Fornecer ao persoal universitario un medio físico seguro e saudábel, atendendo á diversidade funcional, así como ao contexto regulamentario e aos recursos materiais adecuados para desenvolver as súas actividades;
  • 3) Favorecer a realización persoal integral, alén de na súa faceta profesional, do persoal universitario.

 

Funcionamento

15. Como institución pública financiada pola sociedade, a universidade e o persoal universitario deben actuar coidando, administrando e empregando os medios ao seu dispor con senso e responsabilidade.

16. Como institución pública ao servizo da sociedade, a universidade debe actuar con transparencia, dando conta da súa acción e os seus resultados, e eficiencia, procurando optimizar a relación entre os recursos empregados e os obxectivos atinxidos. Así mesmo, debe asegurar a calidade das súas prestacións.

17. Estes imperativos de senso, transparencia, eficiencia e calidade esixen na xestión universitaria profesionalidade, participación, axilidade, flexibilidade e avaliación, e en particular, na xestión económica racionalización e planificación.

18. Como referente ético, a universidade debe espallar os valores secularmente asociados á vida universitaria: a liberdade (de expresión, de investigación, etc.), a igualdade (de oportunidades, de trato, etc.) e a solidariedade (o compañeirismo, o compromiso, etc.), contemplando con ollos críticos a súa propia historia.

19. Así mesmo como referente ético, debe reflectir nela mesma os padróns éticos cuxa satisfacción demanda ao persoal universitario e que aspira a proxectar na sociedade. En consecuencia, deberán presidir a súa actuación a honradez, a veracidade, a xustiza, a eficiencia, o respecto e a responsabilidade.

III.  O persoal universitario

Persoal universitario

20. Aos efectos deste código, o persoal universitario está formado por todos aqueles que, de modo temporal ou permanente, realizan actividades docentes, discentes, investigadoras, administrativas, de servizos ou outras funcións na universidade.

21. A avaliación, selección e promoción do persoal universitario atenderá ao mérito e a capacidade das persoas, apreciados por medio de procedementos públicos, regrados, obxectivos e imparciais, aos cales sexa posíbel concorrer en igualdade de oportunidades e sen que caiba discriminación algunha por razóns de xénero, discapacidade, procedencia académica, ideoloxías políticas, opcións sexuais, crenzas relixiosas, grupo étnico, trazos raciais, etc. 

Boas prácticas

22. O cumprimento das actividades docentes, discentes, investigadoras, administrativas, de servizos e demais na Universidade debe discorrer por canais institucionais e materializarse en prácticas nas cales os suxeitos envolvidos poidan actuar seguindo padróns éticos e lles caiba esperar dos outros a reciprocidade correspondente.

23. A universidade, a través dos seus órganos de goberno, debe proporcionar o cadro regulamentario necesario para o desenvolvemento das boas prácticas, que asegure os intereses xerais, mais contemplando a prosecución e defensa dos lexítimos intereses particulares, e velar pola súa aplicación.

Exercicio das funcións

24. O persoal universitario deberá cumprir as súas funcións con honradez, veracidade, xustiza, eficiencia, respecto e responsabilidade. En consecuencia, deberase actuar con:

  • 1) Honradez, aplicando os seus recursos (coñecemento, capacidade, experiencia) ao cumprimento da función, evitando a interferencia de intereses espurios propios ou alleos.
  • 2) Veracidade, procurando a obxectividade e exactitude na información e na comunicación, mais tamén gardando a debida confidencialidade con respecto a informacións das que participa mais que fican excluídas do dominio público. A veracidade esixe absterse de iniciar, propagar e acoller rumores, mais tamén obriga a non furtar ao debate cantos temas sexan susceptíbeis de tratárense no espazo público.
  • 3) Xustiza, coñecendo a legalidade vixente e, en especial, as normas atinentes á función, obrando en consonancia con estas e, alén disto, actuando con imparcialidade.
  • 4) Eficiencia, en xeral, pondo os mellores medios para a consecución dos fins perseguidos e, en concreto, facendo un uso debido do tempo, o espazo e os recursos, procurando o mellor aproveitamento destes por medio do seu perfeccionamento e da innovación.
  • 5) Respecto, tratando coa debida consideración ás persoas e dispensando, na medida do posíbel, un trato digno aos demais seres.
  • 6) Responsabilidade, asumindo as consecuencias das decisións e os actos propios, en especial cando delas se seguen prexuízos, chegando neste caso, se for preciso, a facer un recoñecemento público, a ofrecer escusas públicas e mesmo, se ha lugar, a presentar a demisión, con independencia das posíbeis sancións regulamentarias ou legais.

Dedicación ao traballo

25. É propio do persoal universitario entregarse ao traballo buscando a excelencia nos ámbitos do ensino e a aprendizaxe, da investigación, da administración e servizos e a proxección social da Institución potenciando sempre a cooperación.

26. O esforzo e a entrega no traballo esixíbeis sono en función das contrapartidas institucionais, legal e regulamentariamente establecidas, contemplando necesariamente unhas expectativas razoábeis de beneficio persoal. Condutas reprobábeis

27. Sen prexuízo das sancións regulamentarias ou legais correspondentes, merecen reprobación o incumprimento e o mao cumprimento das funcións propias e xunto con isto: 

1) O abuso do poder, sexa na forma de actos puntuais de arbitrariedade e extralimitación sexa establecendo relacións de dominación e redes de dependencia do tipo do caciquismo e clientelismo.

2) O uso indebido do tempo, o espazo e os recursos universitarios, ora porque se destinan a fins particulares, dun mesmo ou de terceiros, alleos á función pública ora, tamén, porque o tempo, o espazo e os recursos se malgastan ou se estragan.

3) A actuación en beneficio propio ou en prexuízo de terceiros ou en detrimento do interese xeral, sexa establecendo normas, ditando resolucións, adoptando acordos ou tomando decisións, ao amparo e coa cobertura aparentes do cadro regulamentario e legal vixentes.

4) A participación en procesos decisorios cando están en xogo intereses particulares dun mesmo ou doutros achegados susceptíbeis de resultar beneficiados.

5) A apropiación, desde a ocultación até ao acaparamento, do traballo, os méritos e os beneficios dos outros.

6) O comportamento e o tratamento neglixentes, con desatención das obrigas requiridas e con desconsideración ás persoas, á súa actividade e ás súas expectativas.

7) A aceptación de obsequios e favores vinculados, directa ou indirectamente, ao desenvolvemento da actuación persoal no exercicio das funcións universitarias, así como a subscrición de colaboracións e patrocinios susceptíbeis de condicionar a actuación persoal nun sentido particular alleo, se non contrario, ao funcionamento e as finalidades, ao servizo do interese público e xeral, da institución universitaria.

IV. Cumprimento

Conflitos e incumprimentos

28. En casos de conflito e incumprimento, antes de recorrer aos procedementos e solucións formais regulamentarias e legais, deberá acudirse, de ser posíbel, ás vías e saídas informais: explicación, diálogo, mediación, negociación entre aqueles afectados.

29. No suposto de incumprimento, o presente código só contempla sancións informais: o xuízo da propia consciencia e, alén disto, a súa expresión pública en forma de opinión e crítica, ora entre os actores implicados, ora como materia de discusión e debate nos órganos universitarios. Estas sancións informais teñen un valor estritamente ético e non exoneran dos procedementos e sancións regulamentarios e legais previstos para o suposto incumprimento.

Seguimento

30. Un observatorio, coordenado polo Valedor da Comunidade Universitaria, seguirá e avaliará o cumprimento deste código. A tal efecto:

  • 1) realizará informes periódicos; e
  • 2) recibirá suxestións e queixas, sobre as cales elevará os correspondentes informes.
Os contidos desta páxina actualizáronse o 16.02.2023.