Ir o contido principal
STG

Actividades do IDEGA

O estudo dos problemas do territorio, a consideración da rexión como instrumento idóneo para a promoción do espazo en que se asenta, a planificación económica e urbanística da rexión, os imperativos da descentralización e da desconcentración, as consecuencias do avellentamento da poboación ou os desequilibrios territoriais son, sen dúbida, problemas que requiren que a Universidade aplique todo o seu rigor intelectual para a procura de solucións.

Cartel dunha actividade do IDEGA

Dadas as peculiares circunstancias que Galicia presenta para o seu desenvolvemento (situación periférica, acusado envellecemento, elevadísima dispersión poboacional e fortes desequilibrios internos), resulta imprescindible a existencia dun centro universitario que, desde unha perspectiva transdisciplinar e coa colaboración de diversas entidades públicas e privadas, realice este amplo labor de investigación e estudo da realidade socioeconómica e territorial.

Desde o seu inicio, o IDEGA deu mostras dunha gran capacidade investigadora, aglutinando os principais investigadores das áreas de socioeconomía e territorio tanto da Universidade de Santiago como das universidades da súa contorna, en especial das universidades públicas da Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal (onde hai que salientar que membros do IDEGA desenvolveron un papel esencial na xestación da Fundación Centro de Estudos Eurorrexionais Galicia-Norte de Portugal e promoveron estudos específicos de forte impacto sobre a situación socioeconómica da Eurorrexión). Tamén é destacable a intensa actividade docente en ciclos superiores, o que converteu o IDEGA no referente básico na promoción dos estudos sociais, económicos e territoriais sobre a realidade galega.

Como froito da intensa actividade investigadora e docente desenvolvida, o IDEGA situouse entre os centros de referencia en investigación socioeconómica cunha importante presenza na contorna institucional e da iniciativa privada, o que lle asegura ao IDEGA un papel fundamental no diálogo Universidade-Sociedade. A investigación realizada é altamente competitiva, con grupos de referencia capaces de promover e desenvolver proxectos cada vez máis ambiciosos en relación coas liñas máis innovadoras do panorama científico internacional, o que asegura un enorme potencial de crecemento a curto e medio prazo.

A confluencia de investigadores de dez áreas de coñecemento de Ciencias Sociais, Humanidades e Ciencias Experimentais que posúen notables diferenzas en canto á súa dinámica investigadora (clasificación temática, resultados da investigación, visibilidade, etc.) é a principal singularidade do IDEGA. Un importante número de proxectos realizados, sobre todo os relacionados coa planificación estratéxica territorial, requiriron ademais a incorporación de investigadores doutras áreas científicas, en principio menos afíns (Bioloxía, Física, Arquitectura, Enxeñaría, etc.), pero imprescindibles para o correcto desenvolvemento das investigacións propostas, e coas que é necesario ter unha relación máis estreita, só factible desde unha estrutura de investigación flexible e transdisciplinar como o IDEGA. Este enfoque resulta clave, porque os problemas da sociedade non pertencen a unha soa disciplina, senón que transcenden o ámbito social, económico, cultural e tecnolóxico.

O IDEGA pon a disposición do público, anualmente, esta memoria descritiva das súas actividades, a cal, xunto coas súas publicacións,permiten un mellor coñecemento do centro. Nas memorias anuais recóllese a información completa sobre o noso labor investigador e o resto de actividades que se desenvolveron ao longo do último ano.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 23.04.2024.