Ir o contido principal
STG

O galego na USC

Os Estatutos da USC recoñecen no seu artigo 3 o galego como a lingua propia da Universidade, e recollen o compromiso da USC de potenciar e garantir, no marco das súas competencias, o uso pleno da lingua galega. Tamén o castelán é lingua oficial.

O galego, lingua propia de Galicia

Moitos dos que comezades a estudar na Universidade de Santiago de Compostela, a través de programas de mobilidade estudantil, facédelo porque queredes vivir e estudar fóra, para coñecer unha cultura diferente, atopar novos amigos e aprender outros idiomas. Vés ao lugar ideal: Galicia.

Chegades doutras comunidades autónomas, de Europa, de Latinoamérica e dalgúns outros países. Debes lembrar que Europa non é uniforme, e que a maioría dos seus países tamén agochan a riqueza da diversidade, territorios con características de seu que os fan únicos e exclusivos. Poder coñecer e vivir esas diferencias é un privilexio.

En España conviven diferentes culturas, costumes e linguas, e a súa Constitución mesmo recoñece a existencia de nacionalidades históricas (Cataluña, País Vasco, Galicia). A lingua oficial é o castelán, mais algunhas comunidades teñen as súas propias linguas, con moitos séculos de antigüidade, que tamén son oficiais: o vasco, no País Vasco e Navarra; o catalán, en Cataluña, Valencia e Baleares; e o galego, en Galicia, a onde agora chegas a estudar.

O galego é a lingua propia de Galicia. O galego naceu arredor do século IX d.C como consecuencia da evolución do latín na Gallaecia romana sobre unha base de diferentes falas celtas e paraceltas; posteriormente influíron as linguas dos diferentes pobos que se asentaron no territorio (suevos e visigodos e, en menor medida, árabes). Logo dun período de grande esplendor na época medieval, a lingua galega sufriu un proceso de substitución por parte do castelán que durou séculos e que se incrementou e agudizou coa ditadura franquista. Mais segue sendo a lingua de uso maioritario entre a poboación: fálaa habitualmente ou ás veces un 75% dos seus habitantes e enténdea un 94%.

Dende 1983, en que se aprobou a Lei de normalización lingüística, en Galicia avanzou o proceso de recuperación do galego, a cargo das administracións públicas e de moitas entidades e organismos do noso territorio, que pretenden potenciar e incrementar o emprego do galego na vida pública, na educación, na cultura, na economía, nos medios de comunicación...

A USC e o galego

Os Estatutos da USC recoñecen no seu artigo 3 o galego como a lingua propia da Universidade, e recollen o compromiso da USC de potenciar e garantir, no marco das súas competencias, o uso pleno da lingua galega. Tamén o castelán é lingua oficial.

Na USC o galego é vehículo de expresión habitual nos usos institucionais, informativos e administrativos: a meirande parte dos formularios, solicitudes, folletos e demais documentación que che fornezan estarán escritos na lingua propia da Universidade. Tamén os profesores, alumnos e persoal de administración e servizos (PAS) adoitan falar en galego... Na USC vas oír galego en ámbitos formais e informais.

Nas clases úsase tanto castelán coma galego; apenas hai docencia en inglés. O uso do galego na docencia rolda o 20%, aínda que varía moito duns centros a outros: nalgúns pode chegar a máis do 80%, como Ciencias da Información, e noutros non chegar ao 5%, como Medicina. A lexislación establece que o alumnado e o profesorado teñen dereito a utilizaren calquera das dúas linguas oficiais, castelán ou galego. É posible que teñas profesores que  imparten as súas clases en galego, e a súa escolla debe ser respectada. E ti poderás falar nas clases, redactar traballos ou responder exames na lingua oficial que prefiras, con independencia da do profesor ou profesora.

É conveniente que te afagas ao galego, cando menos a comprendelo: non só porque existe a posibilidade de que recibas clases nesta lingua, senón porque é a lingua habitual de moitas outras institucións, de medios de comunicación (existen unha televisión e unha radio públicas que emiten só en galego, e outros medios emprégano en maior ou menor medida), etc. E sobre todo, porque é a lingua que falan moitos dos teus novos amigos/as, compañeiros/as, coñecidos/as, ou cidadáns e cidadás con que te relaciones.

Aprender galego

O galego é unha lingua románica, polo que se xa sabes algunha outra (sobre todo castelán, catalán, italiano, portugués...) terás moito camiño andado: axiña, se pos ben o oído, serás quen de entender perfectamente o fundamental. En caso de dúbidas, pregúntalle sen medo ao teu interlocutor, que seguro che axudará amablemente. Son moitos os estudantes de fóra de Galicia que levan pasado pola USC sen que se producisen problemas a este respecto.

O galego pode ser a chave que che abra as portas de calquera outra das linguas románicas. Galicia dáche a oportunidade de aprender asemade o castelán e o galego, e esta última, ademais, pode introducirte no portugués debido á súa similitude, pois son linguas irmás que comparten a orixe: ata ben entrada a Idade Media resultaba imposible distinguilas. O portugués fálase en Portugal, Brasil, Angola, Cabo Verde... é a oitava lingua máis falada do mundo. Como ves, co galego podes achegarte a países e persoas que nin pensaras.

Podes afacerte a el antes de vires a Galicia:

Unha vez aquí, a USC proponche:

Aínda tes dúbidas? Consúltaas no Servizo de Normalización Lingüística da USC.