Ir o contido principal
STG

Misión, visión e valores

A USC fai parte do Sistema Universitario Galego (SUG) e, como administración pública, réxese polos principios de legalidade, eficacia, eficiencia, transparencia e calidade, e organízase de xeito democrático, garantindo a participación dos diferentes sectores da comunidade universitaria no seu goberno.

estudante con carpeta

A Universidade de Santiago de Compostela (USC) é unha institución pública de ensinanza superior que mediante a docencia, a investigación e a inno- vación se dedica á xeración, difusión e transferencia de coñecemento de xeito socialmente responsable e cunha conexión directa coas demandas e retos da sociedade galega.

A USC quere ser recoñecida como unha universidade pública de prestixio no ámbito académico e investigador, ao servizo dunha economía sostible e do benestar social e cultural da sociedade galega, exemplar na xestión dos seus recursos e participada democraticamente polos membros da súa comunidade ao redor dun proxecto universitario compartido:

  • Unha universidade que siga a destacar pola súa oferta académica atractiva, capaz de captar o mellor estudantado e permitir unha formación continua dos titulados, e por soster unha actividade investigadora innovadora, de excelencia e conectada coas demandas da nosa contorna para proxectarse como unha universidade de referencia internacional.
  • Unha universidade útil firmemente comprometida coa sociedade, na cal actúa como motor da economía circular e o benestar social, sendo un referente da cooperación social, a transición ecolóxica, o respecto polo medio e a creación e a difusión de cultura.
  • Unha universidade exemplar na xestión transparente e ecoeficiente cos seus recursos; saneada economicamente; integradora e colaborativa, que vincula as súas diferentes unidades nunha estratexia universitaria compartida.
  • Unha universidade gobernada de xeito democrático e participativo ao redor dun proxecto universitario común que pon no seu centro o estudantado para achegarlle unha formación científico-técnica e cívica de calidade e que coida das condicións de traballo do seu PDI e PTXAS para poder dispor dun cadro de persoal altamente cualificado e motivado.

Máis de cincocentos anos de historia construíron unha identidade propia da USC ao redor da liberdade, a igualdade, a inclusión, a xustiza, o pluralismo, a sustentabilidade e o compromiso ético como valores inspira- dores da vida universitaria. Estes valores fan da USC unha institución da sociedade galega comprometida co desenvolvemento sostible, confiable por estar gobernada con transparencia e responsabilidade social e que fai súa unha decidida defensa da igualdade entre mulleres e homes, garantindo a súa participación igualitaria na toma de decisións. Estes valores e principios concrétanse no compromiso institucional da USC:

  • Coa preservación e a potenciación dos propios sinais de identidade da universidade no contexto da sociedade galega e na perspectiva da humanidade.
  • Coa promoción da lingua e cultura galega.
  • Co respecto aos dereitos e deberes de todas as persoas e, en particular, do noso estudantado e das traballadoras e traballadores da USC.
  • Coa procura permanente da excelencia en todas as actividades universitarias.
  • Coa transparencia, o rendemento de contas, a eficiencia e a eficacia na xestión dos recursos.
  • Coa formación integral do noso estudantado como cidadáns comprometidos.
  • Cunha xestión baseada no diálogo, na participación, na confianza e na responsabilidade compartida.
  • Coa equidade e a supresión de todo tipo de discriminacións.
  • Co fomento dunha cultura da paz.
  • Coa transferencia de coñecemento á sociedade como achega ao desenvolvemento social, económico e cultural de Galicia.
  • Co desenvolvemento sostible que afecta aos impactos significativos da organización sobre a economía, o medio ambiente, as persoas, incluíndo os impactos que afectan aos dereitos humanos, e como os xestiona.
Os contidos desta páxina actualizáronse o 01.07.2024.