Ir o contido principal
STG

II Workshop de Biofabricación Aditiva

23.01.2026-24.01.2026

Santiago de Compostela

Facultade de Bioloxía. Foto: Santi Alvite
Facultade de Bioloxía. Foto: Santi Alvite

Máis de 140 investigadores e investigadoras de todo o mundo reunirase os días 23 e 24 de xaneiro en Santiago con motivo do II Workshop de Biofabricación Aditiva. A biofabricación é un campo interdisciplinar que combina principios da bioloxía, a enxeñaría e a tecnoloxía para crear tecidos, órganos e estruturas biolóxicas utilizando células vivas e materiais biocompatibles, mediante técnicas como a bioimpresión 3D. Este proceso permite fabricar pezas vivas capa por capa, replicando a arquitectura e función de tecidos e órganos humanos, o que abre posibilidades revolucionarias en medicina rexenerativa e transplantes.

A desenvolver na Facultade de Bioloxía da USC, o encontro está organizado por Patricia Díaz Rodríguez, Bárbara Blanco Fernández e Luis A. Díaz Gómez, docentes da Facultade de Farmacia e investigadores do Instituto de Materiales (iMATUS), e consolida a Universidade de Santiago de Compostela como un referente en investigación en biofabricación aplicada á biomedicina.

Tras una primeira edición celebrada en Madrid en 2024, o workshop reforza o seu carácter bienal como foro de intercambio científico e tecnolóxico. O programa abordará os principais avances e retos do sector, desde o deseño avanzado de materiais e estruturas ata a súa aplicación en medicina rexenerativa, terapias avanzadas, modelos de enfermidade e alternativas á experimentación animal.

Ao longo das dúas xornadas presentaranse novas estratexias en bioimpresión 3D e 4D, biomateriais dinámicos, andamiaxes intelixentes e sistemas híbridos, con aplicacións en rexeneración de distintos tecidos, así como no desenvolvemento de modelos biomédicos avanzados e personalizados. O encontro complétase con sesións de pósteres e espazos de networking orientados a fomentar a colaboración entre academia, industria e regulación.

O workshop conta co apoio do proxecto europeo IBEROS+, GAIN e empresas destacadas do sector.
 

Os contidos desta páxina actualizáronse o 16.01.2026.