Ir o contido principal
STG

Un total de 119 deportistas déronse cita na segunda edición do 3x3 USC-Obradoiro e no torneo de triplas

Foto de familia con todas as persoas participantes
Foto de familia con todas as persoas participantes
A entrega de premios terá lugar o 10 de marzo no decorrer do partido entre Monbus Obradoiro e Grupo Caesa Seguros FC Cartaxena CB
Santiago de Compostela

A pista central do Multiusos Fontes do Sar de Santiago acolleu este luns 23 un total de 119 deportistas da USC que participaron na segunda edición do 3x3 USC-Obradoiro, así como no torneo de Triplas. Participaron 29 equipos conformados por membros da comunidade universitaria, que verán recompensado o seu esforzo o vindeiro 10 de marzo na entrega de premios que terá lugar no decorrer do partido no que se enfrontarán Monbus Obradoiro e Grupo Caesa Seguros FC Cartaxena CB e ao que todas as persoas participantes están convidadas.  Ademais as persoas  gañadoras de ambas as categorías xogarán contra o equipo MATCH-UP Basket 3x3.

En total, participaron sete equipos femininos, enfrontándose na final ‘Las Pilis’ e ‘Fuentecitas’, ficando as primeiras como vencedoras. Na categoría masculina, competiron  22 equipos, chegando á final ‘Peixiños de Lugo’ e ‘Dame un pico 3x3’, quedando este último como gañador. Ademais, 14 deportistas  participaron no campionato de triplas mixto. A final disputouse entre Pilar Corredoira e Nuno Iglesias Martínez, sendo este último quen se fixo coa competición.  Todos os resultados están dispoñibles no web de Deportes da USC e proximamente publicarase unha memoria fotográfica.

Tanto o campionato 3x3 como o de triplas enmárcanse na colaboración que manteñen a USC e o Club Obradoiro cunha mesma vontade como é a de promover a práctica do deporte como un valor transversal e coincidente cos propios valores universitarios. A colaboración incide ademais na oferta de alternativas de prácticas deportivas a toda a comunidade universitaria da man da colaboración cos clubs do contorno universitario, ao tempo que se fomentan de hábitos de vida saudable. Deste xeito, a USC intensifica a súa relación coas distintas entidades deportivas galegas co dobre obxectivo de fortalecer as xa existentes e tecer outras novas coa súa contorna.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 25.02.2026.