O 11F reivindica a participación plena e equitativa das mulleres e nenas na ciencia
Coa declaración do 11 de febreiro como Día das Mulleres e as Nenas na Ciencia, a ONU busca lograr o acceso e a participación plena e equitativa na ciencia para as mulleres e as nenas, ademais de procurar o seu apoderamento e a igualdade de xénero. Neste contexto, a USC promove ao longo da xornada deste venres 11F unha serie de actividades acordes cos principios deste día reivindicativo.
Levar a ciencia aos centros educativos
Baixo esta premisa, a USC abriu a todos os centros de educación primaria galegos a inscrición en modalidade virtual no programa ‘Unha enxeñeira ou científica en cada cole’. Trátase dunha actividade desenvolvida no marco do convenio de colaboración co Concello de Santiago de Compostela para outorgar visibilidade ao labor de referentes nas disciplinas coñecidas como CTEM (Ciencia, Tecnoloxía, Enxeñaría e Matemáticas) e na que ata o momento só podían participar os centros públicos de Santiago. Polo de agora, esta iniciativa contou coa participación de medio cento de centros educativos. Na súa sexta edición, o programa ofrece once obradoiros en liña de temática variada arredor da física, as matemáticas, a computación, a química ou a óptica que achegan de forma divertida estas disciplinas ao alumnado de primaria, e amosan as contribucións das mulleres nestas áreas. Impartidos por investigadoras e docentes da USC e o CESGA, compleméntanse con outra documentación tamén dispoñible na web da actividade que inclúe referencias a contos e relatos de mulleres que contribuíron ao avance da ciencia e a tecnoloxía. Encina Calvo, profesora da área de Física Aplicada da USC e Eva Aguayo, responsable da Oficina de Igualdade de Xénero (OIX) da universidade, coordinan este programa que busca sementar nos centros de ensino o xerme para que a elección de titulacións deixe de reproducir o nesgo presente nos roles tradicionais de xénero.
Con esta mesma vontade de achegamento aos centros educativos, persoal investigador do grupo de innovación docente do Campus de Lugo da USC XuvenCiencia e do colectivo da mocidade investigadora Agromar, do Campus Terra, sumáronse este venres aos actos promovidos co gallo do 11F, coa celebración de obradoiros de divulgación científica no Ceip Paradai de Lugo. Foi esta unha xornada de encontro e convivencia cos 300 escolares do centro educativo lugués para transmitirlles a súa paixón pola investigación, a fin de espertar futuras vocacións polas diferentes disciplinas científicas. As profesoras na Facultade de Veterinaria da USC Azucena Mora e Marta López Alonso foron dúas das investigadoras do Campus de Lugo que participaron na xornada. A coordinadora de XuvenCiencia, Mercedes Novo, considera que coñecer mulleres e mozas científicas nunha actividade de proximidade e que resulta atractiva para as nenas é un primeiro banzo para crear referentes positivos que reforcen as vocacións femininas no eido da ciencia dende idades temperás.
Outorgar visibilidade a referentes femininas
Os centros singulares de investigación da USC en Química Biolóxica e Materiais Moleculares (CiQUS), así como en Medicina Molecular e Enfermidades Crónicas (CiMUS) e o Instituto Galego de Física de Altas Enerxías (IGFAE) apostaron polo teatro neste 11F. En colaboración coa Xunta de Galicia a través da Fundación Cidade da Cultura, impulsaron o bio-musical científico ‘Christiane’, obra en homenaxe á investigadora Christiane Dosne Pasqualini. A peza teatral representouse este venres no auditorio ‘Xosé Neira Vilas’ da Biblioteca e Arquivo da Cidade da Cultura (Santiago de Compostela) e está orientada fundamentalmente a alumnado de 3º e 4º ESO e Bacharelato. Christiane Dosne Pasqualini chegou con 22 anos a Bos Aires para traballar xunto ao Premio Nobel de Medicina e Fisioloxía, Bernardo Houssay. Nada en Francia, criada en Canadá e arxentina de adopción, dedicouse con paixón á busca das causas do cancro, especialmente da leucemia. Foi ademais a primeira muller en ocupar un asento na Academia Nacional de Medicina. A través desta peza, creada e interpretada pola súa neta Belén Pasqualini, réndeselle tributo a esta figura que cumpriu 102 anos o 9 de febreiro.
Nesta mesma liña, a mostra ‘#SomosQuen: científicas preto de TI’, unha exposición promovida polo Centro Singular de Investigación en Tecnoloxías Intelixentes da USC (CiTIUS), en colaboración co Centro Comercial As Cancelas, abrangue nove investigadoras do eido da tecnoloxía en distintas fases da súa carreira, que reflexionan sobre o seu papel como mulleres e científicas. Paula López, directora adxunta do CiTIUS e unha das participantes da mostra, salientou a importancia de aproveitar estas efemérides para outorgar visibilidade ao traballo que fan as investigadoras do centro. “A exposición pareceunos un bo xeito de levar a ciencia á rúa, unha idea atractiva e próxima coa que presentar o feito de ser muller e ser investigadora como algo natural”, apuntou. A exposición, de acceso libre e aberta a todo tipo de públicos, está especialmente dirixida ao alumnado feminino máis novo, e poderase visitar na planta baixa do centro comercial entre a apertura e o peche das instalacións, dende as 11.00 ata última hora da tarde do xoves 17 de febreiro. Ademais de Paula López, a mostra conta tamén coa participación das investigadoras Dora Blanco, Mariña Canabal, María José Carreira, Ledicia Díaz, Iria de Dios, Faranak Karimpour, Celia Outes, e Silvia Rodríguez.
Ademais, a Escola Politécnica Superior de Enxeñaría (EPSE) do Campus Terra da USC inaugurou este venres unha mostra sobre muller e ciencia. A exposición, que está estruturada en 34 paneis informativos, fai un percorrido polas pioneiras da ciencia, prestando especial atención ao caso das referentes galegas. Neste itinerario científico, a mostra habilitada na EPSE pon tamén o foco en varias das enxeñeiras que completaron a súa formación académica no centro universitario lugués e que na actualidade desenvolven distintos cometidos profesionais, segundo indicou a profesora Ana Isabel García Arias, en calidade de voceira da Comisión de Igualdade de Xénero da EPS de Enxeñaría. A mostra sobre muller e ciencia permanecerá instalada no pavillón da cafetería da EPSE ata o vindeiro 8 de marzo. O acceso é libre e de balde para todo o público interesado.
Masterclass, relatorios, obradoiros e debates
O IGFAE, centro mixto da USC e da Xunta de Galicia, celebrou tamén a terceira edición da Masterclass de Física de Partículas dirixida a alumnas de bacharelato. A masterclass tivo lugar na Facultade de Matemáticas e na Escola Técnica Superior de Enxeñaría da USC coa vontade de promover o acceso e participación plena e equitativa das rapazas no ámbito científico. Pola súa parte, as investigadoras do CiQUS abriron as portas dos seus laboratorios para recibir os estudantes de bacharelato do IES de Valga e do IES Compañía de María. Ademais de coñecer as instalacións do centro, durante a visita desenvolvéronse unha serie de charlas e encontros onde os alumnos e alumnas puideron coñecer mellor ás científicas do CiQUS, a súa traxectoria profesional e o traballo que realizan.
Promovida dende o proxecto de investigación ‘Aprendizaxe ao longo da vida nunha sociedade dixital: formación e recualificación para as novas profesións do mercado de traballo global’ da Axencia Estatal de Investigación e coordinado por Lourdes Mella e Consuelo Ferreiro, a xornada ‘Mulleres STEM do século XXI’ tamén serviu para conmemorar o 11F. A xornada desenvolveuse na Facultade de Ciencias da Educación, para dar a coñecer o relevante papel das mulleres no mundo profesional, empresarial e académico vinculado coas disciplinas STEM; e outorgar visibilidade ao talento das mulleres nas disciplinas e contextos profesionais STEM en Galicia.
Coa mesma vontade, a xornada 'Ultra -Violetas. Os retos da Muller na Ciencia' constitúe un programa de conferencias que conta coas intervencións de Ana Xesús López, presidenta do nodo galego da asociación de mulleres investigadoras e tecnólogas (AMIT); María de la Fuente, doutora en Farmacia, coordinadora e directora executiva de DIVERSA Technologies; Gudalupe Jiménez, profesora do departamento de Filosofía e Antropoloxía Social da USC; Mariama Mussa, doutora en Física; e Irene Romo, estudante de mestrado do CiQUS. A Facultade de Física da USC acolle este foro con motivo do 11F no que as diferentes relatoras achegas as súas respectivas visións verbo da situación da muller no eido científico. Finalmente, o Museo de Historia Natural organizou co gallo deste 11F o obradoiro ‘Investigadoras contra os virus’ co que se pretende expoñer as dificultades coas que se atopan as mulleres para progresar no entorno laboral científico.