Ir o contido principal
STG

Máis de 12.000 alumnos de Ensino Medio de Galicia coñecen á USC a través do Programa 'A Ponte'

No presente curso estanse a realizar un total de 223 visitas a centros de 88 concellos de Galicia

A través do Programa “A Ponte entre o Ensino Medio e a USC”, máis de 12.000 alumnos de Ensino Medio de Galicia recibiron información sobre a Universidade da Santiago a través das visitas de profesores e Persoal de Administración e Servizos da USC aos centros de secundaria. Esta actividade, unha das máis importantes do programa, leva desenvolvidas neste curso un total de 223 visitas en 88 concellos de Galicia, o que supuxo un incremento do 22 por cento con respecto ao ano pasado e dun 53 por cento en relación co curso 2002-03, data de comezo experimental do Programa A Ponte.
Dirixida aos estudantes de entre 4º da ESO e 2º de Bacharelato, os centros de educación secundaria poden solicitar a charla de orientación na que se inclúe información sobre a universidade en xeral e sobre a USC en particular, ofrecendo explicacións sobre as distintas carreiras que se poden cursar, as bolsas, as residencias, programas de intercambio internacionais, saídas profesionais, voluntariado e todas as demais actividades que conforman a vida universitaria.
Asemade, a Ponte conta neste curso con máis de 30 charlas programadas para informar de xeito específico ás Asociacións de Pais e Nais. Os mesmos representantes da USC que acoden aos centros responden nestas reunións ás cuestións máis frecuentes dos pais e nais sobre a futura educación universitaria dos seus fillos, a súa forma de vida ou o seu benestar nos campus de Santiago e Lugo.
Dentro destas visitas orientativas sobre os estudos superiores, o profesorado da USC tamén desenvolve paralelamente outras iniciativas divulgativas vinculadas aos seus respectivos ámbitos de estudo, impartindo conferencias sobre temas máis específicos como o Espazo Europeo de Educación Superior, a Guerra Civil en España, os aspectos máis divertidos das matemáticas, o emprego e as saídas profesionais, o alcoholismo e as drogas, ou os trastornos da alimentación, entre outras moitas cuestións.
As conferencias en DVDA partir deste ano lectivo, todo o estudantado interesado nestas conferencias pode acceder a elas a través da colección ‘A Ponte’ de Divulgación Científica en DVD. O primeiro desta serie recolle a conferencia impartida polo profesor do Departamento de Matemáticas na universidade mexicana de Guanajuato, Adolfo Valenzuela, sobre a Resolución da “Conxetura de Poincare”.
Creado a través do programa A Ponte e gravado polos servizos de imaxe da USC, a edición limitada deste DVD xa se distribuíu en diversos centros de Ensino Medio galegos como o primeiro DVD dunha colección que achegará a todos os estudantes de calquera concello galego diferentes temas científicos.
Os Encontros do Programa A PonteOutra das formas de achegar a Universidade aos alumnos de ensino medio desenvólvese a través dos ‘Encontros’ que ofreceron a máis de 2.760 rapaces diferentes percorridos polos distintos centros da Universidade de Santiago. Deste xeito, cada estudante, independentemente do colexio do que acude, pode visitar as facultades que máis lle interesen.
Acompañados polos bolseiros e voluntarios e recibidos polos representantes dos centros, ademais de coñecer o edificio e as instalacións, os alumnos reciben unha charla específica da carreira, na que se contemplan os requisitos de acceso, os temarios, as saídas profesionais, e outras peculiaridades. Pola tarde e para aqueles centros que o soliciten, estes encontros ofrecen varios percorridos que inclúen o patrimonio histórico da USC, o Museo Luís Iglesias, ou os Institutos de Investigación en Santiago e en Lugo a Visita Guiada pola Cidade Romana, e “Descubre o patrimonio arqueolóxico Lucense”.
“Materias Ponte”Asemade, co fin de facilitar o paso do bacharelato á Universidade, A Ponte desenvolve a actividade “Materias Ponte” na que se ofrecen clases de apoio antes de empezar o curso en materias específicas que poden resultar moito máis complicadas durante o comezo da universidade do que eran en Bacharelato.
Os estudantes pódense matricular nestas clases especiais que se imparten durante o mes de setembro, e que ademais de proporcionar créditos aos que as reciben, permiten unha preparación previa para o que serán as clases na universidade. En 2006-07 matriculáronse 815 estudantes valorando moi positivamente a docencia recibida.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 10.04.2007.