Os 150 anos da Facultade de Farmacia da USC, nunha exposición no Colexio de Fonseca
A Facultade de Farmacia da Universidade de Santiago convida, a partir deste venres. a facer un percorrido polos seus 150 anos de existencia nunha exposición que permanecerá aberta ata o 1 de xullo no Colexio de Fonseca. A mostra enmárcase nos actos que este centro organiza durante todo o ano para conmemorar o seu aniversario.
O reitor Senén Barro presidiu o acto de inauguración, no que participaron ademais o comisario xeral da exposición, o profesor Francisco Díaz Fierros; o decano da Facultade, José Miñones Trillo; o director xeral de Patrimonio Cultural, Felipe Arias; e director de Acción Social da Fundación Caixa Galicia, José Manuel García Iglesias, Asistiron tamén os vicerreitores de Cultura, Relacións Institucionais e de Comunidade Universitaria e Compromiso Social da USC, Elias J. Torres Feijó, Lourenzo Fernández Prieto e José Manuel Mayán Santos, respectivamente.
150 anos de historiaA mostra ‘150 Aniversario da Facultade de Farmacia’ estrutúrase en catro grandes bloques, comezando polos antecedentes onde se presentan os que poden considerarse os precedentes da ensinanza de Farmacia regulamentada, antes do ano 1857, é dicir, farmacias conventuais e hospitalarias, farmacias civís e Protomedicato e o Colexio de Farmacia de San Carlos.
Na parte dedicada á Facultade de Farmacia no século XIX expóñense as orixes do centro no contexto do ensino universitario español, subliñando os aspectos máis significativos dese período como o cadro de profesores, os plans de estudo e a vida dos estudantes. Faise especial fincapé na importancia da química e as ciencias naturais como base dos estudios farmacéuticos, destacando a figura do profesor Antonio Casares e a participacións dalgúns profesores da Facultade en polémicas famosas como foi o caso de Calderón e Macho co darwinismo.
O terceiro bloque céntrase no século XX, salientando a participación da Facultade na vida científica española así como en diferentes ámbitos e problemáticas por onde foi estendéndose e desenvolvéndose a profesión farmacéutica. Cadro de profesores, plans de estudo e novas actividades dos profesionais son algúns dos epígrafes que se consideran neste apartado. As repercusións da guerra civil no centro téñense en conta con feitos como os da farmacia militar ou o exilio para algúns profesores e alumnos. Tamén se destaca o papel da Facultade na introdución de novas disciplinas científicas como a microbioloxía, a bioquímica, a bromatoloxía, a ecoloxía, a edafoloxía, etc.
Por último, no bloque ‘Facultade e Sociedade’ preséntanse aos fillos ilustres da Facultade que foron persoeiros destacados nos campos científico, artístico, histórico, literario e político, ben en Galicia ou noutras comunidades, con referencia a farmacias tradicionais de Galicia, Asturias, Castela-León ou Euskadi. A mostra dedica tamén especial atención á obra de Cunqueiro e súa relación coa Farmacia, á cerámica farmacéutica galega (celta, Sargadelos, etc.) e ás principais tertulias de rebotica galegas e asturianas de antigos alumnos da Facultade, subliñando súas características e transcendencia social.
A exposición está organizada pola Facultade, que aporta os fondos do Museo de Farmacia de Galicia ‘Aniceto Charro’, coa participación da Vicerreitoría de Cultura e o patrocinio da Consellaría de Cultura da Xunta de Galicia e a Fundación Caixa Galicia. Poderase visitar de martes a sábado, de 11 a 14 e de 17 a 20:30 horas, e os domingos e festivos en horario de 11 a 14 horas.