Os 150 anos da Facultade de Farmacia da USC, nunha mostra no Colexio de Fonseca
A Facultade de Farmacia da Universidade de Santiago convida a partir deste venres a facer un percorrido polos seus 150 anos de existencia nunha exposición que permanecerá aberta ata o 1 de xullo no Colexio de Fonseca.
A inauguración, que terá lugar este venres 25 ás 20:00 horas, estará presidida polo reitor Senén Barro e nela intervirán ademais o comisario xeral da exposición, o profesor Francisco Díaz Fierros; o decano da Facultade, José Miñones Trillo; o director xeral de Patrimonio Cultural, Felipe Arias; e o conselleiro delegado de Corporación Caixa Galicia, José L. Méndez Pascual. Está prevista tamén a presenza do vicerreitor de Cultura da USC, Elias J. Torres Feijó; do director de Acción Social da Fundación Caixa Galicia, José Manuel García Iglesias e da directora da Fundación Caixa Galicia, Teresa Porto Pedrido.
A mostra ‘150 Aniversario da Facultade de Farmacia’, que se encadra nas diversas actividades programadas polo centro no presente ano con motivo do seu aniversario, estrutúrase en tres grandes bloques. Así, no Salón Artesoado de Fonseca preséntase o xermolo da Facultade, dende a orixe dos estudos en 1815 coa creación en Santiago dun Colexio de Farmacia ata a posta en marcha do ensino regulado universitario en 1857, e a súa evolución ao longo do século XX. Nesta parte faise especial fincapé nas repercusións da Guerra Civil así como na introdución de novas disciplinas científicas como a microbioloxía, a bioquímica, a fisico-química, a ecoloxía ou a edafoloxía.
No espazo da Capela e a Sacristía saliéntanse aqueles fillos ilustres da Facultade que destacaron nos eidos científico, artístico, histórico e político. Faise así mesmo referencia á cerámica farmacéutica galega -Sargadelos, Celta...- e tamén teñen cabida as tertulias das reboticas sinalando a súa transcendencia social.
A mostra está organizada pola Facultade coa participación da Vicerreitoría de Cultura, a Consellaría de Cultura da Xunta de Galicia e a Fundación Caixa Galicia.