Ir o contido principal
STG

O 1º Curso da Rede Iberoamericana de Novos Materiais para o Deseño de Sistemas Avanzados de Liberación de Fármacos celébrase en Farmacia

A rede ten como obxecto de estudo as enfermidades de alto impacto socioeconómico

Grupos de Arxentina, Brasil, Colombia, México, Portugal e de España, a través da Universidade de Santiago, danse cita esta semana na Facultade de Farmacia da USC, dende este luns 14 ata o próximo venres 18, no 1º Curso da Rede Iberoamericana de Novos Materiais para o Deseño de Sistemas Avanzados de Liberación de Fármacos en Enfermidades de Alto Impacto Socioeconómico (RIMADEL). O obxectivo é crear unha plataforma de intercambio de coñecementos e recursos científicos e tecnolóxicos coa implicación de recoñecidos grupos de investigacións de carácter pluridisciplinar. Ademais, servirá tamén para conformar e consolidar unha rede de investigadores novos de alta calidade académica que constitúana segunda liña de investigadores en cada unha das institucións académicas dos países participantes. A apertura do curso terá lugar este luns 14 ás 16.00 horas na Facultade de Farmacia da USC nun acto que contará coa presenza da decana do centro, Mª Isabel Sández; o director do Departamento de Farmacia e Tecnoloxía Farmacéutica, Ángel Concheiro; e o coordinador da Rede, A. Sosnik. Este último abrirá a quenda de intervencións falando sobre ‘Nanotecnoloxías aplicadas a enfermidades desatendidas’. A profesora Carmen Álvarez-Lorenzo falará deseguido sobre ‘Hidroxeles de ciclodextrinas’. O programa do martes 15, arrancará ás 9.00 horas para tratar aplicacións da tecnoloxía de fluídos supercríticos en impregnación de membranas, continuando con diversos relatores sobre a produción de micro e nanopartícular para estes mesmos fluídos, aplicacións de radiación gamma e UV no deseño de matrices para aplicacións terapéuticas, produción de nanofibras para usos terapéuticos, poliuretanos ou quitosano como plataforma tecnolóxica, entre outros. Ao longo desta semana, os investigadores reunidos en Farmacia prestarán atención particular ao desenvolvemento de sistemas avanzados de liberación de fármacos para o tratamento de enfermidades de alto impacto social e que afectan preferentemente a poboacións pobres de países en vía de desenvolvemento. Neste senso, atenderase de xeito particular a sistemas útiles para a encapsulación de pequenas moléculas insolubles ou inestables no medio biolóxico como, por exemplo, os fármacos antivirais para o tratamento do VIH/Sida e as matrices poliméricas para a inmovilización de moléculas peptídicas e proteínas de intereses terapéutico na área de medicina rexenerativa.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 14.11.2011.