Ir o contido principal
STG

Máis de 200 especialistas internacionais en lingüística inglesa e de corpus reúnense en Compostela no 34 Congreso da Asociación Internacional ICAME

O 34 Congreso da Asociación Internacional ICAME (International Computer Archive of Modern and Medieval English) inaugúrase este mércores 22 ás 16.00 horas no Salón de Actos de Filoloxía nun acto ao que asistirán o reitor Juan Casares Long; o presidente de ICAME e reitor da Universidade de Giessen (Alemaña), Joybrato Mukherjee; a presidenta do comité organizador de ICAME 34 e actual decana da Facultade de Filoloxía, María José López Couso. Participarán tamén no acto de apertura os profesores Teresa Fanego e Ignacio Palacios, directores dos grupos de investigación da USC Variación, cambio lingüístico e gramaticalización e SPERTUS, responsables da organización de ICAME 34. A continuación terá lugar a primeira conferencia plenaria, a cargo da profesora Jenny Cheshire, titulada 'Multiethnolects and English corpus linguistics'. Este ano, por primeira vez na súa historia, o congreso ten lugar nunha universidade española. As sesións do encontro, que se prolongará ata o domingo, darán comezo xa pola mañá con catro talleres dedicados a distintos aspectos da investigación en lingüística de corpus, coordinados polos profesores Karin Aijmer e Hilde Hasselgård ('Cross-linguistic studies at the interface between lexis and grammar'), Gisle Andersen, John Kirk e Susan Lee Nacey ('Compilation and annotation of spoken corpora'), Marcus Callies e Sandra Götz ('Learner corpora and their applications in language testing and assessment'), e Britta Mondorf e Javier Pérez Guerra ('Processing in corpora: Support strategies in language variation and change'). En ICAME 34 participarán como conferenciantes convidados os docentes Jenny Cheshire (Queen Mary, Universidade de Londres), Holger Diessel (Universidade de Jena), Marianne Hundt (Universidade de Zurich) e Ken Hyland (Universidade de Hong Kong). Intervirán así mesmo como relatores outros 200 académicos e especialistas de renome internacional. ICAME

A Asociación Internacional ICAME fundouse en 1977 na Universidade de Oslo. Os seus obxectivos inclúen, entre outros, a recollida e difusión de información sobre os corpus e recursos computarizados existentes a nivel internacional no eido da lingüística inglesa, en calquera das súas vertentes teóricas e aplicadas. Neste sentido ICAME ocupa un lugar destacado polas súas actividades de divulgación e comunicación social da ciencia. Á fronte da asociación figura un comité executivo composto por un elenco internacional de lingüistas, entre os que se encontra a propia profesora López Couso.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 21.05.2013.