Ir o contido principal
STG

2015, un bo ano para deixar de fumar

2015, un bo ano para deixar de fumar
2015, un bo ano para deixar de fumar

Co comezo de cada novo ano moitas persoas se marcan o firme propósito de deixar de fumar, pero non todas o conseguen. Para elas a Unidade de Tabaquismo e Trastornos Aditivos da Facultade de Psicoloxía da USC que dirixe o catedrático Elisardo Becoña ofrece distintos programas e tratamentos psicolóxicos que ao longo dos últimos 30 anos demostraron funcionar eficazmente. Aínda que aumentara notablemente a conciencia social sobre a necesidade de deixar de fumar situando nun 24% a porcentaxe de poboación adulta que fuma a diario, non todo o mundo é capaz de deixar o tabaco por si só e por iso, recalcan dende a Unidade, “acudir a profesionais especializados no tratamento de fumadores e das adicións é unha garantía de éxito”. O profesor Becoña leva traballando desde hai tres décadas na Facultade de Psicoloxía na loita contra o consumo de tabaco ofrecendo tratamentos psicolóxicos a un total de 14.000 persoas fumadoras (entre 230 e 250 novas cada ano), cunha porcentaxe de éxito dúas ou tres veces maior que o placebo ou o autoabandono. O máis coñecido, o seu Programa para deixar de Fumar,caracterízase por proporcionar aos fumadores un conxunto sinxelo de estratexias que van seguindo semana a semana para debilitar paulatinamente as compoñentes fisiolóxica (dependencia da nicotina), psicolóxica (hábito) e social (presión ao consumo). O equipo de profesionais que traballan nese servizo pon dende hai anos especial atención á preocupación do fumador no proceso de abandono de maneira que lle ofrecen distintos programas psicolóxicos asociados que permiten tratar de maneira integral a quen desexe deixar de fumar. Desa maneira se incrementan as probabilidades de éxito “con quen ten medo a engordar ou mesmo con quen chega á Unidade con baixo estado de ánimo”, explica Becoña. Todas as persoas interesadas en deixar de fumar poden anotarse desde xa e ata finais deste mes de xaneiro na Unidade da USC a través do teléfono 881813939 ou por correo electrónico a elisardo.becona [at] usc.es (elisardo[dot]becona[at]usc[dot]es).

Os contidos desta páxina actualizáronse o 12.01.2015.