25 de cada 100 persoas portadoras do VIH non saben que o son

Dúas mesas informativas na Biblioteca Concepción Arenal, en Campus Vida, e na Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais (Campus Norte) reivindicarán o vindeiro luns 20 o Día Mundial da Proba VIH e resaltarán a necesidade da detección precoz, ferramenta que os/as expertos/as consideran fundamental para frear esta cadea de transmisión e para unha mellor diagnose e tratamento das persoas portadoras. Neste senso, estudos neste ámbito alertan de que 25 de cada 100 persoas portadoras do VIH non saben que o son. A Universidade de Santiago, a través da Vicerreitora de Estudantes, Cultura e Responsabilidade Social, colabora coa Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado coa instalación o vindeiro luns 20 das mesas na Biblioteca Concepción Arenal en horario de 11.00 a 13.00 horas e pola tarde, entre as 16.30 horas e as 18.00 horas, na Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais. Nelas, responsables dos centros Quérote+ estarán a disposición da comunidade universitaria para realizar tarefas de información e asesoramento sobre a detección precoz de anticorpos fronte ao virus da inmunodeficiencia humana (VIH); sobre os coidados para a saúde e riscos que entraña o consumo de substancias aditivas; a utilización responsable das novas tecnoloxías e as redes sociais; ou as actitudes e habilidades para unha vivencia plena, responsable e construtiva da sexualidade, entre outras temas. Ao longo da xornada do día 20, Día Mundial da Proba VIH, os céntros Quérote+ desenvolverán a xornada ‘Que fas en 20 minutos?’, en alusión ao tempo que tarda a proba rápida do VIH en dar o resultado. Cartel da xornada do próximo día 20