Ir o contido principal
STG

Máis de 400 persoas asisten na USC á Reunión Bienal da Real Sociedade Española de Física

Máis de 400 persoas asisten na USC á Reunión Bienal da Real Sociedade Española de Física
Máis de 400 persoas asisten na USC á Reunión Bienal da Real Sociedade Española de Física
Celebrarase na Facultade de Química entre os próximos días 17 e 21

Considerada o máis importante evento que celebra a Real Sociedade Española de Física (RSEF), a Reunión Bienal desta organización celebrarase na USC ao longo da vindeira semana coa presenza en Compostela de máis de 400 estudosos/as e profesionais da Física. É un encontro cunha importante tradición xa que se celebra dende 1930 e que este ano coincide co 27° Encontro Ibérico da Ensinanza da Física, coa reunión do Club Español de Magnetismo e a Xornada da Rede Española de Supercomputación.

O programa comezará ás 9.15 horas na Aula Magna da Facultade de Química, cunha serie de conferencias plenarias de Josef Ongena, Teresa Rodrigo (Universidade de Cantabria/CERN) e Paolo Giubelino (GSI/FAIR). A primeira hora da tarde, dende ás 15.15 horas, comezarán unha serie de simposios simultáneos que na xornada do luns estarán dedicados a física nuclear, física de partículas e teórica, enerxía e sustentabilidade, aplicacións e materiais magnéticos, electrónica molecular, física da atmosfera e do océano, información cuántica e termodinámica. Tamén de xeito paralelo comezará o Encontro Ibérico de Ensinanza da Física.

A Bienal
No encontro exporanse os grandes avances científicos e tecnolóxicos logrados nos últimos anos en distintos campos da Física a nivel internacional. A programación inclúe un total de dezaseis conferencias plenarias sobre temas estrela na fronteira da física impartidas por oradores de gran prestixio e con ampla representación internacional, entre eles o Premio Nobel de 2012 Serge Haroche. Ademais está prevista a celebración de tres sesións en formato de mesa redonda ou coloquio nas que se abordarán asuntos de grande interese para a comunidade científica como son a ensinanza e divulgación da Física; transferencia de tecnoloxía e emprendemento; e acceso e oportunidades de experimentación en instalacións singulares de investigación.

Esa edición, con sede na Facultade de Química, está organizada por profesorado da Facultade de Física da USC e socios da RSEF, coas profesores Dolores Cortina e Elena López Lago como presidenta e vicepresidenta da xuntanza, respectivamente. A RSEF é unha institución sen ánimo de lucro fundada en 1903 co fin de promover o desenvolvemento da Física no que atinxe ao coñecemento básico e as súas aplicacións así como fomentar a investigación científica e a ensinanza en todos os ámbitos educativos.

Homenaxe a José Rivas
O mesmo luns 17, tras a clausura do simposio do Club Español de Magnetismo (CEMAG) está previsto un acto homenaxe ao profesor José Rivas, ex presidente e actual socio honorario do club. Esta sesión comezará ás 19.00 horas na propia Facultade de Química.

José Rivas é membro destacado do grupo de investigación Magnetismo e Nanotecnoloxía da USC (Nanomag), ademais de coordinador do grupo de Nanopartículas e nanoestruturas no Laboratorio Ibérico Internacional de Nanomateriais, situado en Braga, do que foi o seu primeiro director. En 1982 accede á unha praza de cátedra na USC e catro anos despois comeza unha nova liña de traballo cun equipo interdisciplinar da USC relacionada coa síntese e caracterización de materiais magnéticos nanoestruturados. Como resultado destas investigacións, fundaron un laboratorio interdisciplinario de Nanotecnoloxía e Magnetismo, onde desenvolveron varios métodos orixinais para a preparación de nanopartículas magnéticas coas súas correspondentes patentes para América e Europa. Este laboratorio creou unha spin-off de alta tecnoloxía denominada NANOGAP, da que José Rivas é co fundador. Ademais, o Ministerio de Industria español outorgoulle un premio nacional de innovación a esta spin-off pola súa ampla gama de partículas de calidade.

José Rivas é autor de varios capítulos de libros, once patentes e máis de 350 artigos científicos. Ademais ten recibido varios premios e distincións e desempeña un papel activo na divulgación das nanociencias, promovendo escolas e conferencias interdisciplinarias e participando na definición da estratexia europea de nanotecnoloxía como membro de varios comités europeos, como o Comité COST NanoSTAG ou o Comité Directivo da Fundación Europea de Ciencia.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 14.07.2017.