72 estudantes de bacharelato concorren este venres na USC á I Olimpíada de tradución de textos clásicos
A Facultade de Filoloxía da USC acolle este venres 10 a I Olimpíada de tradución de textos clásicos na que participarán 72 estudantes de bacharelato de toda Galicia, 45 na proba de latín e os restantes 27 na de grego. O certame, cuxas probas terán lugar a partir das 16.00 horas na aula D08 da facultade, está organizado pola Sección Galega da Sociedade Española de Estudos Clásicos (SEEC Galicia) e o Departamento de Latín e Grego da USC. Outorgarase dous premios de 250 euros, un para cada modalidade. As probas consistirán na tradución dun texto proposto de entre os autores seleccionados para a Selectividade, acompañada dunha análise morfolóxica e sintáctica. No caso da lingua grega, os textos extraeranse do primeiro libro de Anábase e do tamén primeiro de Helénicas, de Xenofonte, e das obras platónicas Critón e Apoloxía de Sócrates. En lingua latina poñeranse textos de Eutropio e Fedro.