Un total de 74 persoas presentaranse na USC ás probas do examen Noken
A Facultade de Filoloxía acollerá o vindeiro mes de decembro unha nova edición do exame oficial de lingua xaponesa Noken, do que o Centro de Linguas Modernas é centro examinador. O primeiro domingo de decembro como vén sucedendo dende 2012, na Facultade compostelá daranse cita 74 aspirantes procedentes de Galicia e outras comunidades de España. O volume de persoas que se presentan á proba mantense estable nos últimos anos, a maioría procedentes de Galicia, pero tamén doutros puntos de España como Zamara, Oviedo ou Salamanca.
Como novidade, a USC será nesta ocasión punto de encontro tamén para alumnado procedente do norte e sur de Portugal. En total matriculáronse seis persoas procedentes de Chaves, Porto, Braga, Lisboa e Paço de Arcos, ademais dunha alumna residente en Galicia pero de nacionalidade vietnamita. O exame oficial de nivel de lingua xaponesa Noken (Nihongo nōryoku shiken) é unha proba empregada para valorar o coñecemento do idioma xaponés, equivalente ao DELE no caso da lingua española, ao CILS para a lingua italiana ou ao Goethe-Institut para a lingua alemá.
Como explican dende o Centro de Linguas Modernas da USC, en Galicia segue aumentando o número de estudantes e persoas que desexan coñecer a lingua xaponesa. Neste senso, a certificación dos coñecementos a través do exame Noken ten validez internacional e, de superalo, outorga un importante valor curricular á hora de formarse en calquera universidade xaponesa, solicitar unha bolsa ao goberno xaponés ou buscar traballos en empresas radicadas en Xapón. O Noken está tutelado e organizado a nivel mundial pola Japan Foundation e a Japan Educational Exchanges and Services (JEES), organismos oficiais con competencias culturais dependentes do goberno xaponés.